ANTÓN NEGRO | 24 DE XANEIRO DE 2021

Unha cruz sobre a porta do templo

enero 23, 2021 · 22:00 0

Un amigo comentoume que un grupo político do seu concello organiza roteiros para mostrar os cruceiros da bisbarra e facíame a continuación esta observación: “Que lle contarán á xente sobre os cruceiros?

Eu contesteille que iso tiña pouca importancia porque un cruceiro ten un claro significado e cantas máis mentiras conten e máis manipulacións fagan, pois, máis desprestixio terán no futuro.

Pódense contar moitas historias, medias verdades e mesmo falsidades, pero as persoas estamos chamadas a coñecer a verdade e se descubrimos que alguén nos manipula ou engana, pareceranos mal, e como responderías ti?

Na revista Cairón nº 4 (Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns) faise unha presentación da cruz que está no tímpano sobre a porta románica de acceso na Igrexa de S. Martiño de Amarante do Concello de Antas de Ulla. No escrito poden lerse os parágrafos seguintes: “No tímpano podemos observar un elemento escultórico universal, quizais o máis atraínte para os cristiáns, polo seu significado simbólico universal como é a cruz grega, cas súas catro aspas iguais… A cruz de catro brazos iguais, a grega, ten un carácter universal, que a encontramos en tódalas culturas do universo, moito antes de que o cristianismo a adoptase como referencia para personalizar nela a morte de Cristo” …”En todo elo, a cruz non deixa de ser un símbolo totalizador en súas ramificacións e variantes en diversas áreas culturais, místicas e relixiosas. Mais aquí estamos falando da cruz mística que os primeiros cristiáns adoptaron como símbolo nos seus primeiros inicios”. Cando fala da presencia de cruces nas culturas menciona as mesopotámicas, exipcias, gregas, celtas, aztecas e africanas.

O que sorprende é que non se faga referencia á civilización que deixou máis pegadas na nosa historia, a romana, e non se pregunta se a cruz forma parte da praxe dos romanos e, se é así, para que a utilizaban. Si, é certo que os romanos empregaban a cruz e facíano como instrumento de suplicio e pena de morte para certos delitos. Pero convén non esquecer que esta pena era para os que non tiñan a condición de cidadáns romanos.

A cruz non é un símbolo que adoptaron os primeiros cristiáns, senón que é unha realidade ineludible na súa orixe. Esta cruz está nun templo porque nel se reúne a asemblea (ekklesia) dos seguidores de un tal Xesús de Nazaret, que era un israelita da tribo de Xudá. O que nos manifesta é que a pena de morte lla aplicou o poder romano a través dun dos seus gobernadores e non o poder xudeu. Se a pena de morte lla aplicase o poder xudeu sería apedrado (lapidación).

Ante este feito xorden moitas preguntas como algunhas das que se formulan a continuación: Que fixo ese Xesús? Que dixo ante os seus oíntes? Por quen se tiña? Tivo un grupo de seguidores, como eran e como actuaron? Quen o acusou, de que e por que? Como se desenvolveu o proceso? Quen, cando, e por que asinou a súa pena de morte? Como actuaron no proceso os seus amigos? Que fixeron a continuación e uns días máis tarde? Que pasou no intermedio? Como é que apareceron e seguen existindo hoxe seguidores seus non pertencentes ó pobo xudeu, terminando como terminou? Que pegadas del se ven na historia? Como a súa presenza transformou a historia e a incontables persoas? Que é iso de “a. C.” e “d. C.”? Que din e que fan os seus seguidores? É posible ter hoxe un diálogo-encontro con ese Xesús? Como é posible que na España actual haxa arredor de 13.000 españoles que por causa del se vaian á selva, a barriadas pobres de grandes cidades, a países en guerra… para dar testemuño del e servir ás persoas que os poderes deste mundo descartan  por improdutivas, febles, enfermas…?

Está ben que nos axuden a ver as influenzas históricas e culturais á hora de descubrir como se elaboran as representacións históricas da cruz, xa que, por exemplo, podemos percibir unha experiencia espiritual con matices diversos na cruz e Cristo de Velázquez e no de Dalí. Pero claro, sempre e cando non nos oculten o fundamental de por que está a cruz presente entre os cristiáns, quen morreu nela, e que logo resucitou segundo nos mostran as pegadas dese feito que na historia se ven dende entón.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]