ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO

¡Convencéronnos coa propaganda do fillo querido!

febrero 13, 2021 · 23:01 X

Houbo unha época na que se falaba moito dos fillos desexados, dos fillos queridos e isto soaba moi ben. Parecía imposible que houbese persoas que non estivesen de acordo con esa postura.

O título non está improvisado, senón que pretende ser coherente co que se escribe a continuación.  Esa propaganda do fillo querido supuxo en min unha crise cando vin a definición do fillo querido, tanto polo medio no que aparecía coma pola definición en si mesma.

O medio no que aparecía escrita era a “Revista Española de Investigacións Sociolóxicas” (nº 39, ano 1987, páx. 202) que naquel intre dirixía unha tal Rosa Conde, que tamén dirixía o “Centro de Investigacións Sociolóxicas”. O nomeamento para a dirección desas dúas institucións era e segue sendo cousa do Goberno do momento, o que quere dicir que era basicamente parte integrante do Goberno e, por tanto, do partido do Goberno. Máis tarde foi ascendida a Ministra da Presidencia e Portavoz do Goberno, cando andaba nos xulgados o tema dos GAL.

A definición dada do fillo querido é a seguinte: “SE O CUSTE DE PREVIR O NACEMENTO DUN NENO É MAIOR CÓ DO NENO, ESTE PODE SER DEFINIDO COMO DESEXADO”. Relina varias veces para entendela ben, de forma que me quedou gravada na memoria e tiven claro que é unha definición para enmarcar e repensar polas consecuencias que se poden derivar dela.

Para entender ben esta definición convén ter en conta as dúas tendencias que están sempre presentes no corazón dos humanos: a tendencia ó amor e a tendencia ó egoísmo. A definición está no ámbito da tendencia ó egoísmo, por iso a un humanista serio remóvelle a conciencia esta definición por estar feita en clave de egoísmo e comenencia.

En consecuencia, entre a aspiración ética a un ideal de vida ó que estamos chamadas as persoas ou a praxe dun materialismo existencial, esa definición móvese nun ámbito materialista pechado, no dos custes, é dicir, o capital, o diñeiro e o beneficio. O camiño cara ós grandes ideais humanos de vida redúcese ás comenencias materialistas, ou á unha praxe de vida só dentro dos límites do materialismo economicista.

Se se lese máis o Evanxeo veríase que aquí sería iluminadora a parábola do trigo e o xoio: o ben e o mal, o amor-solidariedade e o egoísmo están mesturados na vida humana e con eles temos que convivir… pero coidando especialmente do trigo para fortalecelo e non arrincalo (Mt. 13, 24-30). Tamén resultaría esclarecedora esta outra pasaxe: “Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo. Pois, ¿de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro, se el se perde ou arruína?” (Lc. 9, 24-25).

Falar do fillo desexado, como se facía na definición, deixa no inconsciente que os fillos son en xeral indesexados, un problema, unha privación de liberdade. Así mo manifestaba un pai de familia novo, ó que lle dicían os amigos que se vivía moito mellor sen ter fillos… Eu aclareille: “Estanche dicindo que, se non se animan a sacrificarse por un fillo seu, é moito máis probable que non se sacrifiquen por un veciño ou colega, e loxicamente tampouco por ti”.

No comezo dos noventa díxome un amigo que unha asistente social, que traballaba nun Centro de Planificación Familiar, lle informara que o maior número de esterilizacións que fixeran nos últimos anos era a parellas (matrimonios) sen fillos e descendía nesta orde con un, dous e tres fillos, pero con catro ou máis non fixeran ningunha esterilización. É entendible que sexa así, aínda que non sexa moi razoable.

No libro de Alejandro Macarrón, “Suicidio Demográfico en Occidente y Medio Mundo”, di que entre o 25 e 30 % das persoas nacidas a partir de 1970 non terán fillos e engade que entre o 40 e o 50 % non terán netos, é dicir, non serán avós. Isto leva consigo que ao final da súa vida as súas relacións afectivo-familiares serán moi pobres, moi escasas.

Esta propaganda antinatalista pon o foco contra a Igrexa Católica buscando facer que se acolla acriticamente. O obxectivo é provocar para que arremetan con sectarismo contra a Igrexa e así asuman esa propaganda. Por iso cando poñen na diana á Igrexa Católica como unha institución perversa, escurantista, malvada… é importante tomar distancia, analizar e buscar honestamente a verdade para protagonizar a propia vida, ou, se un se atreve, facer o que facía o gran escritor inglés Chesterton: defender á Igrexa Católica para que se anime a conversación e documentarse para facelo con argumentos serios.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo