Nos últimos anos a terapia de parella foi dando máis peso á relación que ás dificultades individuais que os membros da parella “traían”. Enténdese a parella e o matrimonio coma unha terceira realidade que os dous se comprometen a coidar.
Así, se pos en primeiro lugar a túa relación podes ter un efecto paradóxico de satisfacer as túas necesidades de maneiras que nunca serían posibles se as puxeras en primeiro lugar. Ata o funcionamento do noso cerebro mellora nunha relación así. ¿Quen non quere sentirse amado? Ser nós mesmos, sentirnos aprezados, valorados e protexidos. A infidelidade racha esta seguridade e confianza. Pero a infidelidade non é só un asunto de relacións sexuais. A cercanía emocional cun terceiro deixando á marxe á parella; compartir un segredo de parella con outra persoa; coquetear con outra persoa (tamén virtualmente); o uso de pornografía para excitarse a soas… En xeral todo aquilo que faga dano á intimidade da parella pode ser exemplo de infidelidade, doe e dinamita a confianza.
Restaurar a confianza é complicado pero non imposible. É necesario o primeiro que se rompa sinceramente a relación coa terceira persoa. Necesitamos retomar a historia da parella e tamén a historia da infidelidade. Coas palabras dos dous construimos un relato compartido do que aconteceu, que sexa verdade para os dous. É importante que a persoa que fixo a ofensa asuma o 100% da súa responsabilidade. Que sinceramente recoñeza e poida mirar a ferida xerada buscando reparación, perdón, conexión emocional. O proceso require tempo e espazo para que cada quen poida situarse no momento actual, pensar que quere facer, facer balance da súa relación. Resistiremos a présa porque o perdón é tamén un proceso.
O que foi infiel, a miúdo debe respostar a algunhas demandas que noutros momentos serían estranas. Por exemplo ás veces necesítase certo alonxamento de ambientes, evitar certas expresións, consultar o teléfono do outro de cando en vez, tirar certas cousas que traen recordos, etc.
Pouco a pouco a dor vai cedendo espazo ao impulso de reconstruir a relación. Entón búscase re-conectar emocionalmente. Retoman cousas que lles gustaba facer xuntos, lecturas, traballos, caricias, citas, diálogos, mirarse aos ollos, tocarse, momentos de intimidade. Pouco a pouco revisan como se van atopando e que pasos queren dar para facer medrar o amor.
Comprender ao outro non signifiica xustificar os seus actos. O outro pode ter dificultade para vencellarse de forma auténtica, ou ben, pode ser unha persoa moi impulsiva e con baixa auotestima. Falar disto, recoñecer o que lle costa ao outro, é importante para poder ser un mellor equipo, e mellorar a seguridade na relación. Unha infidelidade non significa ser infiel para sempre, as persoas podemos cambiar, mellorar, aprender.
Quizais a relación de parella estaba tamén danada previamente, decatarse abre posibilidades de atoparse de novo nunha relación mellor. En ocasións a infidelidade ocorre tras un periodo de alonxamento emocional na parella, falta de relacións, aburrimento e rutinas, insatisfacción. Recoñecer que algo disto aconteceu ponnos nun camiño creativo, que require acción sempre, xa que AMAR é un verbo.
Cristina Bandín Potel
Psicóloga e Terapeuta Familiar no Centro Diocesano de Orientación Familiar.
Opina sobre esta entrada: