Unha invitación á santidade, por Mario Vázquez Carballo

San Froilán e San Xosé María Díaz Sanjurjo

octubre 14, 2018 · 0:00 0

Falar dos santos é máis edificante que dos bandidos. Esta afirmación, que parece tan clara, non é tan evidente na sociedade actual. Recordo que na nosa infancia líamos vidas de santos. Sen embargo, na actualidade, hai un gran descoñecemento destas vidas exemplares.

Se no medio das concorridas rúas da nosa cidade preguntaramos quen foi san Froilán, probablemente atopariámonos coa constatación dun impresionante descoñecemento deste noso Santo Patrón e paisano. E se preguntamos quen foi san Xosé María Díaz Sanjurjo, aínda peor. A santidade parécenos difícil tal vez porque nunca nos preguntamos seriamente en que consiste. Pero os santos son os nosos amigos e benfeitores. Por iso é saudable achegarse a eles para coñecelos e sobre todo para imitalos.

Un monago de Lalín contábame hai uns días que xogaba a ser crego na casa coa súa familia. Ogallá que de tanto xogar a ser crego chegue a selo. Non é esta unha mala receita. Non podería suceder tamén que á forza de xogar a ser santos remataramos chegando a selos? Dise que Teresa de Lisieux chegou a ser santa xogando aos santos co Neno Xesús, como aquel neno que a forza de xogar a ser médico, remata, sen decatarse, nunha Facultade de Medicina ou exercendo tan nobre profesión nun hospital. Que sería de nós sen os santos, intercesores admirables, vidas exemplares, mártires, doutores, protectores? En dous mil anos de historia, afirma Bernanos, a Igrexa sufriu moitas catástrofes: arianismo, nestorianismo, pelaxianismo, o Cisma de Oriente, Lutero… pero sen os santos, grandes imitadores de Xesucristo, a cristiandade non sería máis ca un xigantesco montón de historias fracasadas e de chatarra oxidada baixo a choiva.

San Froilán e San Xosé María Díaz Sanjurjo son dous santos da nosa terra lucense, que coñeceron o noso mesmo clima, camiñaron polas nosas corredoiras, rezaron nas nosas igrexas e medraron nas nosas casas.

Froilán, amigo e santo, ermitán e monxe, lugués e leonés, emigrante, camiñante, peregrino, amante da natureza e dos animais, fundador de mosteiros e de comunidades fraternas, bispo por aclamación popular.

San Xosé María, natural de Suegos (Pol, 1818), o vindeiro día 20 deste mes, recibirá na súa terra natal unha moi merecida homenaxe con motivo da celebración do 200 aniversario do seu nacemento. Estudiou no noso Seminario Diocesano e na Universidade de Santiago, ingresou na Orde de Predicadores e foi ordenado sacerdote en Cádiz. Fiel a súa vocación misioneira evanxelizou en Manila e en Luc-Thuy (Tonkin). Despois de ser nomeado bispo de Doung-Xuyen (1852) foi perseguido polo emperador Tu-Duc, torturado e decapitado en Nam-Dinh. San Xoán Paulo II proclamouno santo no ano 1988.

O Papa Francisco acaba de publicar unha interesante Exhortación Apostólica sobre “a chamada á santidade no mundo actual” baixo o título Gaudete et Exsultate (Alegrádevos e reloucade). É unha invitación a tódolos crentes e ás persoas de boa vontade a saír da mediocridade e a asumir, con gozo e alegría, os principios do Amor Primeiro, con frecuencia mesturados e diluídos nun relativismo vulgar e conformista.

Queira Deus que mirando e contemplando a vida destes nosos santos (Froilán e Xosé María) recuperemos folgos e coraxe para levar unha vida en santidade, resistir ás tentacións do mundo e anunciar a Boa Nova do Evanxeo de Xesucristo.

Mario Vázquez Carballo

Foto: Daniel Gil

 

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]