Mario Vázquez Carballo | El Progreso 10 de xuño de 2018

A Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento

junio 10, 2018 · 0:00 0

Hoxe, domingo da oitava de Corpus, a cidade de Lugo vólvese vestir de gala para celebrar e renovar a Ofrenda ao Santísimo na nosa Catedral. Este ano o Delegado Rexio do Antigo Reino de Galicia será o Alcalde do Excmo. Concello de Betanzos, e responderalle o Arcebispo de Santiago de Compostela.

Dende o día primeiro de marzo de 1669 no que a Xunta do Reino de Galicia, en A Coruña, outorgou escritura favorable á petición do Ilmo. Cabido da Basílica lucense, coa finalidade de conseguir axudas para incrementar o alumeado no Altar Maior, onde está permanentemente exposto o Santísimo dende tempos inmemoriais, dende entón, nunca se interrumpiu tan significativa tradición. Nin as turbulencias político-sociais, económicas e incluso relixiosas, propias dos tempos de antes e de agora, foron capaces de acalar as solemnes celebracións eucarísticas coas invocacións dos oferentes e as respostas dos bispos respectivos. Tanto as invocacións como as respostas son hoxe unha fonte de riqueza histórica, literaria e espiritual. D. José Molejón, cóengo organista emérito da Catedral, contribuiu a esta rica memoria facendo a recompilación, ata o ano 2000, nun tomo editado polo Excmo. Concello de Lugo.

A conciencia da centralidade da Eucaristía e da presenza real de Cristo nas especies eucarísticas permanece clara na Diocese lucense e na nosa cidade. Cada ano celébrase con máis resplandor o Corpus. Recuperáronse, con gran participación, os tradicionais concursos de poesía e fotografía eucarística e patrimonial. Os concertos internacionais de órgano son a ledicia de moitos lucenses que enchen sempre o lugar da actuación. Os cursos de música contan cun alumnado fiel e desexoso de aprender a loar a Deus a través da cultura musical. O Centro Eucarístico Lucense, fundado cando comezou o episcopado do actual Bispo, estase a implantar con enteireza e contribuíndo a incrementar o estudo do apaixoante mundo eucarístico e patrimonial. Como moi ben afirma o Bispo Alfonso Carrasco, nunha recente publicación bilingüe baixo o título Fe Eucarística, pax. 45, (Lugo, 1918), “o noso orgullo foi profesar aquí con firmeza este miserio da fe, ser a Diocese e a Cidade do Sacramento”.

Poetas de Lugo fixeron e fan memoria destes acontecementos relevantes. Velaquí algúns fragmentos para unha feliz memoria histórica. O Licenciado Molina, malagueño, cóengo de Mondoñedo no século XVI, citado entre os ananos ilustres de España nun poema titulado “Descripción del Reino de Galicia” escribía: “E nesta cidade tampouco non calo estar descuberto na igrexa maior o sacramento sen máis cobertor, que noutras igrexas non podo atopalo. A causa e segredo, querendo acadalo, de estar así posto tan gran sacramento, algunhas se din, mais o meu sentimento é que o mellor é decote adoralo” (Cf. Darío Xohán Cabana, Poetas de Lugo, 43, Lugo, 2007).

Valentín Lamas Carvajal, invítanos cuns versos do poema “De riola por Galicia” a volver a Lugo e visitar ao Santísimo:

“Vamos a Lugo, vamos alá,

ala que xa!

Pobo en Galicia tan relembrado,

a Xesucristo sacramentado

decote mostra na Catedral;

iste é o recordo dunha vitoria,

cantan os cregos himnos de groria,

brilan as luces no santo altar”.

Mario Vázquez

Vicario General

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]