De vez en cando os medios de comunicación proclaman que a ciencia vai facer que as persoas vivamos moitos anos e felices, mesmo que evitará a morte e será a salvación dos humanos. A primeiros de febreiro entrevistaban ao experto en lonxevidade, José Póveda, e afirmaba que iamos vivir 150 anos sendo mozos sempre e sen enfermidades…
Estas afirmacións son miopes xa que illan a vida das persoas de toda a problemática social, en concreto das realidades do poder e das diferenzas económicas, do contexto ecolóxico da natureza e, por suposto, de se a vida humana merece a pena ser vivida ou non para cada persoa. Isto supón prescindir do complexo mundo da realidade humana coas súas diversas dimensións existenciais.
Cando escoito estas mensaxes tan optimistas véñenme á mente cuestións serias como: teriamos que aguantar a ditadores, que morreron na cama, como Franco outros 67 anos, Stalin 74, ata que cumprisen os 150? Iso sería pouco esperanzador. Se un padece depresión, tería que vivir con ela máis de cen anos? O problema da vida humana e do sufrimento inevitable é atoparlle un sentido, descubrir a misión que temos na vida e que iso nos axude a vivir, aprender, mellorar e axudar aos demais.
É moi vello o mito de “mercar” vivir sempre. Lembremos un dos personaxes culturais-literarios claves da historia europea, FAUSTO, que mediante un pacto co demo vai conseguir a eterna mocidade, e así chegar a felicidade pola alianza co mal en vez da fidelidade a Deus, antepón o materialismo nesta vida fronte á vida espiritual que continua despois. A este personaxe xunto con D. Quixote, Hammlet e D. Xoán dedícalles un capítulo J.A. Jáuregui no libro, “Europa tema y variaciones”.
Na Biblia, libro básico da cultura europea, no capítulo 5 da Xénese aparecen 10 patriarcas antediluvianos que duraron entre 365 e 969 anos de vida. Certo que ese número de anos é simbólico e representa que a máis anos vividos máis unión con Deus, máis achegados a Deus.
O problema para a persoa non radica en que a morte non crea interrogantes se sucede cando se teñen 80, 110, 150, ou máis anos. Os interrogantes son os mesmos que con 60, 40 ou 20 anos. A pregunta é: que lle sucede á persoa despois? Desaparécese sendo a vida unha paréntese breve entre nada e nada? Ou co Descanse En Paz (DEP) vaise á casa de Deus Pai a unha plenitude amorosa?
Por outra banda, non podemos evitar preguntarnos: Que pasaría se non houbese morte? Esta posibilidade vital levaríanos probablemente a non vivir, pois todo se podería pospoñer, deixar para o día de mañá, non se cumpriría a tarefa única e específica que cadaquén ten na vida para os anos que viva e acolla en liberdade, pois o exercicio desta supón dicir non ás outras posibilidades.
Por iso é de vital importancia descubrir a misión, vocación, á que o Señor nos chama na vida e realizala en todo momento. Non esquezamos a máxima clásica de “non deixes para mañá o que podes facer hoxe”. A vida demándanos unha resposta persoal ante as situacións que nos acontecen. Responder axeitadamente é vivir facendo que a nosa vida sexa fecunda, cumprir a nosa tarefa á vez que non lles fallamos ás persoas do noso arredor.
A pegada na vida social e histórica non depende de cantos anos se viva, pois como apunta o libro da Sabedoría (4,7-9): “Máis o xusto, aínda morrendo prematuro, gozará de repouso. A ancianidade venerable non é a lonxevidade nin se mide por número de anos. Cabeza cana é para os humanos a prudencia e vellez madura unha vida inmaculada”.
Xesús de Nazaret só viviu 33 anos e é quen foi máis decisivo na historia da humanidade, pois relatamos a historia con AC (Antes de Cristo) e DC (Despois de Cristo). Aínda que para ser máis exactos segue sendo o máis decisivo hoxe segundo confesan os seus seguidores, pois consagran a súa vida a vivir en unión con Cristo, preferindo a morte antes que romper a unión con El. Tamén ten influenza en ámbitos doutras relixións e de non crentes, pois é un patrimonio da humanidade.
O realmente importante é intentar levar unha vida verdadeiramente humana, xusta, honesta… e para iso é unha ledicia contar coa axuda e a Gracia de Cristo.
Antón Negro
Sacerdote e sociólogo