JESÚS SANTIAGO VÁZQUEZ | DELEGADO DE MISIÓNS DA DIOCESE DE LUGO

Domund 2024. Algo está a cambiar

octubre 20, 2024 · 21:12 0

hai uns días, Monseñor Juan José Aguirre, bispo de Bangassou (República Centroafricana) pronunciaba na catedral de Córdoba un fermosísimo pregón con motivo da Xornada Mundial das Misións (o Domund).

Destacaba a colosal presenza humanitaria dos miles de misioneiros nos cafetais, escolas, orfanatos, hospitais, nos suburbios das grandes cidades, sacando a nenas prostitutas das rúas, ou facendo de intermediarios en negociacións de paz, poñendo sempre pinceladas de tenrura naqueles infernos de irrealidade. Recoñecía velos “no medio da violencia, de disparos de metralleta, poñéndose de escudo humano para parar os pés a radicais que mataban a humildes familias musulmás”.

Poderiamos seguir enumerando tantas accións que os misioneiros realizan en favor dos pobres deste mundo. Salvando as distancias con Monseñor Aguirre, tamén eu fun testemuña da presenza humanitaria dos misioneiros entre os haitianos que sofren fame e unha escravitude máis propia de tempos pasados nas lombas do sur da República Dominicana, nos barrios máis perigosos de Santo Domingo, entre os pastores bereberes das montañas do Atlas en Marrocos, ou na fronteira entre este país e España. Alí, entre eles, tiven oportunidade de atoparme cunha Igrexa viva, chea de esperanza e alegría.

A nosa Igrexa española parece enferma, triste, pouca vida vese nas eucaristías dominicais, e os seus enormes templos están cada vez máis baleiros. Con todo, a Igrexa é universal e, tal como afirmaba o Papa Francisco o pasado 18 de setembro, cinco días despois de regresar da súa viaxe apostólica en Asia e Oceanía, “en terras de misión, respírase un aire de primavera da Igrexa”.

Esas igrexas, fundadas fai unhas poucas decenas de anos polos misioneiros europeos, moitos dos cales eran españois, hoxe floreceron. En África as misas están cheas de xente e as vocacións á vida relixiosa e sacerdotal multiplícanse. A ese continente están a chegar misioneiros procedentes de Filipinas, da India ou indíxenas quechua das montañas do Perú. E a mesma África está a enviar misioneiros a outras partes do mundo, incluído países onde o cristianismo está en claro retroceso.

Hoxe, domingo 20 de outubro, a Igrexa celebra o Domund, unha campaña de recolección de donativos en todo o mundo para ser redistribuídos en proxectos ou axudas en terras de misión. E digo en todo o mundo, porque os cristiáns de Sudán do Sur, Benín, o Congo, Nixeria, India, Paquistán, Haití, Brasil e de tantos outros lugares que son receptores das axudas das Obras Misionais Pontificias, tamén achegan os seus donativos. É un claro exemplo de que a conciencia misioneira da Igrexa está universalizándose.

Nós temos hoxe a oportunidade de axudar a todos eses misioneiros presentes en tantos infernos deste mundo, sempre cun sorriso, porque saben que o Deus da vida, da paz e o amor non abandona aos pobres.

Jesús Manuel Santiago Vázquez

Delegado de Misións da diocese de Lugo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]