Carta do bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco

A diocese de Lugo súmase ao sufrimento das vítimas e propón unha colecta extraordinaria.

noviembre 1, 2024 · 19:28 X

Queridos irmáns,

Todos contemplamos con consternación o sucedido nas graves inundacións que afectaron estes días a Valencia e Albacete, entre outros lugares. Contemplamos o sufrimento das xentes, de quen perdeu seres queridos, dos que se atoparon en grave perigo e dos que padeceron danos importantes nas súas casas e patrimonios.

É unha situación de gran necesidade, que nos conmove, e na que desexariamos poder ser tamén de axuda.

Estamos convidados ante todo a rezar polos que sofren esta catástrofe. Pidamos ao Señor polo eterno descanso dos falecidos e polo consolo de todos os afectados, para que atopen o sostén da fe e do amor dos irmáns.

Por outra banda, propóñovos a realización dunha “Colecta extraordinaria” polos damnificados, que fariamos o vindeiro domingo día 10 de novembro. É unha forma concreta na que poderemos expresar a nosa proximidade e a calor do noso corazón.

Coincide que este día 10 estaba xa prevista unha “Colecta pola Igrexa diocesana”. Paréceme un xesto adecuado que, como Diocese, destinemos a colecta deste día á emerxencia que sofren os nosos irmáns. Non hai mellor maneira de ser Igrexa Diocesana que vivindo así a caridade do modo máis realista. Participar neste xesto será unha graza e un ben para nós mesmos.

Rógovos, pois, que asumades cordial e xenerosamente a proposta desta “Colecta extraordinaria”. Farémola chegar a través de Caritas, que está a facer unha campaña a nivel nacional con esta finalidade.

Celebremos así este ano o noso ser Igrexa diocesana, alegrémonos de corazón por poder vivir realmente a caridade fraterna, pidamos sempre ao Señor os uns polos outros nas necesidades. E invoquemos agora especialmente a intercesión da Virxe dos Desamparados polos falecidos e os damnificados nesta inundación. Co meu afecto e bendición

Lugo, 1 de novembro de 2024

+Alfonso

Bispo de Lugo

Foto: Arzobispado de Valencia