MIGUEL ÁNGEL ÁLVAREZ PÉREZ - PÁRROCO DE SANTA MARÍA DA FONSAGRADA

Entre San Froilán e a Virxe do Pilar

octubre 11, 2025 · 22:40 X

Co mes de outubro, Lugo énchese de vida, de música, de tradición… pero tamén de espiritualidade. As rúas vibran co son das gaitas, os aromas das polas e os postos de feira, e os encontros entre veciños e visitantes que chegan de toda Galicia e máis alá. Celebramos a festa de San Froilán, o noso patrón, ese home de fe que deixou unha pegada profunda na historia da nosa diocese e no corazón dos seus habitantes.

O cinco de outubro non é só unha data no calendario: é unha oportunidade para lembrar que os santos non son figuras distantes, senón irmáns na fe que interceden por nós ante Deus. Nese acto de intercesión está o seu patrocinio: acompañan os nosos pasos, fortalecen as nosas loitas, e alentan a nosa esperanza.

San Froilán, home austero e entregado, representa a forza da fe vivida con humildade e compromiso. A súa vida é testemuño de que a santidade non é algo reservado a uns poucos, senón un camiño aberto a todos os que buscan vivir con autenticidade o amor derramado por Xesucristo en nos. A súa figura convértese nun faro que ilumina a nosa vida cotiá, especialmente nun tempo onde as festas poden converterse en mera celebración externa, baleira de contido. Por iso é vital atopar o sentido profundo que as orixinou. Vivir a celebración de San Froilán non só como festa ou feira, senón como encontro co Sagrado, como recoñecemento da presenza divina na nosa historia e na nosa vida cotiá.

Porque a alegría verdadeira nace da fe compartida, da comunidade que se xunta para celebrar o que nos une máis alá do folclore: a nosa identidade cristiá. Cada procesión, cada oración, cada momento de silencio entre o bulicio da festa é unha chamada a volver ao esencial, a recoñecer que a nosa cultura está impregnada dunha espiritualidade que nos dá sentido e dirección. Lugo, cidade milenaria e do Sacramento, convértese nestes días nun espazo onde o pasado e o presente dialogan, onde a tradición relixiosa se mestura coa celebración popular, e onde cada persoa pode atopar un recuncho para a reflexión e o encontro consigo mesma e con Deus.

E como peche deste tempo festivo, chega o doce de outubro, día da Virxe do Pilar, símbolo da unidade e da fe que sostén a Hispanidade. Celebrar esta xornada é recoñecer que as orixes culturais dunha nación e dun continente non se conservan só nos libros, senón nos corazóns que manteñen viva a súa memoria. A Virxe do Pilar, columna firme da nosa tradición, invítanos a ser construtores de pontes, defensores da unidade e portadores dunha fe que non se avergoña de ser celebrada. A súa presenza maternal recorda que a fe é tamén acollida, tenrura e protección, e que cada cultura pode atopar nela un espello onde recoñecerse e crecer.

Así, entre San Froilán e a Virxe do Pilar, outubro convértese nun mes de festa, si, pero tamén de reflexión. Que estas celebracións nos axuden a descubrir a beleza da nosa fe, a forza da intercesión dos santos, e a importancia de vivir cada festa como un acto de gratitude e compromiso. Que Lugo, nesta época do ano, sexa non só un lugar de encontro, senón tamén de renovación espiritual, onde cada paso dado entre os postos e as rúas nos leve máis preto do corazón de Deus.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de A Fonsagrada