ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO

O timo da protección de datos

agosto 19, 2022 · 22:11 0

Fai uns anos na A6 de Lugo a Madrid á altura de Ponferrada xa contáramos 50 vídeo-cámaras. Para que seguir contando? É dicir, o Estado sabe quen, como e onde entramos ou saímos da autovía. Hai días vindo do Escorial na mesma autoestrada aparecía este anuncio: “250 cámaras para vixiar o cinto de seguridade”. O que vén sendo unha ameaza: “ten coidado que te estou vixiando por todos os lados! Non tes escapatoria!”. Por se faltaba algo apareceu nos medios a espionaxe con “Pegasus” que a empresa israelí di que só vende a gobernos e organismos oficiais.

Sendo así a realidade, os gobernos distráennos coa protección de datos. Malvéndennos que só eles nos defenden e, por tanto, debemos confiar no goberno e desconfiar dos demais cidadáns e institucións. Isto remata sendo un obstáculo para as relacións de amizade e xera unha cultura de desconfianza entre as persoas.

Nesta sociedade as leis e os usos sociais obrigan e empuxan a facer os pagos pola banca, por tarxeta de crédito e teléfono móbil. No futuro anúnciannos que poderemos entrar en edificios públicos e mesmo pagar consumicións polo recoñecemento da voz, do iris… como xa sucede nalgún edificio estatal en Madrid. Así cos aparellos correspondentes conectados a unha base de datos poderán saber a quen invitas a un café, a xantar, con quen fuches a certos lugares… co que a túa privacidade e a doutras persoas desaparece. E por que non? Poderanche cobrar os impostos por esas invitacións que son ingresos en especies.

Para ordenar todos estes datos e informacións sobre os cidadáns hai unhas megaempresas que Amy Webb estudia no seu libro de 2019, “OS NOVE XIGANTES. Como as grandes tecnolóxicas ameazan o futuro da humanidade” (Península). Seis son de USA: Google, Amazon, Apple, IBM, Microsof e Facebook (agora chámase Meta e inclúe WhatsApp, Instagram, Quest, Messenger e Horizon) e tres de China (Baidu, Alibaba e Tencent) onde afirma que: “É a infraestrutura invisible que dirixe o tráfico, que atopa o sentido ás palabras que tecleamos mal e que determina o que debemos mercar, mirar, escoitar e ler. É a tecnoloxía sobre a que se constrúe o noso futuro, pois ten que ver con todos os aspectos da nosa vida: a saúde e a medicina, a vivenda, a agricultura, o transporte, os deportes e, mesmo, o amor, o sexo e a morte” (p. 13).

Esta nova situación leva a Shoshana Zuboff a titular o seu libro “A era do capitalismo da vixilancia. A loita por un futuro humano fronte ás novas fronteiras do poder” (Paidós). Nel describe un Gran Outro (similar ao Big Brother de Orwell) que derruba todas as paredes e muros de protección penetrando nos nosos fogares. Con ese Gran Outro o universo enteiro instálase a vivir entre as nosas paredes, que non son xa sentinelas do noso refuxio, nin hai espazos para esconderse tras as pechaduras. Así as casas “son simplemente coordenadas para toda esa plétora de termostatos, cámaras de seguridade, altofalantes e interruptores da luz intelixentes que extraen, converten e transfiren a nosa experiencia para accionar a nosa conduta (…) Non pode haber escondites segredos, porque non pode haber segredos.” (p. 634)

No pasado para defenderse da tiranía do poder había o dereito de asilo que consistía en entrar nunha cidade, comunidade ou templo. A palabra grega Asylon significa inexpoliable. Na Europa cristiá ía unido a lugares santos, igrexas e mosteiros. Hoxe para que renunciemos a ese “asilo” fannos unha pregunta para culpabilizarnos: Ti, que tes que ocultar? Pero para desenvolver a maduración da propia personalidade e conciencia necesítase un espazo e un tempo de silencio para a reflexión sobre un mesmo e a propia misión-vocación existencial, de soidade e illamento dos ruídos para atoparlle sentido á vida. Necesítase intimidade coa familia e cos amigos, privacidade e reserva, pois vén sendo verdade psicolóxica que se non tes nada que ocultar non es nada.

Fronte a todo este control totalizante asinamos “formularios de protección de datos” diante de persoas que en xeral son de confianza e queren o noso dereito á intimidade, ao honor e á boa fama. Con iso os poderes fannos crer que está protexida a nosa boa imaxe mentres que nos controlan exhaustivamente e noutros niveis comercializan con informacións sobre nós e fan un gran negocio co control do noso comportamento. A información acumulada é para predicir e controlar a conduta en beneficio doutros. Como di a contraportada do libro de Zuboff: “Hoxe acumúlase un enorme volume de riqueza e poder nos chamados ‘mercados de futuros condutuais’ nos que se compran predicións sobre o noso comportamento, e ata a produción de bens e servizos supedítase a un novo ‘medio de modificación da conduta’ (…) e todo a costa da democracia, a liberdade e o noso futuro como seres humanos”. O Estado e este Capitalismo contrólannos por todos lados, mentres asinamos protección de datos diante dos “de confianza”. Vaia timo nos fai o goberno!

Se queremos ser persoas, debemos afirmar e exercer o dereito á soidade, á intimidade, á confidencia, á autonomía, á contemplación, á reflexión, á liberdade e á creatividade para desenvolver a propia personalidade en diálogo cos demais. É de vital importancia para a sociedade (incluídos os ateos e agnósticos) que a Igrexa non decaia senón que aumente o esforzo na defensa da dignidade humana, da primacía da conciencia e da obxección de conciencia, pois aí está a raíz fundamental da liberdade persoal e social.

 

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]