ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO | DELEGADO DE CÁRITAS LUGO

Memoria corporal

junio 3, 2023 · 23:23 0

Acaba de aprobarse unha nova lei do aborto. Non comento o tema substantivo, que é a eliminación (non interrupción pois non pode continuarse despois) dunha vida humana única e irrepetible polo seu ADN, iris do ollo, pegadas dactilares… como a ciencia confirma. Ademais realízase nunha fase de maior dependencia, aínda que sempre somos dependentes. Tampouco tratarei sobre a responsabilidade do pai no tema, nin do sistema socioeconómico que fai presión para abortar.

Son consciente que hoxe a memoria está algo desvalorizada no sistema educativo. Tampouco se incide o suficiente nas consecuencias dos comportamentos. Sen embargo, hai que certificar non ter antecedentes penais para exercer certas profesións. Facenda esíxeche gardar os datos fiscais ao menos 5 anos, lembrar contrasinais… Ese desprezo da memoria é un engano e unha mentira… nada piadosa!

Todos escoitamos a persoas dicir que vai cambiar o tempo porque lle doe unha vella fractura ósea ou a cicatrice dunha cirurxía. O seu corpo garda memoria e avísalle dese cambio. Tamén ante un melanoma ou alerxia na pel os dermatólogos dinnos que esta ten memoria.

O embarazo xera cambios hormonais e endocrinos no corpo da nai como a aparición ou incremento de: gonadotropina coriónica humana (hormona test do embarazo), oxitocina, prolactina, estróxenos e proxesterona, volume plasmático e gasto cardíaco… Diminúe o hematocrito, a taxa de hemoglobina e número de eritrocitos… Á embarazada ata lle cambia a expresión da cara, polo que algúns saben do seu embarazo para sorpresa de moitos, o que depende da agudeza visual para ler os sinais.

Cando se elimina un embarazo, loxicamente no seu corpo queda memoria. Neste senso hai uns días na radio, unha muller que abortara dicía que despois se soe quedar embarazada antes e con máis dificultades para levar o embarazo a término.

Nos medios de comunicación fálase pouco do paso de células fetais ao corpo da nai no embarazo. Son células nai pluripotenciais que axudan a reparar diversos órganos do corpo da nai. Hai estudios confirmando a súa participación na reparación do corazón de nais con cardiopatías, onde atoparon células co cromosoma “Y”, froito do embarazo dun varón. Tamén rexeneran o fígado, ril, cerebro… Este transvase comeza na segunda semana e poden permanecer na nai durante décadas ou toda a vida. Isto é algo máis ca memoria: son parte do seu corpo células nai novas de alguén moi achegado, un fillo. Chámanlle “microquimerismo fetal”. Isto axuda a entender a busca apaixonada de nais biolóxicas ou dos fillos. Tamén moi imporante para o que chaman “ventres de aluguer” ou máis ben “explotación de mulleres pobres”.

Ante un aborto podemos preguntarnos, que consecuencias terá a 2, 5, 10, 20, 40 ou máis anos? Como influirá a memoria corporal en cada persoa nos seus diversos momentos vitais? Pode haber negación, rexeitamento, asunción, interpretación, reinterpretación, culpar, culparse… e/ou pasarse duns sentimentos a outros. Hai estudios sobre as consecuencias mentais e psíquicas do aborto que, aínda pouco anunciados, poden consultarse. Mesmo aparecen na música como na cantiga de Nena Daconte, “En que estrella estará”. Tamén están os temas da culpa e do perdón, que non sempre os psicólogos tratan e resolven ben, xa que implican outros ámbitos da vida.

Moitos cren que o aborto xa está asentado na sociedade para sempre. Ignoran que moitos dos activistas máis militantes contra o aborto son persoas que realizaron abortos antes como vemos no distante exemplo de Estados Unidos:

-Dtr. Bernard Nathanson, militante pro aborto con influenza na sentenza Roe vs Wade do supremo (22-1-1973) que legalizou o aborto. Realizou 75.000 abortos incluído o dunha filla. En 1979 deixa esta “industria” e en 1989 é cofundador da Asociación Nacional para revocar as leis de aborto.

-Jane Roe (Norma McCorvey) que provoca a sentenza Roe vs Wade, cambia de bando en 1995 e en 1997 funda “Roe no more”. O 17-VI-2003 presenta unha demanda para que se anule o seu caso polas novas probas de que o aborto prexudica ás mulleres e inclúe mil declaracións xuradas de mulleres arrepentidas de abortar.

-Abby Johnson que abortou dúas veces e dirixía unha clínica en Texas onde se realizaron 22.000 abortos. En outubro de 2009 dimite e convértese en promotora da cultura pro-vida.

O previsible, en consecuencia, é que cada vez haxa máis activistas contra o aborto, como sucede en Estados Unidos que anulou a sentenza Roe vs Wade (24-VI-22) e algún Estado xa prohibe o aborto.

Remato con que cada quen pense e comente como queira unha pintada nun muro da miña cidade a principios dos 90: “DEUS PERDOA SEMPRE, AS PERSOAS ÁS VECES E A NATUREZA NUNCA”.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Delegado de Cáritas Lugo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]