Antón Negro | 28 de xullo de 2019

¡Sindicatos e sindicatos!

julio 27, 2019 · 21:00 0

O concepto SINDICATO fai referencia a realidades bastante diversas e non todas nos son igual de convincentes. Para min a mellor definición é a de Poguet en La voix du peuple, (periódico da C.G.T. 1900): «É o grupo esencial que permite facer fronte constantemente ao explotador… preparar unha coordinación crecente das relacións solidarias… principalmente é unha escola da vontade; o coñécete a ti mesmo de Sócrates é completado coa máxima de resolve os teus asuntos por ti mesmo«.

Non se trata, por tanto, que un sindicato só se centre en conseguir mellor salario e condicións laborais, senón que busque o protagonismo social solidario de tódolos traballadores para acabar coa explotación e conseguir unha sociedade solidaria e fraterna. Esta actitude xa estaba no Preámbulo aos estatutos da 1ª Internacional (1864) que dicía “Que a emancipación dos traballadores debe ser obra dos traballadores mesmos”, e que o seu esforzo emancipador non era para conseguir “novos privilexios”, senón “para todos os mesmos dereitos e os mesmos deberes”, baseados na “Verdade, Xustiza e Moral”. Nese Preámbulo inclúese unha expresión que repiten con insistencia os primeiros internacionalistas españoles, “non máis deberes sen dereitos, nin máis dereitos sen deberes”, porque querían ser libres e responsables.

Fago un inciso para recordar que o protagonismo dos traballadores na súa emancipación está destacado na Doutrina Social da Igrexa. Só como exemplo referido aos traballadores do campo cito a “Mater et Magister” (nº 144) de Xoán XXIII,: “Estamos convencidos, sen embargo, de que os autores principais do desenvolvemento económico, da elevación cultural e do progreso social do campo deben se-los mesmos interesados, é dicir, os propios agricultores”.

O estilo de sindicato que veño describindo leva consigo unha tarefa educativa que describe con claridade o Boletín do Sindicato dos Obreiros Mineiros de Asturias (“EI minero de la Hulla” nº 5, Decembro 1914): “Compañeiros mineiros: a vosa adhesión ao Sindicato non a debedes facer co exclusivo fin de obter máis salario, menos horas de traballo e mellor trato dos xefes y vixiantes, senón que debe ter tamén un fin máis alto: o de facervos mellores (…). É necesario que deixes de facer a vida de bruto que ata a fecha fixeches, e que nos libros que os homes bos e sabios escribiron, busques o foco de onde irradian eses fermosos feixes de luz que te sacarán das tebras da ignorancia”.

Isto non son bos desexos, son realidades cotiás que relata Ansel­mo Lorenzo, membro español da AIT no libro “El Proletariado Militante”: «Miles e miles de traballadores pobres, de distintos países, acabadas as 10 horas de fatiga, extenuados, prescindindo xa da taberna e do alcohol, sométense a unha nova faena para instruírse nas primeiras horas da noite acerca dos asuntos sociais, quí­tanse o pan da boca para soster o periódico (obreiro) que os protexe, e dedican o resto da súa forza e da actividade á propaganda dos seus ideais…».

O escritor Heleno Saña no libro “¿Existe militancia obrera hoy?” fai tamén unha análise dos sindicalistas do século XIX e principios do XX e resalta que destacan pola súa alta cultura, bos costumes, honradez e integridade moral. A loita era contra o burgués e tamén contra o alcohol, xogos de cartas, tabernas, prostitución, linguaxe groseira e outras lacras e hábitos embrutecedores ás que ían os obreiros para fuxir da súa gris existencia. Sabían que unha clase traballadora composta de borrachos, vagos e xogadores non podía alcanzar nunca a súa liberación, pois eran escravos do capital e tamén dos seus propios vicios. A emancipa­ción económica e política tiña que ir precedida da emancipación humana e ética. Por iso crearon ateneos obreiros, círculos culturais, bibliotecas e grupos recreativos e artísticos.

A miseria e a ignorancia eran os principais males dos obreiros. Por iso o Movemento Obreiro decláralles a guerra: Contra a miseria, ¡asociación!, e contra a ignorancia, ¡libros e publicacións! Os medios culturais deben estar en mans do pobo. Poñen en marcha na historia a ORGANIZACIÓN SOLIDARIA e de promoción cultural como principal forza liberadora dos pobres, a diferencia das revoltas pasadas,.

Incluír no sindicato a clara finalidade de facer mellores persoas pode sorprendernos hoxe, pero nas orixes do movemento obreiro era unha constante. ¿Hai hoxe este tipo de sindicatos e sindicalistas? Eu non os vexo por ningures. Pode ser que o problema estea en min por non ver ben a realidade presente. ¡Que cada quen examine a realidade actual e saque as súas conclusións!.

Antón Negro

Sacerdote e sociólogo

Foto: Flickr Comisiones Obreras

 

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]