ESTIGMATIZAR

febrero 9, 2025 · 0:00 0

A tendencia a estigmatizar aos demais é moi frecuente nas relacións humanas, pero a vida social e política, as persoas e grupos sociais somos complexos, pois a mestura do ben e do mal atravesa todas estas realidades, cuestión que na vida social e política se ten pouco en conta.

O libro de Jonathan Haidt e Greg Lukianoff, “La transformación de la mente moderna”, clarifica esta cuestión. Os autores examinan como as boas intencións e as malas ideas están condenado a unha xeración ao fracaso. Unha mala idea que analizan é a falsidade de que “a vida é unha batalla entre as boas persoas e as malvadas”, por suposto que os bos somos nós. Iso en política leva a que “os estadounidenses agora están motivados para levantarse do sofá e tomar parte na acción política, non por amor ao candidato do seu partido, senón por odio ao candidato do outro partido. O partidismo negativo significa que a política estadounidense se move menos pola esperanza e máis pola falsidade de ‘nós contra eles. Hai que frear a ese ‘eles’ a toda costa”. Isto tamén pasa nas eleccións de aquí.

Na mesma liña está o libro de análise político que inclúe o marketing de campañas electorais de Estados Unidos e Europa titulado, “La era del enfrentamiento”, de Christian Salmon. O título xa é de por si toda unha definición de que estamos na lóxica política da confrontación coincidindo co libro citado antes. O autor constata que “a época dos chamamentos á agrupación consensual cedeu o seu lugar á era dos enfrontamentos e as transgresións. Trátase menos de convencer aos seus opositores que de mobilizar aos seus partidarios. E, para conseguilo, valen todos os medios: os insultos, a complicidade dentro do propio clan, a mala fe compartida”. Por iso están as campañas de descrédito dos outros políticos con eses discursos agresivos para suscitar non a empatía, senón a antipatía; non a pertenza, senón a división; non a continuidade, senón a ruptura.

Ver a información política nos medios de comunicación social non xera sosego e paz nas persoas, pero si moita crispación e agresividade, especialmente nas campañas electorais. Estigmatizan aos outros partidos e candidatos, non só como adversarios con proxectos distintos, senón como inimigos identificados aos que combater ferozmente por todos os medios xa que representan todos os males para o pobo. Nas redes sociais atopamos unha guerra de “guerrillas” baseada na transgresión, animadversión e provocación dirixidas á emotividade das persoas desenvolvendo unha cultura do enfrontamento comunicativo. Moitos videoxogos son un gran medio de adaptación á división social, á violencia e á criminalidade, que serven de adestramento para o mundo real.

Coido que é acertada esta constatación de Salmon: “Cando a palabra política e o debate público perderon toda credibilidade, a única maneira de ‘existir’ nos medios de información consiste en encadear as provocacións e as transgresións (…) A partir de agora, viralidade e rivalidade, virulencia e violencia, enfrontamento e guerra de relatos van da man”.

A estigmatización dos de opcións políticas diferentes ten claras consecuencias para a sociedade que describe o Papa Francisco en Fratelli Tutti nº 15: “Hoxe en moitos países utilízase o mecanismo político de exasperar, exacerbar e polarizar. Por diversos camiños négase a outros o dereito a existir e a opinar, e para iso recórrese á estratexia de ridiculizalos, sospeitar deles, cercalos. Non se recolle a súa parte de verdade, os seus valores, e deste modo a sociedade empobrécese e redúcese á prepotencia do máis forte. A política xa non é así unha discusión sa sobre proxectos a longo prazo para o desenvolvemento de todos e o ben común, senón só receitas inmediatistas de marketing que atopan na destrución do outro o recurso máis eficaz. Neste xogo mesquiño das descalificacións, o debate é manipulado cara ao estado permanente de cuestionamento e confrontación”.

As persoas e as sociedades para vivir humanamente necesitamos a cultura do encontro e do diálogo, da xustiza e a paz, da amizade social e a fraternidade, pois nas persoas doutras opcións políticas tamén hai actitudes e valores positivos. O progreso e a evolución da humanidade baséanse na colaboración pola existencia, non no enfrontamento, pois o ‘sálvese quen poida’ e o ‘todos contra todos’ será peor ca unha pandemia. Facilítase a convivencia cando un é consciente do mal que fai e descobre o ben que fan os demais, o que favorece actitudes de agradecemento e diminúe as de agravio.

Antón Negro

Sacerdote e sociologo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]