Sorprende atopar grupos sociais loitando contra a colonización sufrida fai séculos, pero non descobren aspectos básicos da actual. Combater só a do pasado máis ben lévanos a loitar contra pantasmas.
Entendo que hoxe a colonización e agresión en África contra a súa realidade simbólico-cultural faise a través dos deportes, especialmente do fútbol e baloncesto, pero tamén nos outros deportes como puido verse coa orixe dos deportistas de Catar nos pasados xogos olímpicos.
O 10 % dos xogadores da NBA ten orixe africana. A liga africana de baloncesto (BAL) é controlada ao 100 % na promoción e operatividade pola NBA. Lévalles ese “espectáculo total” da mellor liga con música, acrobacias, desfiles de moda… para crear paixón e ter unha base ampla de seguidores. A NBA organiza torneos xuvenís e partidos de exhibición, ten academias en 19 países e algúns xogadores apadriñan campus. No centro Pikine de Dakar entrenan 600 rapaces de 6 a 18 anos.
No fútbol Europa toma o relevo (no baloncesto van despois de EEUU). Así 14 dos 23 xogadores franceses que gañaron o mundial de Rusia-2018 tiñan orixe africana. O fútbol chegou co colonialismo e promóveno organismos, ligas, clubs e xogadores. Hai miles de escolas que recrutan rapaces nas cidades, vilas e aldeas, pero poucos chegan a destacar nas ligas e seleccións europeas ou africanas. Os fracasados, a maioría, quedan invisibles, ás veces tirados nas rúas ou tutelados polos servizos sociais. Por exemplo a fundación do Real Madrid apoia escolas sociodeportivas con 100.000 beneficiarios de 5 a 18 anos en 95 países, dos que case 30 son de África con máis de 50 escolas.
Estas escolas, aínda que fosen promovidas con xenerosidade, educan aos rapaces no individualismo e a competitividade, tan centrais no capitalismo liberal. Esta actividade, xenerosa ou interesada, outórgalles aos xogadores e clubs grandes beneficios porque incrementa os ingresos pola súa imaxe, ábrelles portas a encontros con personalidades relevantes e a diversas actividades comerciais, recibirán máis agasallos e pagarán menos impostos a causa da súa acción filantrópica. Por iso levan un séquito profesional dedicado á súa imaxe, preparación e actividade comercial.
No 2016 mandáronme desde a selva hondureña, onde non había estradas nin coches, a foto de dúas botellas de bebida refrescante co escudo (reliquia sacra?) do Barça. A empresa de refrescos centroamericana pagaba os dereitos de imaxe ao Barça, dos que saen os soldos dos xogadores e os impostos a facenda en beneficio do Estado español. Os ingresos dos equipos obtéñense a nivel mundial en 1º lugar do merchandising e en 2º das televisións e plataformas dixitais, no 3º están as entradas. Así se transfire riqueza aos ricos!
Un cura africano contaba que, cando Beckan fichou polo Real Madrid, un sobriño seu de 10 anos lle pedira a camiseta do número 23 de Beckan e preguntábase: como se enterou en só un mes, se na casa no medio da selva non había televisión nin radio?
Cando viaxemos atoparemos rapaces que nos falan de xogadores do Madrid ou Barça cos que se identifican ou admiran. Estes rapaces séntense membros destas novas tribos globais chamadas Lakers, Bulls, Barça, Manchester, Madrid… Estes equipos e deportistas son os seus grupos e persoas de referencia, os máis influíntes socioloxicamente. Son os seus mitos e totems; as fontes dos seus desexos, aspiracións e emocións; referentes en vestimenta, alimentación, diversión… o universo simbólico de identificación dos seus soños que reempraza aos (anticuados?) anciáns da tribo cos seus mitos e historias que configuraban a cultura ancestral.
A vinculación coa propia cultura esmorece nos rapaces africanos, e medra neles o desexo de imitar a estas novas tribos e deportistas triunfadores. Todo isto introduce a mentalidade e cultura do individualismo, do prestixio social sobre outras bases, do materialismo e pracer, doutra maneira de celebrar triunfos e festas… uns referentes simbólicos diferentes da súa cultura (caducada?) na que permanecen algúns románticos.
O futuro de África e do mundo non está escrito, pois as culturas evolucionaron e evolucionarán. O pasado non se pode cambiar, pero del pode aprenderse. O reto é camiñar cara unha cultura do encontro, solidaria, que respecte a dignidade de toda persoa nunha humanidade única e diversa na que todos participen dos bens materiais, culturais e espirituais.
Antón Negro Expósito
Sacerdote e sociólogo