Tiña uns poucos aniños. Cada domingo, con xeada ou neve, xa que daquela nevaba tamén na Ribeira Sacra, camiñaba paseniñamente polo camiño de carro que nos levaba dende o lugar de Pesqueiras a Santo Estevo de Rivas de Miño. Camiñaba, collido da man da miña naiciña.
Por aquelas corredoiras enfriaban as mans pero quecía o corazón. Unha parada fronte ao cruceiro que había no camiño onde se apartaba para subir á Abadía e tamén un rezo. Alí aprendín as primeiras Avemarías. Coa sotana mollada e envolta por riba do asento, chegaba o señor cura na moto. Non me disgustaba aquela imaxe de D. Francisco, representante da Igrexa. Daquela ainda non pensaba en ser crego, pero si me facía ilusión a posibilidade de chegar a ter unha moto. Gracias a Deus, cumpríronse ambos os dous desexos.
Aquela parroquia rural, aqueles cregos vencellados ao agro, aquelas celebracións en latín, aqueles Domingos de Ramos, aquelas festas, aqueles ríos, o Miño cortexando na ribeira a soidade antiga do muíño, a Virxe amparando a memoria escura e indefensa daquel meniño, a familia, o fogar… Deus estaba en todas partes.
A pesares da saudade, os tempos son outros. A Igrexa tamén. E aquel rapaciño de aldea a quen lle gustaban as motos e as misas, asistía o pasado xoves, día 15 de maio, ao acto de celebración e presentación da “Memoria de actividades da Igrexa en Galicia” en Santiago de Compostela.
Alí estaba unha significativa representación das cinco dioceses da provincia eclesiástica: Lugo, Ourense, Mondoñedo-Ferrol, Santiago e Tui-Vigo. Os Bispos, presentes no acto, asi como personalidades da Igrexa e da sociedade galega, expresaron agradecidos as boas obras realizadas e a fermosa historia de fe en Galicia. Historia que, analizada con sinxeleza, fálanos de fe, de vida, de obras de caridade, de coidados, de amor e cercanía ao mundo dos marxinados, de encarnación nas realidades da pobreza, do sufrimento e das vítimas de trata, entre outras experiencias alí contadas. Pero, sobre todo, celebramos xuntos os pulos de esperanza que enchen de felicidade e ilusión a persoas concretas e a comunidades vivas nos miles de parroquias que vertebran os nosos pobos e aldeas. Son 3.644 en Galiza, 1200 sacerdotes, miles de catequistas que acompañan en procesos de formación a nenos e xoves. E miles de coidados con rostros concretos que se agochan no anonimato. As persoas de vida consagrada, monxes e monxas, reitores de santuarios, misioneiros, mestres, os membros de Cáritas, as institucións de atención a persoas con capacidades distintas, todos, formamos a Igrexa de todos. A local e a universal.
A Igrexa chegou á Península Ibérica hai 21 séculos. Facendo memoria, entendo o xeito de facerse presente tamén na nosa historia de Galicia, contribuindo ao patrimonio e ao desenvolvemento desta nosa terra coa súa presenza sempre viva. Entre luces e sombras, en España faise presente a través de 70 dioceses e de 22.921 parroquias onde os fieis se xuntan en asemblea e celebran a súa fe, as dores e as festas.
Aquel meniño de Santo Estevo, que chegaba por primeira vez á cidade amurallada para ingresar no Seminario, agora xa está a punto de cumprir cincuenta anos de crego. Camiña preguiceiro e algo esmaiolado, canso de andar a brincos pola vida, pero ledo por tantas molladuras, tantas xeadas e tanto sol que brila cada mencer por mor da presenza infinita dun Deus que nos quere sempre vivos e inmortais. Asi son as cousas da vida, da tenrura que se reflicte da fonte primeira da beleza e da bondade infinitas.
Mario Vázquez Carballo
Vicario xeral da diocese de Lugo