Fai uns anos comentábame a esposa dun xuíz que o seu marido levaba días sen poder durmir porque tiña que redactar unha sentenza. Tal como se desenvolvera o xuízo e a presentación de probas tiña que condenar ao acusado, pero que tiña o claro convencemento de que era inocente. Por iso estaba sen poder durmir e revisando todo o proceso, pois non quería que un inocente fose condenado, nin facer unha sentenza sen os debidos fundamentos, que podería ser cambiada nunha instancia superior.
Nos tempos actuais vemos como en diversos medios de comunicación se emiten severísimas condenas cunha superficialidade que asusta. Vemos que en tertulias se fan veredictos en base a chamadas de teléfono. Noutros casos asistimos a tertulias nas que con unanimidade e sen debate todos emiten unha condena, sen que teñan os acusados o máis mínimo dereito de defensa.
De vez en cando dou unha ollada aos comentarios que se fan nas redes sociais a algunha noticia de periódico, onde aparecen frecuentas condenas totais e sen paliativos, onde calquera pode escribir o exabrupto máis grande e contundente, ou tirar o dardo máis envelenado. Parece que estamos na lapidación pública de alguén e a ver quen lle tira o cantazo máis grande, con máis forza e puntería. Parecemos seguidores fanáticos do señor Charles LINCH que condenaba e executaba sen xuízo previo, e practicamos, por tanto, o LINCHamento.
Pensábamos, pero estabamos equivocados, que certos dereitos xa estaban asentados para sempre na nosa sociedade, por exemplo:
Necesitamos volver a unha xustiza que rehabilite aos delincuentes, que ademais se intente que sexa reparadora do mal ocasionado. Necesitamos non só dedicarlle rúas e prazas a unha gran muller, Concepción Arenal, senón facer realidade algunha das súas ensinanzas. Por ex. “O penado é un home, máis ou menos culpable, máis ou menos ignorante, máis ou menos extraviado, pero un home”. “Se o preso se manipula como cousa na prisión, non será persoa ao saír dela”.
Para os cristiáns hai moitos textos na escritura acerca deste tema pero quedaríame con dous: Cando a Xesús lle presentan unha muller pillada en adulterio e que segundo a lei mosaica, na que se apoiaban os seus acusadores, había que apedrar, El responde: “Quen de vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra… (Xoán. 8, 1-11)”. Cando Pedro lle pregunta a Xesús cantas veces hai que perdoar a quen me segue ofendendo e créndose bo di: “Ata sete veces?” A resposta de Xesús é rompedora: “Non che digo ata sete veces, senón ata setenta veces sete” (Mt. 18, 21-22).
Antón Negro
Delegado de Cáritas Diocesana de Lugo