ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO

Un esquecemento casual?

enero 12, 2024 · 15:37 1

UN ESQUECEMENTO, CASUAL?

Chama a atención o esquecemento da experiencia educativa de promoción de rapaces pobres e excluídos realizada en Galicia. Espero que alguén saiba que me refiro á “Ciudad de los Muchachos” situada en Ourense.

Cabe preguntarse, por que hai ese esquecemento nos ámbitos educativos e culturais, nos sociais e políticos? Pero entre exiliados antifranquistas si coñecían e seguían esta experiencia democratizadora, como me comentou Heleno Saña, intelectual exiliado en Alemaña; el seguíaa desde a súa militancia anarquista moral e solidaria.

A “Ciudad de los Muchachos” fundouna o 15 de setembro de 1956 o padre Silva (25.I.1933-3.IX.2011) no baixo da casa de súa nai para despois irse a Seixalbo nos arredores de Ourense co nome de nación Bemposta (ben-posta). Non se trataba de meter aos rapaces nunha sociedade inxusta senón construír unha realidade autoxestionaria, antítese daquela época e do autoritarismo desta, na que o líder do partido elixido en primarias dispón da organización ao seu antollo: cambia de posición o líder e todos o seguen cegamente.

Bemposta era unha nación independente democrática dentro da España ditatorial franquista. Había separación de poderes e leis propias elaboradas no seu parlamento; os cargos eran elixidos; había banco con moeda propia e cambio para os visitantes… As moedas eran “coronas”, porque todo servizo á comunidade debía estar coroado pola satisfacción do deber cumprido. Tiña hospital, centros educativos, supermercado, bar, talleres, gasolineira, aduana, capela e unha das primeiras escolas de medios audiovisuais de España que chegou a ter a súa propia canle televisiva.

Os protagonistas eran os rapaces, futuros cidadáns dun mundo novo, onde todos participaban e tomaban decisións, máis que na democracia actual. Este movemento educativo e social no que os rapaces se autogobernaban deu a volta ao mundo. A súa filosofía resúmese en “os fortes abaixo, o feble arriba e o neno no cumio”. Por iso a capela chamábase a Igrexa do Neno Rei.

Convivían máis dun millar de habitantes de distintas idades, razas e relixións (había mezquita) e pasaron pola “nación” máis de 40.000 rapaces. A formación baseábase nos principios de aprender coa mente, coas mans e cos demais. Todos debían aprender un oficio. Non había máis de 5 horas de estudio, nin deberes, nin exames… xa que todo o traballo se realizaba na clase. Xunto aos estudios normais están os ideados por eles: Escola de Circo, Teatro e Escena, Música, Televisión, Imaxe e Son, Informática e Manualidades. Non se cobraba nada ás familias. Autoabastecíanse coa horta e a granxa, a gasolineira, talleres, venda de periódicos, trapos e chatarra, e máis tarde coas actuacións circenses. Ao principio contaron co apoio económico da familia Silva.

En 1964 fundaron a segunda “Escola Internacional de Circo” do mundo tras a de Moscova e no ano 66 o “Circo de los Muchachos”. No 66 tiven a sorte, xunto aos compañeiros de curso, de asistir en Lugo á charla na que o Padre Silva nos explicou a Cidade dos Rapaces e puidemos ver unha das primeiras actuacións do Circo, antes da súa xira pola Península Ibérica. O circo tivo tanta fama que actuou en 80 países (tamén de Asia e Australia) e presenciaron o seu espectáculo máis de 200 millóns de persoas en lugares como o Grand Palais des Champs-Elysées (París 1970) e o Madison Square Garden (New York 1973). Foron pioneiros en realizar espectáculos sen animais. Nas xiras uníanselles rapaces de todo o mundo. Creáronse  circos similares e cidades-Bemposta en varios países.

Entre os recoñecementos que o P. Silva recibiu destaco: a Medalla da Paz da ONU, o Premio Schweizer de Suíza, a Medalla dos Amigos do Circo de Francia, a Espada Samurai de Xapón, a Medalla de Ouro ao mérito en Belas Artes do Ministerio de Cultura de España en 1994… Tamén foi proposto cos seus «Muchachos» en tres ocasións para o Premio Nobel da Paz por países como Israel, Xapón, R. Dominicana e India. Viviu na Cidade ata a súa morte que relataron medios internacionais como The Telegraph.

Pedagoxicamente era un exemplo de como rapaces pobres, abandonados ou de familias desestruturadas podían promocionarse e desenvolver as súas capacidades. Benito Estrella no libro “La educación de la mirada lectora” escribe: “Todas as leis, decretos, ordes, instrucións, currículos, asesoramentos…, que hoxe gravitan sobre as aulas como unha carga, están formulados por xente que está fóra da realidade, que impune e irresponsablemente emiten ordes e instrucións sen ver as súas consecuencias para a formación dos nenos e os mozos; que só buscan obxectivos espurios e inmediatos de control e propaganda política” (p. 100). Pregunto se neste contexto haberá utopía, creatividade, liberdade e folgos para facer algo parecido á nación Bemposta.

Como se pode explicar o esquecemento desta experiencia liberadora desde abaixo e nas marxes do sistema social, educativo e político? Bemposta é un feito de autoxestión, corresponsabilidade, igualdade, preocupación pola cultura (fixeron a primeira restauración de S. Pedro de Rochas) e solidariedade. É desexable recuperar o mellor das ensinanzas desta experiencia.

Antón Negro

Enlaces desde blogs, webs y agregadores:

Enlaces desde Twitter y trackbacks:

Comentarios a esta entrada:

  1. JOSE ANTONIO

    Fue una experiencia admirable y digna de los mayores elogios. Lo recuerdo de mi infancia como un lugar mágico, una especie de «aldea gala» de Astérix o una Numancia en el imperio romano.

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]