O consenso científico actual dinos que o berce da humanidade foi África no que hoxe chamamos Etiopía fai máis de douscentos mil anos. De aí a humanidade espallouse por todo o mundo, polo que todos somos descendentes de migrantes con máis ou menos quilómetros percorridos.
Os libros de historia contan que moitos pobos pasaron pola Península Ibérica, incluída Galicia, como os Íberos, Celtas, Fenicios, Romanos, Suevos, Godos… Árabes, Franceses, Ingleses… co que a cultura de calquera parte de España é froito de diversas mestizaxes.
Pero é que ademais centos e centos de miles de galegos se dispersaron polo mundo adiante: na reconquista por Extremadura e a Alpujarra (Granada), despois de 1492 para América da que algúns voltaron, tamén a outros países de Europa e do ancho mundo. Quen non ten algún familiar emigrado? Nestes últimos anos veñen moitas persoas desas terras, bastantes con antepasados galegos. Emigrar non é exclusivo de Galicia, senón que afectou a outras partes da península.
A exhortación dos bispos españois de 2024, “Comunidades acolledoras e misioneiras. Identidade e marco da pastoral con migrantes”, recolle estatísticas de inmigrantes: en 2023 xa había en España uns 7,5 millóns de persoas nacidas fóra das nosas fronteiras, aos que habería que engadir máis de dous millóns de nenos e mozos fillos deles, a segunda xeración de migrantes que, aínda que son españois, atópanse entre os seus pais migrantes e os seus ‘colegas’ españois. É dicir, un de cada cinco dos que vivimos aquí proveñen do exterior: 3,2 millóns de Latinoamérica, 1,5 da Europa rica, 1,4 de África (sobre todo de Marrocos), 800 mil da Europa do Leste e medio millón de Asia.
Aos inmigrantes sería máis adecuado chamarlles “persoas migradas” unha vez que se asentan nun lugar concreto. Iso facilitaría deixar de consideralas forasteiras e potenciaría a súa integración.
As migracións increméntanse e os prognósticos din que aumentarán á vez que os movementos xenófobos. Na pasada visita a África o presidente do goberno dixo que España precisaba 200.000 migrantes cada ano. Xa os estudios socioeconómicos de finais do século pasado falaban que España necesitaría uns 300.000. Isto vén dado polas baixísimas taxas de natalidade. Ademais a das nacionais é inferior a das estranxeiras, igual ca sucede nos países desenvolvidos como documenta amplamente Alejandro Macarrone no seu libro, “Suicidio demográfico en occidente e medio mundo”.
Ante esta realidade das migracións que están sometidas a amplas restricións e opresións porque se busca o maior beneficio para o capital ao que se lle dá liberdade de circulación. Non nos debe estrañar que o documento dos bispos diga que “as migracións constitúen unha das principais dores no momento actual e poden ser interpretadas como unha manifestación das ‘ESTRUTURAS DE PECADO”. Do pecado débese saír mediante a conversión para vivir en xustiza.
Do dito ao principio do artigo dedúcese que só hai unha humanidade, como calquera persoa pode concluír reflexionando. Por iso úsase a expresión Monantropismo para referirse á unidade do xénero humano. Dende unha cultura da vida é inaceptable a nosa impasibilidade ante a fosa común do Mediterráneo onde xacen miles e miles de persoas mortas sen ser inscritas en ningún rexistro. O mesmo está a suceder no Atlántico cara ás Canarias. Parecido sucede noutros lugares deste planeta.
Os católicos non debemos esquecer o que significa a palabra CATÓLICO. Literalmente quere dicir universal, chamados a construír unha fraternidade universal pois “partimos da convicción de que Deus, trinidade relacional, é quen nos define e nos relaciona. Así a nosa maneira de vivir a fraternidade exprésase singularmente cando rezamos e dicimos xuntos: ‘Noso Pai’. Iso significa inmediatamente que nos recoñecemos irmáns. A diversidade en harmonía é o camiño”, escriben os bispos no documento citado. Palabras que son unha clara esixencia para os católicos. Tamén toman postura ante os Centros de Internamento para Estranxeiros e piden que se pechen.
Nesta problemática hai un dereito prioritario a reivindicar anterior ao de migrar. Trátase do dereito a non ter que emigrar, porque as necesidades básicas están cubertas. Por iso a Populorum Progresio afirmaba que o desenvolvemento é o novo nome da paz. Despois estaría o dereito a emigrar que está citado tamén na declaración de Dereitos Humanos (Art. 13).
Antón Negro Expósito
Sacerdote e sociólogo
Delegado de Cáritas Lugo
Opina sobre esta entrada: