ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO

Botellóns…

agosto 13, 2021 · 16:19 0

Levamos meses nos que case todos os telexornais dedican varios minutos a botar filípicas contra os mozos, ou xa maduros, e os seus botellóns nos que aparecen varias imaxes nas que se ven sen máscara e sen gardar as distancias de seguridade… e unha e outra vez mostran imaxes cos seus reiterativos comentarios. Cada día se seguen a repetir as mesmas mensaxes sen aportar nada novo.

Pero, a pesar de tantos xa pesados sermóns televisivos e radiofónicos, os botellóns seguen e seguirán sen dúbida no futuro próximo. Non deixa de ser acertado o vello dito: “Predícame frade que por un oído me entra e por outra me sae”. É verdade que o feito revela falta de madurez, inxustiza, insolidariedade e irresponsabilidade coma moitos outros dos que facemos; tamén posiblemente que non se lles presentou un ideal de xustiza polo que traballar. A veces din que “temos dereito a divertirnos”, pero non teño visto recollido en ningunha lexislación ese dereito, máis si a obriga de socorrer ao necesitado. Tampouco vale o de “son libre e fago o que me peta”, porque iso significa a lei da selva, a amoralidade, e que outro o empregue en contra túa. Vou facer algunhas consideracións que poidan axudar a entender un pouco máis esta problemática:

  1. As persoas somos seres sociais, espirituais e corporais. Isto quere dicir que non somos individuos (indivisos) nin gregarios (manadas), pero tampouco somos vento nin mesmo anxos. A sociabilidade humana e humanizadora esixe ao mesmo tempo o cultivo da interioridade, da espiritualidade e, por tanto, momentos de silencio consigo mesmo e con Deus para ter algo persoal que comunicar cando se vaia ao encontro do outro. A sociabilidade demanda a solidariedade cos irmáns e en especial cos que máis nos necesitan. A corporeidade lévanos ao contacto físico, á presencialidade, ao xuntarnos para elaborar, compartir e realizar os propios proxectos de vida. Sempre convén ter de fondo que o itinerario vital humano non é nin ser neno, nin adolescente, nin mozo, nin adulto, nin ancián. De aí calquera pode comprender que non é san psíquica e socialmente illar a algún grupo humano do resto dos grupos.
  2. Nos medios de comunicación case sempre se lle chama FESTA pero, é iso o apropiado? Lembremos que no mundo da economía e da fiscalidade non é o mesmo acceder á propiedade por herdanza, doazón, permuta, compravenda, retracto… pois cada palabra axuda a clarificar a realidade, por tanto tamén aquí necesitamos distinguir festa de diversión, borracheira, fuxida dos problemas da vida… Nos estudos sociais e antropolóxicos dise que a festa ten tres partes: a) A afirmación e celebración de que a vida ten sentido, o que se vive con algunha forma de espiritualidade. b) A comida compartida en unión como anticipo da irmandade pola que se traballa e loita. c) A alegría que se expresa no lúdico, no xogo, na danza… porque xa se está saboreando ese ben futuro que arelamos e traballamos. Nos botellóns faltan algúns destes elementos da festa.
  3. Para a xente de Igrexa esta realidade descúbrenos un grave reto, que o Evanxeo expresa con estas verbas: “Andaban como ovellas sen pastor e púxose a ensinarlles con calma” (Mc. 6,34). Falta a necesaria implicación, discernimento e solidariedade cos mozos e coa súa problemática.
  4. Teño escoitado a pais/nais presumir de que son amigos dos seus fillos/fillas. Pois ben, entón serán os seus fillos uns orfos con todo o que iso significa. Clasicamente dicíase que aos pais/nais atópanse na casa e aos amigos na rúa. Necesitamos pais/nais, irmáns, primos, tíos, avós, amigos… e cada quen ten o seu lugar específico na vida e certamente tamén cada persoa ten a súa maneira concreta de desenvolvela. Tamén algúns ensinantes téñense por “colegas” dos alumnos, esquecendo que se  necesitan educadores e mestres. É certo que a estrutura do sistema educativo pon moi difícil educar, ao que se engade a propia comodidade. Todo lles empuxa a que sexan só profesores con boas habilidades pedagóxicas… Pitágoras consideraba que “Educar non é dar unha carreira para vivir, senón temperar a alma para as dificultades da vida”.
  5. Con frecuencia deixamos a responsabilidade de educar exclusivamente aos gobernos, pero, desde cando os gobernos e poderosos van querer unha xuventude libre, responsable e solidaria cos empobrecidos? O sabio Forges resumiuno moi ben nunha xa antiga viñeta que dicía: “Date conta: para os poderes, 500.000 mozos bailando e bebendo as fins de semana, non son un problema. O ‘perigoso’ sería que eses mozos empregaran esas enerxías en esixir un posto de traballo”. Non creo que precise explicacións. Isto non quita que sexa certo que os principais culpables de que a xuventude estea así son os gobernantes, e que lles esixamos, por tanto, as súas responsabilidades.

Remato cunhas preguntas: Sería posible atreverse a loitar por un futuro de xustiza, liberdade e irmandade para toda a humanidade? Queremos ser solidarios cos máis empobrecidos da humanidade para conseguir que toda a humanidade sexa unha familia? Temos o dereito e a obriga de esixirnos mutuamente (sen distinción de idade, sexo, relixión, país e raza) a responsabilidade de comprometernos para a solución das inxustizas sociais e dos problemas dos empobrecidos? Estamos dispostos a responsabilizarnos da vida e dos irmáns?

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]