Durante estes días nos medios de comunicación social agudizouse de novo o debate sobre o tema das migracións. É curioso que coincida o outono da actualidade destes problemas relativos á migración coa celebración na Igrexa da Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado (111ª) baixo o lema “Deus camiña co seu pobo”.
Será o vindeiro domingo, 29 de setembro. Lugo, como Igrexa local e diocesana, celebrará esta Xornada na Catedral cun acto de culto eucarístico presidido polo Sr. Bispo e unha posterior festa de fraternidade cos migrantes no claustro. Colaborará na organización Cáritas Diocesana e outras institucións e congregacións relixiosas da Diocese. A nosa Cáritas diocesana ten unha longa tradición de axuda ás persoas migrantes cos programas “Contade con Nós” e “Participa con nós”. Na Memoria 2023 de Cáritas de Lugo (Cf. páxs. 58-64) poden verse con detalle os esforzos e coidados que a Igrexa Diocesana está a dispensar a través das distintas actuacións realizadas (acollida, asistencia técnico-xurídica no acceso á nacionalidade española, servizo de información, defensa e asistencia xurídico-legal; sesións informativas grupais ao longo do territorio diocesano, axudas económicas ás necesidades básicas, talleres, viaxes culturais, etc.) Todo un laudable traballo de apoio e acompañamento persoal para superar os obstáculos cotiáns cos que se atopan e poder así acceder aos seus dereitos. Alí reciben tamén a acollida, asistencia, información e protección necesarias para poder afrontar novos desafíos que xorden da realidade existencial dunha nova vida nun país estranxeiro.
Son moitas as razóns para abandonar o país de orixe: a necesidade e a miseria que, doutra maneira, nós mesmos vivimos en Galicia, especialmente na postguerra, no século pasado. Pero tamén, as guerras, a falta de liberdades, a persecución política e os conflitos de diversa índole. Por iso, ademais dos inmigrantes que legalmente viven nos países de acollida, existen tamén centos de miles “ilegais” que por non dispor dun permiso de residencia, vense obrigados a moverse ás agachadas pola sociedade. O temor a ser descubertos, encarcerados ou deportados, fai da súa existencia unha realidade chea de grandes incertezas e inestabilidades. Deste xeito néganselles os dereitos fundamentais e obrígaselles a vivir en condicións infrahumanas.
Por primeira vez, o número de desprazados supera aos da II Guerra Mundial. Daquela fuxiamos os europeos. Se mantemos a nosa propia historia na memoria, saberemos valorar que a existencia do proxecto europeo é positivo tamén para o mundo.
O cristianismo, que influíu de maneira radical na cultura europea, é, desde as súas orixes, unha relixión con gran carga social. Xesús no Evanxeo deixa ben claro que a acollida ao estranxeiro é unha forma de caridade e unha obra de misericordia. O mesmo Xesús preséntase como un migrante. San Mateo mostra a infancia de Xesús e a Sagrada Familia baixo a primeira e cruenta experiencia dunha migración forzosa (Mt 2, 14-15). Por outra banda, o Evanxeo de Lucas narra o nacemento de Xesús fóra da cidade porque non había sitio para eles na pousada (Cf. Lc 2, 7). No estranxeiro, o cristián contempla o propio rostro de Cristo nado nun presebe e fuxindo a Exipto como un estraño. Existe unha interesante filosofía e teoloxía das migracións que aquí non fago máis que insinuar ao lector. A tradición patrística, San Agostiño, San Benito e unha longa historia do maxisterio da Igrexa ocupouse sempre das migracións. Ante o gran aumento global dos fluxos migratorios forzosos, o papa Francisco creou un novo Dicasterio para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral que inclúe a Pastoral dos Migrantes e Itinerantes. Ademais das campañas mediáticas e accións de incidencia política a prol das persoas migrantes máis vulnerables, necesitamos unha mirada nova que impregne a vida cotiá da Igrexa e da sociedade para que nos conmova e impulse á acción.
Mario Vázquez Carballo
Vicario xeral da diocese de Lugo
Opina sobre esta entrada: