ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO

Caridade politica

diciembre 14, 2024 · 18:23 0

É posible que para moitas persoas sexa unha sorpresa atopar xuntas estas dúas palabras, para outras é seguro que detestan un ou outro concepto. Tamén non me cabe dúbida que haberá persoas que pensan que son incompatibles para estar unidas.

Nos medios de comunicación atopamos persoas que opoñen caridade e xustiza, entendendo por caridade a esmola dada para prescindir da loita pola xustiza co que se perde o verdadeiro sentido da caridade, que é facer xustiza e ir máis aló na solidariedade cos irmáns. Xa San Tomé de Aquino distinguía entre a xustiza, que implicaba dar aos pobres o que unha persoa non necesita para vivir pois lles pertence, e a caridade que é dar aos pobres do que un realmente necesita para vivir. Así que o compromiso solidario ou caritativo empeza por esixir o cumprimento do que é xusto, que se recolle no lema de Cáritas “traballamos pola xustiza”, para despois ir alén do que esixe a xustiza.

A política tamén está desacreditada na opinión pública, co que as persoas sensatas dimiten con frecuencia da acción política e queda libre un campo que ocupan arribistas e inmorais. A política está para organizar a convivencia con xustiza na “polis” (cidade) e así procurar o ben común na sociedade. Este compromiso polo ben común é unha esixencia ética para toda persoa que non queira ser malvada e antisocial, e neste caso a sociedade ten dereito a defenderse de delincuentes e malvados.

Non é costume falar de caridade política. Nos ambientes que frecuento á ultima persoa que lle oín falar da caridade política, como a vocación fundamental dos laicos, foi a D. Luís Argüello nas xornadas de teoloxía da nosa diocese fai dous anos, quen hoxe é o presidente da Conferencia Episcopal Española.

Pío XI, cando Mussolini o acusou de exceder os límites do apostolado ao incidir na política, respondeu dicindo aos estudantes universitarios católicos: “O campo político abarca os intereses da sociedade enteira; e nese sentido, é o campo da máis vasta caridade, da caridade política” (18-12-1927).

Os bispos españois no documento “Católicos na vida pública” no número 61 expresan que “coa Caridade Política non se trata de suplir as deficiencias da xustiza, nin moito menos de encubrir cunha suposta caridade as inxustizas dunha orde establecida e asentada en profundas raíces de dominación ou explotación. Trátase máis ben dun compromiso activo e operante, froito do amor cristián aos demais homes, en favor dun mundo máis xusto e máis fraterno con especial atención ás necesidades dos máis pobres”. A mensaxe é clara para quen queira entender.

O Concilio Vaticano II e moitos documentos eclesiais afirman que a vocación específica do laico é a caridade política, é dicir que “o campo propio da súa actividade evanxelizadora é o mundo da política, da realidade social, da economía, da cultura, das ciencias e das artes, da vida internacional, dos medios de comunicación social, da familia, da educación, do traballo…”, en verbas da exhortación apostólica froito do Sínodo de Laicos, a Christifideles Laici (ChL) no nº 23.

Hai que constatar que nas actividades que en xeral organizamos na Igrexa para laicos prima case en exclusividade o litúrxico-cultual e que deixamos de dar a formación necesaria para comprometerse na sociedade co fin de realizar a xustiza e o ben común en favor dos cidadáns, especialmente os máis pobres. Ademais a formación debe incluír o acompañamento dese compromiso na vida pública que esixe a vocación laical. É máis, dise en ChL nº. 42 que os laicos de ningún modo poden abdicar da participación na “política”, en todo o variado campo de acción en favor do ben común .

Se non axudamos aos laicos a realizar a caridade política, o que facemos é apartalos das súas responsabilidades e que caian na tentación que a ChL no nº 2 xa trataba de evitar: “a de reservar un interese tan marcado polos servizos e tarefas eclesiais que frecuentemente lles leven a un práctico abandono das súas responsabilidades específicas no mundo profesional, social, económico, cultural e político”. As funcións que desempeñen na liturxia, transmisión da fe e nas estruturas pastorais da Igrexa, deberán ser exercidas en conformidade coa súa específica vocación laical. (ChL nº 23)

Un laico adulto camiña exercendo de laico na Igrexa e na sociedade, e dos pastores necesita colaboración para poder cumprir a propia vocación laical.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]