Queridos irmáns,
O próximo 18 de xuño celebramos un ano máis a gran Festa do Corpus Christi, na que profesamos solemne e publicamente a nosa fe Naquel que é a pedra angular sobre a que se asenta toda a nosa vida. Nesta celebración contemplamos de modo particular quen é Xesús, o noso Señor, como é o seu amor e que fixo por nós, entregándonos real e plenamente o seu Corpo e o seu Sangue para que vivamos unidos a El e aos nosos irmáns.
O día de Corpus lémbranos as realidades máis importantes da nosa fe. E en primeiro lugar o gran misterio da Encarnación; é dicir, que Deus quixese asumir a condición humana, facerse home con todas as consecuencias, transformando a súa carne e sangue en fonte de vida, como celebramos nesta festa: “o que coma deste pan, vivirá para sempre. E o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo” (Xn 6,51).
Así sabemos que nada humano, nada noso, é alleo ou estraño a Deus; que non estamos sós nos desafíos que nos toque afrontar cada día, porque Deus fíxose compañeiro de camiño; que, pola Eucaristía, El habita en nós e nós nel. E temos a alegría de saber tamén que xa non habemos de temer, nin sequera nos momentos de sufrimento ou ante a morte, que en toda circunstancia cada un de nós poderá dar froitos de amor e de xustiza, de humanidade verdadeira. Neste sentido compréndese a frase que acompaña ultimamente os carteis de Caritas: “Ama e vive a xustiza”, que nos invita a seguir a lóxica profunda de quen cre en Xesús, o Fillo de Deus, e recibe das súas mans o sacramento do Pan e o Viño consagrados.
Unha segunda dimensión esencial da nosa fe que pon de manifesto a festa de Corpus é que somos Corpo de Cristo, como nos lembra moitas veces San Paulo. Xesús é a Cabeza e nós os membros, que vivimos dun mesmo Espírito, que nos alimentamos dun mesmo Pan, que temos na Caridade un mesmo principio de acción, sendo diversas a misión e os dons de cada un. Isto proclama o lema do Día da Caridade deste ano: “chamados a ser comunidade”.
En efecto, non é posible separar a unidade dos irmáns e a caridade, porque ambos son o froito verdadeiro do sacramento da Eucaristía, que xorde do amor inmenso que move o corazón do Señor. Coidemos, por tanto, a unidade e a fraternidade entre nós, nas nosas familias e parroquias, nos nosos pobos e cidades. Esta actitude, este espírito cristián, está nos fundamentos da nosa convivencia desde fai moitas xeracións. Pero non podemos dalo por suposto, senón que habemos de pedilo sempre ao Señor Xesús, a quen adoramos este día publicamente nas nosas rúas: que non venza o noso egoísmo, senón a caridade que recibimos en Tí; que haxa paz nas nosas casas e no noso tempo.
O Espírito da caridade é o contrario ao espírito de Babel, que pretende impoñerse pola forza, que cre só no propio poder. Este ano, en que recibimos de novo o grandísimo don da Indulxencia Plenaria cotiá na nosa Catedral Basílica, lembremos que non é posible ser voluntariamente causa de querelas e divisións, danar ao próximo ou ao irmán en nome das propias conveniencias, permanecer no pecado e, ao mesmo tempo, participar dignamente da sacra comuñón ou pretender actuar como membros do Corpo de Cristo que se move pola caridade.
O don da Indulxencia lémbranos que o Sacramento da Eucaristía ten no máis íntimo un misterio de misericordia, un sacrificio cumprido polo Señor para o perdón dos pecados. E invítanos a mirar sempre con esta conciencia a Xesús Sacramentado: acercámonos a El sabendo que entramos nun misterio de unidade e de Comuñón, adquirido na Cruz ao custo do seu Corpo e do seu Sangue.
Do mesmo xeito, a festa do Corpus Christi pídenos, como recorda reiteradamente o Papa Francisco, que non quedemos encerrados en nós mesmos, senón que salgamos e vaiamos alí onde están uns fillos de Deus e irmáns nosos que necesitan axuda, que sofren situacións inxustas. Estamos chamados a ser comunidade na que atopen acollida inmigrantes e refuxiados, por quen tamén se entregou o noso Señor; que contribúa a superar os obstáculos á fraternidade, persoais e sociais. Porque a Eucaristía recórdanos que Deus busca unir a toda a humanidade como a unha soa familia, na que o egoísmo non constrúa fronteiras nin afonde divisións, opostas ao Amor de Quen morreu para reunir ao pobo de Deus disperso.
Celebremos, pois, a festa do Corpus con alegría e con esperanza. Sabemos que cando miramos amorosamente e adoramos ao Santísimo Sacramento, cando nos alimentamos da Eucaristía, faise posible o milagre de realizar as tarefas da vida con caridade verdadeira, deixando atrás egoísmos e exclusións; faise posible abrir o corazón ao próximo, recibir ao que vén de lonxe, superar conflitos, tecer de novo os lazos da reconciliación e da unidade, nas familias e na sociedade.
Que este día do Corpus sexa realmente día de festa nas nosas casas e para o noso pobo. Necesitamos ao Señor, a certeza da súa presenza connosco, o alento da súa Caridade inextinguible; pero hoxe celebramos solemnemente que El está connosco para sempre, todos os días ata o fin do mundo. Renovemos a nosa confianza no seu Amor e loemos sempre ao que pode facer de cada un de nós instrumento de paz e de ben.
¡Feliz festa de Corpus Christi!
Lugo, 29 de maio de 2017
+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo
Opina sobre esta entrada: