Nos últimos tempos moitas veces oímos, consciente ou inconscientemente, a expresión “desxuizar a política”, posiblemente foron miles de veces ou polo menos centos. A expresión aparece nos periódicos, revistas, radios, televisións… e tamén sen pasala pola conciencia vese moitas veces nos kioskos ou en subtítulos televisivos, polo que vai quedando no subconsciente das persoas.
Ao meu entender, o realmente importante non é se a unha persoa se lle perdoa un delito ou non, se se fai unha lei ao seu favor, ou non se lle aplica algunha das existentes co que iso implica… senón que o máis importante son as consecuencias sociais e antropolóxicas destes feitos. Estas maniféstanse nunha vida persoal que asume como normais e propios uns comportamentos baseados en valores cambiantes, tanto nas relacións interpersoais como na acción sociopolítica. O vaivén de declaracións incoherentes e contraditorias, argumentacións á comenencia do interese particular do momento, os cambios lexislativos para conseguir obxectivos non acordes coa xustiza teñen consecuencias para a vida social como expreso a continuación:
-Sitúa a persoas por enriba da lei xa que, se non lles favorecen as leis existentes, cámbianse por interese e non son sometidas ao chamado imperio da lei. É máis, a lei desvincúlase do que chamaríamos dereito obxectivo ou dereito natural. Ademais québrase o principio da igualdade de todos ante a lei. Isto lémbranos aquel principio legal das monarquías absolutistas que dicía: “A lei non obriga ao príncipe”, xa que el era a orixe da lei. Vivir para ver!!!
-Na vida social perden importancia e validez valores e feitos tan determinantes da vida humana como son: a LEI e o DEREITO coa súa dimensión ética e de lexitimidade; a XUSTIZA que implica aceptar que o xusto serao independentemente de se me favorece ou non; o BEN coa dimensión obxectiva que debe ter á marxe de se lle convén ou non a cada quen. Deste xeito quédanse sen fundamento nin seriedade estes principios tan básicos para a vida social humana.
-Neste contexto sociopolítico tamén queda afectada a persoa na súa autoconciencia e autopercepción, así como na maneira de presentarse ante os seus semellantes, pois queda moi debilitado o sentido e alcance de valores antropolóxicos tan importantes como a Dignidade Humana, a Responsabilidade Persoal e Social, a Veracidade, a Honradez e a Honestidade, etc. Certamente que isto afecta de xeito fundamental á propia vocación humana e á vida comunitaria nos grupos.
-As accións de todo cidadán deben estar sometidas a leis xustas e aos tribunais, que deben ser iguais para todos. Ademais as leis non deben desvincularse da verdade, da xustiza e do ben común (este non equivale ao interese xeral ou da maioría ou minorías), pois os empobrecidos e as Comunidades que teñen menos recursos só atopan defensa nesta vinculación. A xustiza implica o que é xusto en si mesmo, non o que afirme a maioría pois neste caso prima a lei da forza, do poder.
Para entender a realidade de “tantos cambios interesados” traducidos en leis e en decisións de política económica beneficiosas para algúns… que nos presentan como BEN SOCIAL!!??, lembremos a Germán Gutiérrez no libro “10 palabras clave sobre globalización” no que el chama a Ética da Banda de Ladróns:
“Unha banda de ladróns, para subsistir, debe respectar normas básicas, como non matarse entre si, non roubarse entre si e respectar os acordos… A ética da banda de ladróns preséntasenos como un paradigma ético de especial importancia. Trátase dunha ética que non é universalizable…” (p. 305) Pois a ética da banda de ladróns é corporativa, de egoísmo grupal, xa que necesita para sobrevivir unha mínima cohesión social e que haxa outros grupos aos que saquear.
Necesitamos na vida social e política máis ética e moral auténticas, máis sentido do deber e da xustiza, máis honradez, veracidade e servizo. Non podemos esperar que practiquen a ética antes os que están no poder… iso serviría de escusa para non comprometernos. Debemos asumir ese compromiso cada un de nós, esixilo nos nosos grupos e partido político; tamén aos demais, ás institucións sociais e ao Estado tendo, por tanto, presente o que o intelectual Papa Bieito XVI escribe en “Deus Caritas Est” nº 28:
“A orde xusta da sociedade e do Estado é unha tarefa principal da política. Un Estado que non se rexese segundo a xustiza reduciríase a unha gran banda de ladróns, dixo unha vez Santo Agostiño”.
Antón Negro Expósito
Sacerdote e sociólogo
Delegado de Cáritas Lugo
Opina sobre esta entrada: