Antón Negro Expósito - Sacerdote e sociólogo

DEREITOS HUMANOS E PAÍSES DO ISLAM

julio 27, 2025 · 0:12 X

Por Dereitos Humanos non todos entenden a declaración aprobada pola ONU o 10 de decembro de 1948. Estes son xuridicamente válidos en España polo artigo 10 apartado 2 da Constitución, na UE e outros países.

Pero nos países islámicos, se ben a maioría ten aprobada a declaración da ONU, fan logo unha adaptación para os seus países. Aquí quero referirme á Resolución nº 49/19-P do Cairo sobre Dereitos Humanos no Islam aprobada o 5 de agosto 1990 (14 muharram 1411) na 19 Conferencia Islámica de Ministros de Asuntos Exteriores do 31-VII a 5-VIII de 1990.

Se a declaración fose asinada por responsables relixiosos, imáns ou aiatolás, podería aceptarse, pero quen a asina son os Ministros de Exteriores dos Estados, o que vai en contra do estado aconfesional ou laico (non confesional antirrelixioso) que defendemos moitos e promove a Igrexa Católica.

No preámbulo e 23 primeiros artigos da declaración aparece a Sharia, lei islámica, 21 veces como a base exclusiva para os dereitos humanos e ámbito clave de interpretación deles. Tamén afirma o Islam como a única relixión verdadeira. Pero, por se non nos quedaba claro con isto, transcribo os dous últimos artigos, 24 e 25:

Artigo 24. Todos os dereitos e os deberes estipulados nesta declaración están suxeitos aos preceptos da Sharia islámica.

Artigo 25. A Sharia islámica é a unica fonte de referencia para a aclaración ou interpretación de calquera dos artigos do presente documento.”

Con esta reiteración debe quedar claro como hai que entender os dereitos humanos e aplicalos nos seus respectivos países. A resolución foi asinada polos 57 estados membros da Organización de Cooperación Islámica, dos que 6 dificilmente se poden considerar islámicos pola baixa porcentaxe de poboación musulmana: Guaiana 8 %, Gabón 12 %, Uganda 15 %, Surinam 15 %, Togo 19 % e Mozambique 20 %. Non chegan a ser maioría en  Benin 29 %, Camerún 32 %, Costa de Marfil 42,5 % e Guinea Bissau 46 % segundo a Wikipedia. Outras estatísticas rebaixan estas porcentaxes.

Agora examinemos só o Artigo 5.a: “A familia é o fundamento da sociedade, e o matrimonio é o fundamento da familia. Os homes e as mulleres teñen o dereito de casar, e sen o seu consentimento non é posible restrición algunha baseada na raza, a cor ou a nacionalidade”.

A primeira vista concluiríamos que así está ben, pero, falta algo? Si, falta a referencia á relixión, porque a da familia é a do marido. Os fillos sempre teñen que seguir a relixión do pai musulmán. Isto permite a un musulmán casar con muller non musulmá, pois a familia e fillos serán musulmáns, pero a lei musulmá afirma que unha muller musulmá non pode casar con un politeísta (incluídos os cristiáns) nin con un non crente, a non ser que antes el asine ou pronuncie a Shahâda (conversión ao islam). Iso explica o famoso caso da cristiá sudanesa Mariam Yahia, filla de cristiá e musulmán, o pai abandonounas sendo ela nena, casou cun cristián, un familiar denunciouna por apostasía e foi condenada a morte. A presión internacional liberouna en 2014.

A Conferencia Episcopal Española publicou o documento nº 54 “El matrimonio entre católicos y musulmanes” para informar a católicos, musulmáns, non crentes… e pode descargarse na web.

Evolucionará o islam no respecto á liberdade relixiosa e en non identificar relixión e estado? Penso que a Igrexa Católica colabora a iso co documento conciliar Nostra Aetate (28 outubro 1965) que aprecia as diversas relixións e con Paulo VI (1963-78) abren un camiño a seguir. Xoán Paulo II insiste nos dereitos humanos e na liberdade relixiosa. Bieito XVI afonda nesa liberdade e no uso da razón na vida de fe. Francisco reitera que Deus creador da vida manda non quitarlla a ninguén nin matar no seu nome… (ver o documento “A Fraternidade Humana” asinado en Abu Dhabi 2019).

Terá éxito o traballo dos pontífices e os seus colaboradores para que se dea ese cambio? Creo que deberemos agardar ao menos 50 anos, ou mesmo 100, para unha resposta obxectiva, pois iso significa un cambio copernicano na cultura da humanidade. Eu entendo que a Igrexa Católica ten a estrutura institucional e organizativa e a base doutrinal para facilitar que ese cambio se produza.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo