Sempre fun una persoa de fe e de igrexa. Desde pequena sempre fun á misa os domingos e festas de gardar; daquela, porque me levaban ou me mandaban, non había outra opción; logo, fun medrando e decateime de que me gustaba ir, de que necesitaba ir ás celebracións, sobre todo os domingos; se non ía, non era domingo para min, (iso aínda me pasa agora).
Tamén me gustaba e gusta axudar na celebración: lía a lectura, preces… fun catequista moitos anos na parroquia onde nacín e, logo, tamén onde vivo agora . Desde hai uns anos non o son, pero fago outros menesteres e colaboro no que podo.
Supoño que por levar media vida axudando e participando activamente nas tarefas da Igrexa (aquí tamén entran excursións das parroquias, viaxes a Lourdes e a Fátima, encontros, camiños de Santiago, xantares compartidos…), podo dicir que teño varios amigos curas; e, cando digo amigos, conleva todo o que di a palabra amigo. Algún deles éo desde hai máis de 30 anos (antes de ordenarse), e iso que, ás veces, por circunstancias do tempo e da vida, deixamos de vernos por largos períodos, pero hai amizades que vencen as adversidades e perduran inquebrantables .
A min dáme moita carraxe cando meten a todos os curas no mesmo saco; entendo que os haxa bos e menos bos, como pasa con todas as profesións (mestres/as, médicos/as, xuíces/xuízas, carpinteiros, policías…) pero, pola miña experiencia, eu sei que hai curas moi bos. Algún destes curas amigos non se fan ver, pero levan toda a vida dedicados aos demais en corpo e alma, sobre todo ás persoas maiores, e iso é de agradecer. En realidade, o que máis me doe e que, cando se fala dos curas, non se teña en conta, frecuentemente, que os curas son persoas. Detrás dun cura sempre hai unha persoa, que sente, actúa, sofre, erra e acerta coma calquera outra. Un ser humano, con todo o que isto implica. Pero non un ser humano aséptico, un ser humano cunhas circunstancias familiares, sociais e culturas concretas e persoais que poden ter un peso moi importante á a hora de tomar as súas decisións e á hora de actuar. Si, dáme moita pena que, ás veces, non se ten en conta esta súa condición de persoas e se lles esixe aos curas un comportamento extraordinario. E isto non é xusto.
Para min ter un amigo cura é un regalo de Deus, porque, cando lle pido un consello, sei que mo dá unha persoa que está cos pes na terra, pero coa alma cerca de Deus . Unha persoa que está disposta a escoitar e a entender. É coma ser amigo de Xesús. Compartes con el todo: inquietudes espirituais e terreais, alegrías, tristezas… Non hai nada que quede fóra desta especial amizade.
Como dixen, teño varios amigos curas e todos eles me axudan de algunha maneira a medrar como persoa e, sobre todo a medrar na fe. E teño que engadir que grazas a eles, entre outros regalos moi prezados (a Palabra de Deus) , recibo todos os días no teléfono “O reto do amor”, tamén este “Falando Baixiño” cada semana, e tamén recibo destas persoas a miúdo un “Reza polo cura” , “Que Deus te bendiga” ou un “Encoméndote ao Señor”, etc., (que tanto me gustan e que tanta paz me dan).
Sempre tiven un cariño especial polos curas. Sempre me deron os mellores consellos e sempre houbo algún nos momentos máis importantes da miña vida. E teño a graza de coñecer e cultivar a amizade de varios. Grazas a un cura fun acollida na Igrexa coas augas do Bautismo. Grazas a un cura recibín o perdón en confesións sinxelas ou máis profundas mentres medraba en estatura, personalidade e problemas. Grazas a algún cura atopei palabras de consolo, luz para as dúbidas, reflexións para tomar decisións transcendentes, invitacións para deixar egoísmos e a compartir o meu tempo con persoas que o necesitan.
Eu a estes amigos curas (e aos que non son amigos tamén) só lles teño que dicir: grazas pola vosa entrega, grazas polo voso amor a Xesús Sacramentado e pola vosa fidelidade. E, aínda, grazas por ensinarnos o Camiño. Que Deus siga bendicindo a vosa vida e o voso Ministerio.
Unha persoa agradecida.
Opina sobre esta entrada: