Dentro da Biblia, o libro máis traducido e vendido da humanidade, despois da Xénese está o Éxodo, nome que equivale a Migración, o libro que narra a constitución dun pobo na Alianza con Yavé no Sinaí. E no 5º libro, o Deuteronomio, aparece o Credo Histórico que debe recitar ante o sacerdote o cabeza dunha familia xudía na celebración para a presentación dos primeiros froitos do ano: “Meu pai era un arameo errante que baixou a Exipto, onde residiu como emigrante… Pero os exipcios maltratáronnos, oprimíronnos e impuxéronnos cruel servidume” (Dt. 26,5-6). Errante vén ser migrante.
Abraham é de Ur de Caldea, entre o Tigris e o Eufrates no actual Iraq non lonxe de Irán e alí recibe a chamada a emigrar: “Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan, á terra que eu che mostrarei” (Xén. 12, 1). Os seus bisnetos venden a un irmán, Xosé, a uns traficantes que o levan a Exipto, onde foi vendido a Putifar, eunuco do Faraón e capitán dos seus gardas. Logra gañar a confianza deste co seu bo traballo…o Faraón faino vicerrei… e logo é capaz de socorrer aos seus irmáns cando había unha seca e fame en Canaán. Está magnificamente relatado no libro da Xénese nos capítulos do 37 ao 50.
Moitas persoas temos visto cadros con imaxes do neno Xesús e seus pais indo a refuxiarse a Exipto para escapar da ameaza de morte do rei Herodes (Mt. 2,13). Os apóstolos emigraron de Israel a diversos lugares do Imperio Romano e fóra del. San Paulo é outro exemplo de xudeu errante con catro viaxes apostólicos por diversos lugares partindo de Xerusalén.
Na segunda metade do século XIX saíron uns 50 millóns de europeos para a emigración transoceánica, e na primeira metade do século XXI estudios da Comisión afirman que a Unión Europeo precisa arredor de 60 millóns de inmigrantes. Migrante é a humanidade desde os comezos da súa historia que comezou en África. Pode haber quen pense que se poden paralizar as migracións? Sería intentar poñerlle portas ao campo.
O certo é que as migracións estannos cambiando e seguirán cambiándonos. Que sexa para ben ou para mal depende de todos e de cada un de nós segundo a actitude que tomemos ante elas cos diversos movementos sociais que se poñan en marcha.
A Igrexa desde a Santa Sé leva máis dun século, 111 anos, urxíndonos todos os anos a reflexionar e tomar postura humanitaria, de acollida e acompañamento, ante os migrantes. Defende o dereito a non ter que emigrar e poder vivir en paz e liberdade na propia terra, onde se configuran as primeiras experiencias vitais cos seus mapas mentais. Ao mesmo tempo defende o dereito a emigrar para poder realizar o proxecto persoal e familiar vital.
Os países que recibimos inmigrantes debemos ser conscientes que chegan persoas dispostas a traballar xa, ás que non lles pagamos a súa formación. Canto custo suporía esa formación? Para calculalo poderíanse seguir estes dous libros:
-“El planeta vacío” de Bricker e Ibbitson que na p. 106 afirma que criar a un neno de clase media até os 19 anos custa 250.000 $ e logo vén o custo dos estudios superiores, que son os que teñen máis da metade dos inmigrantes legais que chegan a EEUU segundo un estudo de 2016 (p. 165).
-“La huida hacia Europa” de Stephen Smith na p. 207 recorda que formar a un médico en África custaba uns 155.000 € en 2005, pero nos países ricos custaría máis do dobre, e que bastante máis dun terzo dos médicos africanos exercen nos países da OCDE. Nos últimos 30 anos entre o 35 e o 50 % dos universitarios africanos titulados abandonaron o seu país, ou non regresaron ao finalizar os estudos.
Canta sería a débeda que teríamos contraída nos países ricos e nin sequera recoñecemos?
Remato cunhas palabras do papa León XIV para a xornada deste ano: “Nun mundo escurecido por guerras e inxustizas, mesmo alí onde todo parece perdido, os migrantes e refuxiados eríxense como mensaxeiros de esperanza. A súa valentía e tenacidade son un testemuño heroico dunha fe que ve máis alá do que os nosos ollos poden ver e que lles dá forza para desafiar a morte nas diferentes rotas migratorias contemporáneas. Tamén aquí é posible atopar unha clara analoxía coa experiencia do pobo de Israel errante polo deserto, que afronta todos os perigos confiando na protección do Señor”
Antón Negro