[O día 4 de xaneiro falecía, inesperadamente, na casa rectoral de San Pedro do Río, D. Jesús Santíso Méndez, de onde foi párroco máis de 50 anos. Quero publicar tamén aquí o texto de agradecemento que lle adicaron os fregreses das súas parroquias aos que me uno neste momento].
En silencio, sen facer ruido, tal e como a el lle gustaba… así nos deixaba a semana pasada D. Jesús, o noso párroco durante máis de 50 anos.
Todos os q tivemos a sorte de coñecelo sabemos que lle gustaba pasar desapercibido , coma nun segundo plano, algo que contrasta co vacío tan profundo que deixa en cada un de nós a súa ausencia.
Con certa nostalxia da infancia lembrámonos da primeira comunón, da confirmación, do día da festa sentado á mesa, e botámolo de menos.
Expresar nunhas liñas o agradecemento a máis de cinco décadas do seu sacerdocio non resulta unha tarefa só dificil, senón imposible.
Hoxe queremos dar grazas a Deus polo don da súa vocación, por poñelo no noso camiño, polo seu servizo, polo seu sorriso, pola súa actitude cercana e cariñosa e polo seu labor calado e desinteresado.
Era a guía destas parroquias, a luz que sempre estaba acesa, pero tamén un compañeiro e amigo.
Hoxe estas parroquias están orfas, máis de 50 anos dirixindo el o barco e… perdeu o timón… sabemos que sempre estará aí, como unha luz resucitadora alumeando o noso camiñar e nós, seguiremos navegando coas coordenadas que el nos ensinou.
Grazas, D. Jesús, polo seu saber estar, tamén polo seu saber calar, polo seu servizo. Con vostede todo era moito máis fácil. Botarémolo moito de menos.
Lembrades cantas veces escoitamos da súa voz «graciñas, graciñas…» Hoxe , somos nós os que lle dicimos a el: «graciñas D. Jesús “.
Descanse en paz
Os seus fregueses.
Opina sobre esta entrada: