ANTÓN NEGRO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO

A Igrexa pode resultar molesta

noviembre 11, 2022 · 17:04 0

Varias persoas téñenme preguntado: por que hai tanta aversión á Igrexa e aos católicos na maioría dos medios de comunicación? E por que de persoas con poder? Noutra ocasión, cando falaba sobre os medios de comunicación dixéronme: “Mira, o ABC defende a Igrexa”, e saíume de súpeto a resposta: “Non, o ABC defende que a Igrexa é de dereitas, que non é o mesmo”.

Parece lóxico que a Igrexa e os seus membros resulten molestos para quen queira mandar e abusar dos cidadáns, ou implantar a moral e o dereito que máis lle conveña aos seus intereses. Neste caso a súa actitude ante a Igrexa e os Católicos será ou ben desacreditala por diversos medios ou ben levala ao seu muíño atrapándoa con prebendas. É a técnica do “pau e a cenoria”. Por exemplo no meu 1º ano de estudio da socioloxía un profesor dixo en clase: “se fose eu quen mandase, xuntaba a todos os cregos nun monte e abría a veda”. Por que sería? … Tamén é frecuente atopar aduladores do poder, e algúns ata dispostos a facerlles o traballo sucio. (Por falta de espazo non tratarei a cuestión de que a Igrexa tamén é santa e pecadora)

Aos poderosos vailles mellor que só se recoñeza o dereito positivo feito polos gobernos e os parlamentos por maiorías ocasionais. Que a Igrexa e outros grupos defendan a existencia dun dereito natural e uns dereitos humanos suponlles unha dificultade para a implantación do “seu” dereito. Pero para os descartados, pobres, marxinados… a existencia dun dereito obxectivo, natural, élles de vital importancia para que non os instrumentalicen para conseguir o poder. A actual represión en Nicaragua recorda esta histórica lección esquecida polos que apoiaron aos sandinistas: o poder que se alcanza coas armas, deféndese coas armas.

Tamén lles é un incordio a solidez das ensinanzas da Igrexa, como dicía un catedrático de informática nunha universidade. Isto pode verse examinado o fundamento científico-técnico das súas afirmacións, a orixe e fundación das universidades, a evolución histórica da ciencia e técnica, e o prestixio de institucións académico-científicas de centros eclesiais de formación a nivel mundial.

Mención aparte merece a Academia Pontificia das Ciencias na que hai científicos de China, Taiwan, Israel, USA, España… e varios premios Nóbel. Agora presídea o científico agrícola alemán Joachim Von Vraun, Luterano, que dixo tras ser nomeado: “Compráceme o nomeamento do Papa Francisco e a colaboración con aproximadamente 80 académicos de alto perfil de todo o mundo. Como temas particularmente importantes a ser tratados pola academia, vexo a conexión entre a pobreza, a desigualdade e a inxustiza no noso mundo, así como a destrución dos recursos naturais. Debemos atopar novas solucións para estes problemas”.

Quen pode negar base científica á afirmación eclesial que o embrión é unha vida distinta da dos pais? É certo que no seu ADN hai xenes da nai e do pai, pero é distinto do doutro ser humano.

A Igrexa celebra Santiago o 25 de xullo, patrón de España e Galicia. Nas Misas escóitase este Evanxeo: “Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan, e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así” (Mt. 20,24). Na 1ª lectura as autoridades xudías lémbranlle a Pedro a prohibición de falar no nome de Xesús, pero el responde: “Cómpre obedecer a Deus antes que aos homes” (Feit. 5,29). Lóxico, por tanto, que aos que queiran mandar e dispoñer ao seu capricho da vontade dos demais lles resulten especialmente molestas estas ensinanzas bíblicas da Igrexa.

Para a Igrexa a norma última de comportamento e moralidade é a propia conciencia, defendendo a súa liberdade radical. Así o expresa no seu Catecismo nº 1782: “O home ten o dereito de actuar en conciencia e liberdade a fin de tomar persoalmente as decisións morais. ‘Non debe ser obrigado a actuar contra a súa conciencia. Nin se lle debe impedir que actúe segundo a súa conciencia, sobre todo en materia relixiosa’ (DH 3)”. E engade no 1790: “A persoa humana debe obedecer sempre o xuízo certo da súa conciencia. Se obrase deliberadamente contra este último, condenaríase a si mesma”. De aí que un bispo lle dixera a un crego: “pois siga a súa conciencia” ante a obxección deste de que “en conciencia non o podía facer” o que lle pedía.

Por tanto, na medida na que a Igrexa sexa máis fiel ao Evanxeo, máis molesta será para os poderosos e os seus medios de “información”, e consecuentemente máis criticada e perseguida será se non se somete.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]