Benqueridos irmáns,
Con gran alegría celebramos unha vez máis o día de Corpus Christi, tan importante na historia da nosa Diocese, no que recoñecemos publicamente a Presenza real de Deus connosco, que nos amou ata entregar ao seu Fillo por nós, o seu Corpo e o seu Sangue.
Neste día queremos adorar solemnemente a Xesucristo presente con nos no Pan Consagrado, recoñecer e agradecer o Amor co que quixo identificarse con nos para salvarnos. Na Santísima Eucaristía o Señor entrégase por cada un e a cada un de nos, invítanos a comulgar con El, sanda o noso corazón e ensínanos a participar e vivir no seu Amor, e logo a recoñecelo presente tamén no próximo, naquel que nos necesita, en todo o que sofre.
O lema de Cáritas neste ano 2024, «Alí onde nos necesitas abrimos camiños de esperanza», recórdanos que, alí onde o Señor nos pon, nestes tempos incertos que parecen querer confiar só na forza e no dominio, estamos chamados a dar testemuño dunha esperanza diferente, que fala a cada un, ao humilde e ao pobre, nacida e sostida en nos pola presenza e o amor de Deus, de Xesús Sacramentado. Nesta nosa festa resoa a invitación a espertar a esperanza, a facelo de verdade e con obras, coa nosa presenza agarimosa na casa e cos amigos e que non se esconde diante das dificultades, coa nosa cercanía e o noso coidado fraterno, especialmente das persoas máis necesitadas: porque perderon o rumbo ou o sentido da súa vida, non atopan oportunidades para saír adiante quedaron sen recursos materiais ou sen unha rede de solidariedade, atópanse sos e sen apoios, febles polos golpes dunha enfermidade ou de calquera outro mal, son inmigrantes ou refuxiados… Como nos lembraba san Xoan Paulo Il: «Non se pode recibir Corpo de Cristo e sentirse lonxe dos que teñen fame e sede, son explotados ou estranxeiros, están na cadea, ou atópanse enfermos» (Congreso Eucarístico de Sevilla, 13 de xuño 1993).
Celebrar o dia de Corpus Christi é acoller e honrar ao Señor Xesús que se fai presente na Eucaristía como alimento de Comuñón. Todos debemos achegarnos a comulgar coa debida preparación, a que se corresponde coa verdade do que facemos, a propia de recoñecer no Sacramento a Aquel que uniu para sempre, con toda a seriedade, o amor a Deus e aos irmáns. Non deberían darse na nosa vida situacións contraditorias con este amor como llo recordaba o apóstolo san Paulo aos cristiáns de Corinto, dicíndolles de cambiar as maneiras de facer: «O primeiro que oio é que cando vos xuntades en asemblea
hai divisións entre vós. Deste xeito cando vos xuntades en común, iso xa non é comer a Cea do Señor, pois ao poñervos a comer, cada un agárrase a súa propia comida e uns pasan fame mentres os outros se emborrachan» (1 Cor. 1 1, 18-21).
Contemplando con fe ao Santísimo Sacramento aprendemos tamén a ver con novos ollos aos que están ao noso arredor, a non deixar que as persoas pasen ao noso lado sen miralas á cara e a descubrir as súas necesidades, pero tamén as súas capacidades para abrir camiños de esperanza, para ser protagonistas da propia emancipación asumindo a liberdade que o Señor nos concedeu. Aprendemos, logo, a non mirar nunca aos demais desde a indiferenza, o xuízo ou a condena, senón con aquela misericordia que ten con nos o Señor, que sempre busca salvar e incorporar a todos á gran familia dos fillos de Deus.
Que as palabras de Xesús no Evanxeo de hoxe, «tomade, isto é o meu corpo», que escoitamos con fe e devoción cada vez que o presbítero as repite na Consagración, nos leven a acoller este seu inmenso Don con gratitude e con fe, como alimento que fai medrar a comuñón e a paz; para que poidamos axudarnos uns aos outros a soster a esperanza no camiño, e ser principio de xustiza e fraternidade na sociedade, en favor do ben común, o de cada un e o de todos.
Feliz festa de Corpus Christi!
Lugo, Cidade do Sacramento, 28 de maio de 2024.
+Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo
Opina sobre esta entrada: