MIGUEL GÓIMEZ VAZQUEZ | RESPONSABLE DO COMEDOR SOCIAL SAN FROILÁN

Desde o Comedor San Froilán: ¡Gracias!

mayo 16, 2020 · 21:12 0

Cada día, unhas cento cincuenta persoas achéganse ao Comedor San Froilán. Hai un par de meses, antes de que comezase esta situación, os que acudían eran a metade. Todos somos conscientes do gran drama que vivimos neste momento.

No ano 2000, a diocese de Lugo decidía, cos donativos procedentes do xubileu daquel ano, abrir esta institución. O obxectivo era lograr que nin unha soa persoa ou familia deixase de gozar de, polo menos, unha comida diaria. Fai vinte anos, facelo era unha necesidade, hoxe lamentablemente segue séndoo. E nada indica que vaia a mellorar.

O Papa Benedito XVI, na súa encíclica Deus Cáritas Est, di “que o amor sempre será necesario, mesmo na sociedade máis xusta. Quen tente desentenderse do amor disponse a desentenderse do home en canto home. Sempre haberá sufrimento que necesite consolo e axuda”. E baixo esta premisa existe o labor asistencial da Igrexa. Existe polo amor. O Comedor San Froilán é froito dese amor.

Desde que abriu as súas portas viu pasar polas súas instalacións centos, miles, de persoas. Non dá igual o número porque ninguén o é, aínda que sexa máis doado reducirnos a iso, a unha cifra. Centos de traxedias, horrores, equivocacións, desconsolos, soidades, miserias… que non se curan cun anaco de pan ou unha sopa quente. Pero o alimento material é o básico sustento, e ás veces a escusa, para recibir algo máis: un sorriso, unha chascádela ou un oído ao que contarlle o que pasa, alguén que se preocupe por ti. É poñer rostro ao sufrimento do outro, que pode chegar a ser reflexo do propio. Ningún estamos libres de sufrir nin de vernos abocados a pasar por malos momentos ou necesidades.

Cando a sociedade é sacudida por algunha crise, agrávase ese sufrimento. As miserias materiais e espirituais duplícanse. Pero tamén se multiplica o amor. E faino exponencialmente.

En vinte anos, o Comedor San Froilán non deixou de abrir as súas portas por falta de recursos. Se se incrementa o número de necesidades, á vez crece sen medida o apoio que recibe. E é moi necesario agradecelo. E hoxe segue dando para comer a quen o solicita. Cónstame que as Fillas da Caridade que o rexentan preocúpanse de cada un dos que por alí pasan. Sei que cada un dos traballadores pon no seu labor as mellores calidades de si mesmos. Estou segura de que cada un dos voluntarios desborda entusiasmo e dispoñibilidade. E que cada empresa, comercio ou persoa particular que achega alimentos faino desbordando xenerosidade. Xamais faltou o seu apoio ou axuda. Nunca.

Esta reflexión é para eles. Para darlles as grazas en nome deste Comedor; casa de acollida de moitos ou de todos, dependendo do momento. Grazas aos que non escatimades en amor. Grazas pola vosa xenerosidade. Grazas. “O amor é unha luz que ilumina constantemente a un mundo escuro e dános forza para vivir e actuar. O amor é posible, e nós podemos poñelo en práctica porque fomos creados a imaxe de Deus” (Benedito XVI).

Por ese amor o Comedor San Froilán seguirá aberto. Por ese amor seguiremos actuando. Por ese amor, a Igrexa, como di tamén Benedito XVI, “non pode nin debe substituír ao Estado. Pero tampouco pode nin debe quedar á marxe na loita pola xustiza”.

Por ese amor e desde o amor, dámosvos as grazas!

Miguel A. Gómez

Responsable Comedor San Froilán

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]