[Nota dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago ante os incendios de Galicia]

“Coidar da casa común. Solidarios coas vítimas dos incendios”

octubre 17, 2017 · 11:12 0

Queridos irmáns,

Ante a traxedia dos incendios forestais, que ademais das perdas materiais, sacrificou vidas humanas e causou grandes sufrimentos a milleiros de persoas, os Bispos da Igrexa en Galicia queremos manifestar a todos os que sofren a nosa solidariedade e solicitude fraterna.

Compartimos ante todo a dor dos que choran aos seus familiares e amigos que perderon a vida e elevamos a nosa oración a Deus para que os acolla xunto a si. Quixésemos que nestes momentos fose real en todas as nosas parroquias da Igrexa en Galicia a experiencia da unidade, do compartir esforzos, dores e angurias, a proximidade do amor fraterno, de xeito que ninguén se senta só na necesidade; e agradecer, ao mesmo tempo, tantos xestos de solidariedade de amigos e veciños, que son un apoio imprescindible para manter a esperanza e a coraxe. Sentímonos particularmente unidos aos pobos e aldeas máis afectadas, unindo a nosa oración á súa, implorando de Deus o don da fortaleza e a confianza.

Parécenos imprescindible igualmente condenar con toda claridade as accións de quen causa voluntariamente este tipo de incendios, que poñen en risco a vida de persoas e tamén danan gravemente e irresponsablemente o medio ambiente tan necesario para a vida. Como dixo o Papa Francisco, «un crime contra a natureza é un crime contra nós mesmos e un pecado contra Deus».

Provocar un incendio é un xesto de grave inmoralidade, no que a persoa pon de manifesto unha actitude ante os irmáns e ante a natureza contraria ao ben querido por Deus.
Isto é moi evidente ante os sufrimentos que padece hoxe a nosa poboación, e especialmente ante o feito tristísimo de quen morreu por mor destes incendios.
Pero é claro tamén se consideramos a consecuencia destas accións na natureza, que é creación de Deus, fonte de vida e de traballo, e que non debería ser destruída como agora vemos. Habemos de respectar a natureza e valorala, na súa bondade, harmonía e equilibrio, como un don que recibimos e un legado que debemos esforzarnos por transmitir ás xeracións futuras. Ao recibir de Deus o dominio sobre o mundo, o ser humano ocupa o seu lugar no planeta como don e privilexio. Por iso ten o deber de cultivar o respecto relixioso pola integridade da creación.

Como en tantas ocasións o Papa Francisco manifestou, ven ben recordar que: «A natureza adoita entenderse como un sistema que se analiza, comprende e xestiona, pero a creación só pode ser entendida como un don que xorde da man aberta do Pai de todos, como unha realidade iluminada polo amor que nos convoca a unha comuñón universal» (Laudato si, 76).
Esta nosa “casa común” é unha condición absolutamente necesaria para a vida de todos. É un préstamo que cada xeración recibe e debe transmitir á seguinte xeración. De aí a enorme responsabilidade en canto ao seu uso.

Quixésemos manifestar, en particular, o noso recoñecemento e apoio aos milleiros de persoas implicadas no operativo de loita contra o lume, os bombeiros, as forzas e corpos de seguridade do Estado e os numerosos voluntarios, que se esforzan por salvar vidas, aliviar danos e evitar a perda de persoas e bens, mesmo á conta de cansazo e riscos persoais. En circunstancias a miúdo extremas, dannos un exemplo admirable de abnegación sen límites.
A partir das nosas comunidades cristiás, das Cáritas Diocesanas e doutras institucións eclesiais, mostramos a nosa dispoñibilidade para a acollida e a axuda incondicional de cantos a necesiten.

Pedimos a Deus que nos axude nestas circunstancias difíciles, especialmente a quen loita contra o lume, e que nos conceda saber estar e traballar unidos para recuperar a nosa terra, que vemos hoxe tan danada e que Deus nos deu para facer posible nosa vida.

+ Julián, Arcebispo de Santiago.
+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.
+ Alfonso, Bispo de Lugo.
+ José Leonardo, Bispo de Ourense.
+Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.
+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.

 

Foto: Eloy. Lume en Ernes, Negueira de Muñiz.

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]