Miguel Ángel Álvarez Pérez - Párroco de A Fonsagrada

Cando a Candeloria chora, metade do inverno vai fora

enero 31, 2026 · 22:34 X

Mañá, luns, 2 de febreiro, celebramos unha das festas máis antigas e fermosas da tradición cristiá: a Presentación do neno Xesús no Templo, corenta días despois do seu nacemento. A Sagrada Familia acode a Xerusalén para cumprir o que prescribía a lei xudía, mais o que acontece alí transcende o rito.

No silencio do templo, o ancián Simeón recoñece no pequeno Xesús ao Mesías esperado e pronuncia dúas profecías que a Igrexa conserva como un tesouro espiritual. A primeira é un canto de plenitude e esperanza: «Agora podes, Señor, segundo a túa promesa, despedir en paz o teu servo, porque xa os meus ollos viron o teu Salvador, o que preparaches para todos os pobos: Luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel» (Lc 2, 29-32). A segunda, máis dura, anuncia que aquel neno será «bandeira de discusión» e que unha espada atravesará a alma da súa nai, deixando ao descuberto o que se agocha nos corazóns.

Daquela escena bíblica xorden tradicións que, séculos despois, seguen vivas entre nós. A primeira é a Xornada da Vida Consagrada, que lembra a Simeón e Ana, dous anciáns que dedicaron a súa existencia á oración e á espera fiel do Mesías. Eles representan a tantas persoas que, tamén hoxe, entregan a súa vida ao servizo de Deus e da comunidade, sostendo coa súa presenza discreta a vida da Igrexa. O lema desta XXX Xornada Mundial da Vida Consagrada, «Para quen es?», lémbranos a urxente necesidade que ten o noso mundo de mostrar a fraternidade, a luz e a esperanza no Deus vivo, vencedor de todas as desesperanzas, como un bálsamo no medio de tantas divisións e da dor producida polas rupturas, as guerras e as discordias.

Outra tradición que nace deste día é a devoción á Virxe Dolorosa ou da Soidade. A espada anunciada por Simeón converteuse en símbolo da dor de María, representada tantas veces co triplo puñal cravado no peito. A súa imaxe, que percorre de noite as rúas o Venres Santo, lembra que o amor verdadeiro non evita o sufrimento, senón que o acompaña con dignidade e fe.

Tamén neste día se bendicen as candeas, un xesto sinxelo e fondamente arraigado. A luz que se acende nas celebracións litúrxicas, nos santuarios ou nas nosas casas é unha oración feita imaxe: pedimos que Cristo ilumine as escuridades que ás veces envolven a vida, as nosas e as dos demais. Cada vela acesa é un pequeno acto de confianza.

E, por suposto, a festa deixou pegada na cultura popular. O refrán “Cando a Candeloria chora, metade do inverno vai fora; chore ou deixe de chorar, metade do inverno está por pasar” lembra que esta data marca simbolicamente o ecuador do inverno. A sabedoría popular mestúrase así coa tradición relixiosa, unindo ceo e terra, fe e vida cotiá.

A Candeloria invítanos, en definitiva, a mirar a luz que permanece no medio das sombras, a recoñecer a presenza de Deus no pequeno e no fráxil, e a camiñar con esperanza cara á primavera que sempre chega.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de A Fonsagrada