Antón Negro | El Progreso 23 de setembro de 2018

Máis alá do branco ou negro

septiembre 22, 2018 · 22:14 0

Cando examinamos as realidades sociais vemos que soen ser poliédricas. Nos comportamentos que temos os seres humanos hai moitos matices, aínda que hai persoas que só ven a realidade social como unha dicotomía, é dicir, en branco ou negro, ou dito doutra maneira comigo/connosco ou contra min/contra nós. Para reflexionar sobre a pasada guerra civil española, máis alá de ollar o tema en branco ou negro, quero destacar os matices aportados por unhas persoas ás que coñecín persoalmente.

Empezo recordando o meu primeiro párroco en Madrid. Unha persoa que antes de ser cura loitou na guerra un ano con cada un dos bandos, e no intermedio estivo preso nun campo de concentración. Tiña carnet da UXT do ano 36 e no primeiro ano da guerra fora enlace no rexemento de Enrique Líster. Cando os republicanos perderon Bilbao tivo que facer un discurso para dar ánimos á tropa. A tese desenvolvida no discurso era que agora ían gañar a guerra pois, ó non ter que alimentar a tanta poboación civil, dispoñían de máis recursos para gañar a guerra, e tiñan menos impedimentos. Os que o fixeran prisioneiro foran os italianos. Eu comentáballe que como bo irmán repartira equitativamente entre os dous grupos de irmáns, un ano para cada grupo.

Tamén colaborei no arciprestado con outro cura que, antes de selo, estivo na fronte xunto ás brigadas internacionais e dicíanos que el nunca matara a ninguén, pois, cando tiña que disparar, facíao sempre á terra, porque se disparara ó aire as balas cando caeran ó chan podían matar a calquera que andara por alí.

Outra cura importante na historia de España estivo despois da guerra durante un tempo sopesando se se apuntaba no maquis ou se se facía cura. Ó final a súa decisión foi facerse cura. Despois, sendo cura, a Santa Sé propúxoo tres veces para ser bispo, pero tamén por tres veces o Réxime rexeitou admitilo ó episcopado.

Igualmente convivín con persoas que estando de recrutas na mili tiveron que ir á guerra no bando ó que os levaban os mandos do seu rexemento. Comentábanme que ás veces os levaban para exercer de pelotón de fusilamento e que, a propósito, ningún deles disparaba ó que lles mandaban fusilar. Isto descúbrenos que tiñan unha opción clara pola vida e contra a pena de morte, a pesar das difíciles circunstancias.

Non digo que estes feitos sexan os mellores realizados eses anos en favor da paz, do perdón e do respecto á vida de todos. Houbo moitas persoas que son exemplo de bondade e de paz, ou como o historiador Octavio Ruiz Manjón titulou a súa obra, “Algúns homes bos”. Estes homes bos tiñan que ser os que máis debemos traer á nosa memoria colectiva para desfacer as actitudes sectarias, que tan perxudiciais son para a boa convivencia social.

Traer á memoria colectiva estes homes bos sei que pon ante os nosos ollos, como meta a alcanzar, un listón ético demasiado elevado para a nosa mediocridade e os nosos comportamentos tan sectarios e egoístas. Estas persoas serían un espello que nos devolve unha imaxe nosa demasiado pequena desde a valoración ética, pero tamén serían un estímulo para que intentásemos mellorar como persoas humanas. Quizais nisto está a razón pola que non os queremos recordar, tal como nos ensina o libro da Sabiduría (2,11-15), que é da parte :xudia da Biblia e que foi escrito hai máis de 2000 anos:

 “Que sexa a nosa forza a norma da xustiza, xa que o ser feble se estima inútil! Espreitémo-lo home xusto que nos dá tanto noxo e se opón ós nosos feitos, botándonos en cara a transgresión da lei, repróchanos faltas da nosa educación. Gloriase de coñecer a Deus, noméase a si mesmo fillo do Señor. Converteuse en censura dos nosos criterios; soamente ollalo xa nos irrita, pois a súa vida difire da dos outros e os seus vieiros son estraños…

Para coñecer persoas deste talante ético, sen que nos influíse tanto a visceralidade das emocións, o mellor sería comezar por coñecer a persoas que actuaron noutros conflitos. A modo de exemplo é recomendable o libro da neta do ditador Tito, Svetlana Broz, titulado “Boa xente nos tempos do mal”, que recolle unha serie de accións de persoas de ben en favor de musulmáns, católicos, ortodoxos, ateos, bosnios, serbios, croatas… realizadas polos que tiñan que ser os seus inimigos nas guerras da antiga Iugoslavia.

Antón Negro

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]