Antón Negro | Sacerdote e sociólogo

PASAR PÁXINA

diciembre 28, 2025 · 22:41 X

Non é bo para unha persoa quedar fixada nun feito acontecido no seu pasado por duro e doloroso que puidera ser, ou aínda que fose moi satisfactorio. Hai persoas que están laiándose a cotío décadas despois do que lles pasou no colexio, coa familia ou amigos, que se bloquean ou paralizan para afrontar as novas realidades.

O mesmo hai que dicir dos pobos. Tanto a persoa coma os pobos deben saber pasar páxina deses feitos no seu proceso histórico e ir facendo o seu camiño de liberación.

Certo que hai momentos moi importantes, mesmo decisivos, para cada persoa, que esixen pararse no camiñar para reflexionar, avaliar e ver que vieiros escoller para seguir avanzando. Ás veces hai que tomarse un tempo de facer dó pola perda sufrida, que debe ter un final para poder continuar, posiblemente cun cambio de rumbo radical na maneira de afrontar a vida e as súas prioridades.

Todo o vivido debe configurar o acerbo das nosas experiencias, fosen do tipo que fosen, das que aprenderemos e nos terán que capacitar para ser mellores persoas, máis capaces para comprender e axudar aos nosos semellantes, e botarlles unha man solidaria.

En España hai que pasar páxina da ditadura de Primo de Rivera, Segunda República, Guerra Civil, Franquismo, e tamén xa do GRAPO e ETA. Pero se non se pasa páxina do Franquismo, como se pode esixir pasala de ETA? A Lei de Amnistía do 15 de outubro de 1977 (lei 46/1977) era para pasar páxina de todos os posibles delitos de intencionalidade política cometidos con anterioridade, que tamén liberou presos de ETA. Foi unha lei moi demandada polos partidos de esquerda co lema de “liberdade, amnistía e estatuto de autonomía”, e que liderou sobre todo o PCE.

A lexislación recoñece a importancia de pasar páxina, pois os antecedentes penais caducan un tempo despois do cumprimento da pena. É máis, a maioría dos delitos prescriben unha vez pasados anos de que fosen cometidos se non hai un proceso xudicial en curso. Por exemplo, os fiscais caducan aos 5 anos, os asasinatos aos 20… Non prescriben os chamados de lesa humanidade, xenocidio ou terrorismo con mortes, aínda que certamente é discutible e modificable a prescrición de cada delito.

As persoas e sociedades precisamos mirar adiante traballando por unha sociedade máis xusta. Pasar páxina pode facelo un por si mesmo coa colaboración de familiares e amigos. Cando isto non é suficiente haberá que buscar axuda profesional, segundo a cuestión que sexa, dun médico, psicólogo, psiquiatra, mediador ou traballador social, sacerdote… Para iso é importante buscar ou ter un bo orientador para ir á persoa máis adecuada co fin de pasar páxina sobre ese tema concreto.

Pasar páxina non é negar o acontecido nin ignoralo, tampouco evadirse dos problemas, senón aceptar que o sucedido forma parte da propia historia e que debe servir de ensinanza para afrontar con máis experiencia e enerxía as realidades que haxa que vivir en cada momento concreto.

Unha persoa con 40 anos ou mesmo 70 non pode estar fixada e enredada no que lle pasou no colexio, familia ou “pandilla”. Non debe estar mirando sempre para atrás, correndo o serio perigo de converterse en estatua de sal como lle aconteceu á muller de Lot (Xen. 19, 26). Se non o soluciona en colaboración cos seus, terá que facelo cunha axuda profesional adecuada para construír o propio futuro en colaboración cos demais. Ollemos a canción de Joan Baptista Humet:

“Habrá que componer de nuevo el pozo y el granero y aprender de nuevo a andar. Hacer del sol nuestro aliado, pintar el horno ajado y volver a respirar… Habrá que demoler barreras, crear nuevas maneras y alzar otra verdad… Y si aún nos queda algo de tiempo, poner la cara al viento y AVENTURARNOS A SOÑAR.

«¡HAY QUE VIVIR!, AMIGO MÍO, antes que nada hay que vivir, y ya va haciendo frío, hay que burlar ese futuro que empieza a hacerse muro en ti.”

Din que a historia é mestra da vida. Así pois haberá que mirar adiante asumindo o camiño percorrido, que debe dar experiencia na tarefa de construír un futuro mellor para nós e a humanidade. Para os que aprecien a Xesús, escóiteno: “Deixa que os mortos enterren os seus mortos”, e “quen despois de pór a man no arado, mira para atrás, non é apto para o Reino de Deus” (Lc 9, 60. 62).

Antón Negro

Sacerdote e sociólogo