Antón Negro Expósito | Sacerdote e sociólogo | Delegado de Cáritas

O agasallo da Palabra

diciembre 28, 2023 · 23:07 0

Co desenvolvemento da informática e os programas de tratamento de textos facilmente se pensa que estamos diante do maior cambio acontecido na historia da humanidade. Pensar así é debido, entendo eu, á perda da perspectiva histórica do que supuxeron os cambios acontecidos na historia anterior.

Un cambio moito maior foi a invención da escritura, xa que esta supuxo superar, transcender dúas limitacións físicas de golpe: a do espazo e a do tempo. A escritura fai que xa non sexa necesario estar diante de quen fala nin preto para coñecer o que este expresa. A palabra das persoas agora escrita pode “oírse” a centos ou miles de quilómetros de distancia, e tamén centos ou miles de anos despois. Os límites espazo-temporais son transcendidos, superados co que a vida humana toma outra dimensión na comunicación. Os cambios posteriores a ela, como a imprenta e o tratamento de textos, son máis ben graduais, progresivos.

Por outra parte na escritura e na linguaxe é realmente milagroso que con menos de 30 letras se poidan compoñer milleiros de palabras diferentes en centenares de idiomas. Iso sen esquecer a gran bendición que supón que todo coñecemento e experiencia vital que unha persoa lle traspase a outra non leva consigo que os perda para si. Dar coñecementos e experiencia a outros, por tanto, non nos empobrece, senón que ademais nos enriquece.

Así nos achegamos ao máis milagroso que é o regalo, adquisición, descubrimento, invención e uso da linguaxe simbólica e conceptual que abre tantas posibilidades de diálogo, comunicación e comuñón, experiencia, coñecementos, reflexión, autocoñecemento e autotranscendencia… Podemos dicir que a palabra, a linguaxe, fainos persoas humanas. Deste xeito sabemos que, ademais de ser enxendrados bioloxicamente, necesitamos ser enxendrados socialmente, para que mediante o proceso de socialización cheguemos a ser membros colaborativos da sociedade. Somos constitucionalmente seres sociais para o diálogo, a solidariedade e a fraternidade.

Neste senso é moi revelador e moi boa noticia o comezo do evanxeo de San Xoán que se le na Misa do 25 de Nadal e no domingo do 2 ao 5 de xaneiro, se o hai. Nel afírmase que “no principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus, e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus” (Xn. 1,1-2). Dende este evanxeo é fácil de entender que a persoa humana foi creada a imaxe e semellanza de Deus, que isto, ademais de ser moi Boa Nova e Don, ponnos ante a responsabilidade de empregar as palabras dun xeito sagrado para o ben de todos e a non corrompelas na mentira, engano e divisións que deshumanizan e nos apartan de Deus.

Logo Xoán continúa dicindo que “todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito” (1,3) co que nos fai tomar conciencia do poder construtor que ten a palabra para que con ela e a acción correspondente ir creando e recreando a familia, os grupos, as comunidades e ata un proxecto de pobo, nación, varias nacións unidas ou ser unha única humanidade.

Continua: “nela estaba a vida, e a vida era a luz dos homes, a luz aluma na tebra, e a tebra non a deu apagado” (1,4-5). Cantas veces unha palabra amiga non nos iluminou o camiño, non disipou escuridades na nosa vida! Unha Palabra Divina que nos iluminou o camiño da vida e nos deu forza para atravesar a noite e chegar o amencer con novas esperanzas e forzas para unha vida renovada.

A persoa non medra pechándose senón acollendo e dándose porque: “e da súa abundancia recibimos todos nós gracia e máis gracia” (1,16). Cantas ledicias e boas noticias nos viñeron por palabras, especialmente o que chamamos Boa Noticia, Evanxeo! Canta enerxía, alento, gratuidade agraciada, forza e espírito se nos comunicou pola palabra! Por iso enténdese o movemento de médicos que coidan especialmente a palabra como elemento terapéutico, entre os que destaco a Rof Carballo, natural de Lugo (“Juan Rof Carballo: la curación por la palabra” de Antonio Piñas Mesa).

Remata o texto do evanxeo: “a Deus ninguén o viu: o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou” (1,18). O Deus invisible só pode ser coñecido a través da súa Palabra feita ser humano para humanizarnos. Tan fundamental é a palabra que os nosos coñecementos entendémolos con palabras e con elas os transmitimos a outras persoas. Por iso, para a humanidade faise fundamental na convivencia diaria a fidelidade á palabra dada aos irmáns e non é posible medrar en humanidade, se non coidamos humana e divinamente as palabras que empregamos e sendo conscientes que debemos ser coherentes con que “a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda” (1,14) para sandarnos e salvarnos de todo mal.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo. Delegado de Cáritas

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]