O pasado 19 de marzo celebramos en Galicia, con solemnidade, a festa de San Xosé. Nesta ocasión deuse a coincidencia da fusión, de novo, da festa relixiosa coa civil. En Lugo recuperouse un encontro cargado de tradición e historia, como foi a festa das Pepas e dos Pepes, que reflicte o arraigamento profundo do santo na nosa identidade lucense. A Catedral volveu recuperar o fervor popular coas celebracións litúrxicas con horario de días festivos.
Nesta diocese galega de longa tradición cristiá, a veneración a San Xosé, esposo da Virxe María e pai adoptivo de Xesús, é un piar da piedade popular, harmonizada coa liturxia e enriquecida por costumes tales como as novenas, os mércores dedicados ao santo ou o rosario das sete dores e gozos. No barrio das Gándaras celébranse as festas na honra a San Xosé do día 18 ata o día de hoxe, con gran variedade de actividades e coa actuación das mellores orquestras de Galicia. Coa solemnidade de San Xosé celébrase tamén o Día do Pai, que non ten tanta sona como o Día da Nai, pero que é igual de importante para todos os que acollen con ledicia e satisfacción o afecto e o agarimo dos seus fillos. É de bos fillos lembrar aos pais que souberon transmitir a sabedoría, o bo facer, a firmeza e a seguridade da vida, a lealdade e o sacrificio para axudar a sacar adiante as crianzas.
Na nosa Catedral, coincidindo coa festa do Santo Carpinteiro, volveu ao seu retablo a imaxe de San Xosé e o Neno, do asturiano Francisco Javier Meana, despois dun tempo de corentena para a súa restauración. Esta obra belísima, realizada en 1804, representa unha mostra destacada da escultura relixiosa do século XIX no interior da nosa Catedral. A expresividade do rostro protector do santo e os sorrisos garimosos dos personaxes representan o traballo silencioso, o coidado e a custodia fiel da Sagrada Familia.
O Papa Francisco, de feliz memoria, na Carta Apostólica “Patris Corde” (8 de decembro de 2020), escrita con motivo do 150 aniversario da declaración de San Xosé como patrón da Igrexa universal, desexaba con esta carta que medrase considerablemente o amor a este gran santo para ser impulsados a implorar a súa intercesión e imitar as súas virtudes. Despois da Virxe María, Nai de Deus, ningún santo ocupa tanto espazo no maxisterio pontificio como Xosé, o seu esposo. Pío IX declarouno patrón da Igrexa Católica; Pío XII presentouno como Patrón dos traballadores; Xoán Paulo II, como Custodio do Redentor. E o pobo de Deus invócao como Patrón da boa morte.
Bendito santo Xosé, un dos personaxes máis silenciosos e elocuentes do Evanxeo. Que nos guíe polos camiños da vida, que coide das nosas familias e dos nosos Pepes e Pepas, que nos defenda de todo mal e nos conceda a paz neste mundo tan embarullado.
Mario Vázquez, Vicario Xeral Diocese de Lugo