Antón Negro Expósito | Sacerdote e sociólogo | Delegado de Cáritas Lugo

Lembrando a Dom Helder Cámara

septiembre 7, 2024 · 21:35 0

Somos moitas as persoas que tivemos e temos como un referente positivo nas  nosas vidas a Dom Helder Cámara, que o lembramos con agradecemento no 25 cabodano do seu falecemento (27-VIII-99) cando levaba 90 anos vivindo entre nós.

En agosto de 1989, fai 35 anos, algúns tivemos a gracia de compartir en Sarria unha semana de vivencias con el. Presidíanos a Eucaristía, facía oración connosco e deunos algunhas conferencias no curso da problemática Norte-Sur do Movemento Cultural Cristián, a quen acompañou en diversos actos en Santiago de Compostela con motivo da Xornada Mundial da Xuventude co Papa.

Aos que convivimos con el impresionounos a súa enerxía e vitalidade nas conferencias que deu a pesar dos seus 80 anos, a súa profundidade espiritual visible no seu rostro mesmo transfigurado durante a celebración da Eucaristía. Tamén soubemos que ás 2 da mañá se levantaba para estar unhas dúas horas de oración e ás veces escribir algo como consecuencia dos froitos desa oración.

Deses días compartidos en Sarria nos Mercedarios tamén me impresionou a súa admiración por Xoán Paulo II de quen nos dicía que era “un gran Papa e que merecía a palma do martirio”. Despois souben que Xoán Paulo lle chamaba “irmán dos pobres e irmán meu”. Cando este visitou Brasil en 1980 a ditadura militar quería impedir o seu encontro público con Dom Helder, pero o Papa deulle unha longa aperta no aeroporto e contou coa súa presenza durante toda a viaxe.

Dom Helder naceu nunha familia pobre e sendo neno, manifestado o desexo de ser sacerdote, escoitoulle a seu pai dicir que “ser ‘padre’ e ser egoísta non poden ir xuntos. O ‘padre’ ten que gastarse, que deixarse devorar”. Foi ordenado sacerdote aos 22 anos en 1931, nomeado bispo auxiliar de Río de Janeiro aos 43 e arcebispo de Recife-Olinda aos 55, onde exerceu o ministerio ata xubilarse.

A súa vida foi de fidelidade aos pobres, vivindo e loitando por e con eles, mesmo fundando o Banco da Providencia en 1959 para a atención das persoas que vivían na miseria. Foron verdade na súa vida as palabras de San Ireneo, “a gloria de Deus é que o home viva”. Ao final do Concilio Vaticano II cun grupo de 40 bispos, despois de celebrar a Eucaristía nas Catacumbas de Domitila (16-XI-65), asinaron un documento coñecido co nome de Pacto das Catacumbas da Igrexa servidora e pobre. A súa loita cos pobres e por eles tiña unha clara dimensión política ao denunciar a inxustiza estrutural.

Dom Helder foi defensor da non-violencia activa, citaba con frecuencia a Gandhi e mantiña correspondencia e relación con Martin Luther King, a quen viu por última vez en maio de 1967. Escribiu o libro “A espiral da violencia” para denunciala e en especial a primeira violencia, a inxustiza, e poñer en marcha o movemento “Presión Moral Liberadora”. Contribuíu decisivamente ao coñecemento da palabra “concientización” (ideada por Paulo Freire) coa finalidade de “concientizar” para liberar, para facer un “mundo máis xusto e máis humano”, como nos dicía con frecuencia.

Non me sorprende que, a pesar do seu compromiso pola paz mediante a non-violencia activa, a Academia dos Premios Nóbel non lle concedese o da Paz, aínda que foi tres veces proposto, ao igual que a Gandhi, e sendo ambos máis merecedores del ca moitísimos dos que o recibiron. Tampouco é sorprendente que o ameazaran repetidamente, mataran a un colaborador, aínda que a bala era para el, ou enviaran algún sicario para matalo e mesmo que a súa vivenda fose ametrallada.

Axiña será beato, pois o Vaticano aprobou en novembro de 2022 a documentación para a súa beatificación (18 tomos, 60.000 páxinas). A Fundación Mounier publicará axiña na colección Sinergia a súa biografía. Dom Helder fixo realidade na súa vida o que dixo na súa toma de posesión en Recife:

«Son un nativo do nordeste quen fala a outros nativos do nordeste, cos ollos postos en Brasil, en América Latina e no mundo. Unha criatura humana que se considera irmá, na debilidade e no pecado, de todos os homes, de todas as razas e de todas as nacións do mundo. Un cristián que se dirixe a cristiáns, pero co corazón aberto ecuménicamente cara a todos os homes de todos os pobos e de todas as ideoloxías. Un bispo da igrexa católica que, a imitación de Cristo, non vén a ser servido senón a servir». E remataba dicindo: «Non é xusto supoñer que, porque loitemos contra o comunismo ateo, defendemos o capitalismo liberal; e non é lícito concluír que somos comunistas porque criticamos con cristiá valentía unha posición egoísta do liberalismo económico».

Moito temos que aprender de Dom Helder, un exemplo a seguir para calquera de nós.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Delegado de Cáritas Lugo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]