En democracia estamos acostumados a dar por certo que a maioría é a que ten a razón e ten dereito a impoñer a súa visión ao resto da sociedade, por tanto, tamén as súas decisións. Pero o certo é que non hai democracia se non se respectan os dereitos das minorías por mínimas que sexan, mesmo os dereitos dunha única persoa. As maiorías están limitadas polo dereito e a xustiza.
A democracia ten que asentarse no respecto aos Dereitos Humanos de todos os cidadáns, pero tamén sobre a xustiza que está ao servizo das persoas no seu proceso de humanización. Por iso a xustiza non pode basearse simplemente nas leis aprobadas polo parlamento senón que debe ter unha dimensión ética, a que sustenta as afirmacións que saen da conciencia das persoas coma un grito: Esta Lei é inxusta! Isto é un abuso aínda que sexa legal!
Se as leis se basean nos desexos e convencións das maiorías parlamentarias, como acostuman razoar os políticos que están no poder, quere dicir que se fundamentan en intereses corporativos ou na forza da maioría. Isto é nos intereses do poder, que ten pouco que ver coa xustiza coma un ben universal e transcendente. A xustiza propiamente dita non se pode vincular aos intereses da clase política ou dos partidos, tampouco aos intereses egoístas dos grupos sociais ou mesmo aos da nación como proclaman os nacionalismos periféricos ou centralistas.
A verdadeira xustiza é un obxectivo a conseguir. Baséase na dignidade da persoa de acordo a súa natureza persoal e social. Non pode esquecerse a realidade do chamado dereito natural que se fundamenta no que é a condición humana, no noso ser persoa. Se as leis só se basean en convencións sociais, o que é un dereito ou unha ilegalidade depende das conveniencias dos gobernantes do momento.
Ás democracias actuais aínda lles queda un longo percorrido para que concorden coa clásica definición de democracia: “O goberno do pobo, polo pobo e para o pobo”. A estas democracias vixentes, que se asentan nunha constitución, cádralles máis ben o que escribiu Lucas Verdú: “A Constitución aparece como a expresión xurídica fundamental que culmina o acto xurídico de institucionalización do poder «.
Así cando algún ministro suxire que os xuíces deben facer as sentenzas tendo en conta as maiorías parlamentarias, sabemos que quere aumentar o seu poder, por tanto, abusar do poder, o que no fondo non deixa de ser corrupción. Estaríase querendo voltar ao concepto medieval de que a lei non obriga ao príncipe.
Para traballar pola xustiza axuda a coñecida a afirmación de Lord Acton, historiador católico inglés, nunha carta ao bispo anglicano Mandel Creighton en 1887: “Todo poder tende a corromper y e o poder absoluto corrompe absolutamente”. Por iso é necesaria a división de poderes e poñer límites aos gobernantes no exercicio do seu poder, xa que a miúdo tenden a abusar del. É necesario socializar e repartir o poder entre os cidadáns para que non se concentre en poucas mans, á vez que se loita contra as tendencias egocéntricas e ególatras dos que acadan o poder.
Un cristián debe saber e ser consecuente con esta afirmación de Xesús: “Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal” (Mc. 10, 42-44). E Xesús viviu coherentemente con isto.
Entendo que era evanxélico e sabio aquel monxe que, ao elixilo os seus irmáns como abade, aceptou coa condición de que houbera dous monxes, polo menos, que ao remate do día como obriga lle dixesen todo o que fixera mal no seu actuar. Tanta sabedoría e humanidade aínda non a atopei nas nosas autoridades!.
Non haberá dúbida de que a actitude libre e profética ante o poder para limitar o seu uso abusivo é unha obriga ética de xustiza, é unha actitude realmente democrática.
Antón Negro Expósito
Sacerdote e sociólogo
Foto: https://www.congreso.es/es/fotonoticias