Ás veces teño escoitado a nais-pais queixarse de que os nenos non traen un libro de instrucións debaixo do brazo cando nacen. Se o trouxesen, terían as técnicas axeitadas para manexalos nas diversas situacións que se presentan cada día. Ante iso eu acostumo dicirlles: “Gracias a Deus é así!”
Se un neno viñera co libro de instrucións, iso significaría que son “producidos en serie” e que, por tanto, sería intercambiable con calquera outro. Serían feitos co mesmo deseño. Se viñesen así teríamos que concluír que os nenos e, despois ao medrar os maiores, sempre serían manexables e controlables. Significaría aceptar que as persoas están predestinadas para ser escravizadas na súa vida en virtude das instrucións de orixe que viñesen nese libro.
Cada persoa é unica e irrepetible como mostra a ciencia, pois temos un ADN exclusivo, un iris diferente, caracteres faciais distintos e un sistema nervioso propio. Pero tamén somos distintos na psicoloxía e nas experiencias de vida. É mais, as persoas temos unha fonda chamada á liberdade que sempre xera movementos sociais que loitan contra as ditaduras que co tempo terminan caendo. Calquera pode observar que toda persoa ten capacidade de rebelarse ante a opresión e a inxustiza, á vez que busca ampliar os seus ámbitos de liberdade. Así o reafirma Viktor Frankl ante os campos de concentración: “Ao home do campo púidoselle quitar todo, excepto unha soa cousa: a última liberdade humana de enfrontar espiritualmente dun modo ou outro a situación imposta”.
A alma humana e a conciencia convídanos a ser protagonistas da nosa historia persoal, do noso proceso de medrar en humanización que imos construíndo paso a paso. Na evolución das sociedades debemos ser co-protagonistas xunto aos nosos irmáns para facer que estas sexan máis xustas, libres e fraternas. A historia da humanidade construímola entre todos, comunitariamente, polo que temos a grave responsabilidade de implicarnos na loita social e política, da que de ningún xeito debemos abdicar xa que sería unha falta de “denegación de auxilio” aos que sofren.
Para educar, sacar o mellor dunha persoa, hai que ter unha idea clara do que é un ser humano como nos lembra Edith Stein con “A pedagoxía constrúe castelos no aire se non atopa unha resposta a pregunta, que é o home?”. Para ver a que plenitude pode chegar o home é revelador o que se afirma na Gaudium et Spes nº 22: “Cristo, o novo Adán, na mesma revelación do misterio do Pai e do seu amor, manifesta plenamente o home ao propio home e descóbrelle a sublimidade da súa vocación”.
Tamén é necesario ter un proxecto de sociedade, de vida en común cos nosos semellantes, que respecte o que é a nosa natureza humana a nivel persoal e social. Por iso debemos implicarnos no desenvolvemento das persoas de acordo coa famosa afirmación de Goethe: “Se tratas a unha persoa como é fala peor do que é, pero se a tratas como pode chegar a ser, axúdala a mellorar”. Ademais o vivido pódese volver a examinar e re-significar co que sempre nos podemos converter en algo máis.
O ser humano exercendo a súa liberdade debe asumir a responsabilidade ante a súa conciencia, ante os seus semellantes e ante Deus. A liberdade sen responsabilidade faise arbitrariedade e capricho, o que nos converte en inimigos da humanidade, e esta, entón, tería dereito a defenderse das persoas que viven egoistamente a liberdade. Liberdade e Responsabilidade teñen que unirse a outros valores básicos da humanidade como a Xustiza, a Solidariedade e Fraternidade, a Paz, o Apoio Mutuo, etc.
A persoa humana está feita para o diálogo, para o encontro con un ti que nos precede e nos leva a desenvolver a propia personalidade, e fundamentalmente con un Ti transcendente que nos chamou á existencia, que nos sostén no camiño da vida e nos acolle ao final. A vocación ao diálogo implica o encontro creativo no proceso de educarnos e de educar. O neno non trae libro de instrucións porque a relación con el ten que basearse na creatividade dun diálogo vital constante, porque é distinto de todos os demais e ten que facer a súa propia historia cos irmáns.
Remato coas palabras do sabio poeta León Felipe: “Ninguén foi onte, / nin vai hoxe, / nin irá mañá / cara a Deus / por este mesmo camiño / que eu vou. / Para cada home garda / un raio novo de luz o sol… / e un camiño virxe / Deus”.
Antón Negro
Sacerdote e sociólogo