J. Mario Vázquez Carballo | Vicario Xeral e Deán da S. I. Catedral de Lugo

De mosteiros  conventos

febrero 5, 2023 · 0:03 X

Co gallo da celebración, o pasado día dous deste mes, da Xornada Mundial da Vida Consagrada, coincidindo coa festa litúrxica das “Candeas”, non está de menos recordar algo do rico legado e da presenza actual da “vida consagrada” na nosa Diocese. Nestas nosas terras atopamos cantidade de pegadas de xentes que quixeron seguir máis de preto ao Salvador renunciando en parte aos praceres da vida secular.

Polas nosas terras, sen citar todas as Ordes Relixiosas e Militares que floreceron nas comunidades diocesanas, é notable a influencia de San Bieito, San Bernardo, San Francisco e Santo Domingo. Asemade polos topónimos Abadía, Mosteiro, Priorato, Abades, etc. podemos concluír que coñecemos no percorrido da historia cristiá na Diocese, arredor de cen mosteiros e igrexas monasteriais. D. Amador López Valcárcel recorda que houbo en San Martiño da Cova (O Saviñao) coéngos regulares de San Agostiño; monxes agostiños no mosteiro da Magdalena de Sarria (hoxe PP. Mercedarios) e en Santa María de Loio. Magdalenos (Orde da Penitencia dos Mártires de Cristo) no Hospital da Magdalena de Sarria.  “Los Obregones” estiveron á fronte do Hospital de San Bartolomé de Lugo, ata que foron substituídos polos “Hermanos de San Juan de Dios” (titular do actual templo parroquial de San Froilán que era a igrexa do citado Hospital), quen tamén tiveron ao seu cargo o Hospital de Santi Spiritus de Monforte (Cf. Amador López Valcárcel, Guía Diocesana de Lugo, Lugo, 2002).

Non collen no espazo deste artigo a relación dos Institutos Relixiosos Masculinos e Femininos existentes na nosa cidade e na Diocese. Lugo sabe, por exemplo, da existencia das Hermanitas, das Irmáns da Cruz, das Agostiñas, das Salesas, das Carmelitas, das Xosefinas, das Salesianas, dos franciscanos, que ademais da súa presenza na cidade de Lugo, afincáronse en Melide, Monforte e Vilabade. Os Xesuítas, os Dominicos e Dominicas, Clarisas, Institutos Seculares, Mercedarias, as Fillas da Parroquia de fundación lucense, as Fillas da Caridade, Divino Mestre, Obreiras de Xesús, Divina Pastora, María Inmaculada, etc.

“Camiñando en esperanza” é o lema co que a Igrexa celebrou o día dous de febreiro esta Xornada Mundial da Vida Consagrada. En Lugo, a celebración foi na Catedral, cunha significativa participación de consagrados. Un día, sen dúbida para refrescar a memoria agradecida de tantas persoas que, seguindo as pegadas de Xesucristo, quixeron facerse amigos del para sempre, entregando a súa existencia aos máis pobres e necesitados. A súa influencia relixiosa e social na cultura, na arte, no coidados dos enfermos e velliños, de nenos orfos, etc. é indiscutible e impagable. A luz que irradiaron e irradian segue a lucir como vagalume nas noites da invernía secular. Á hora de discernir con claridade o futuro desta realidade hai que distinguir na pluralidade eclesial os distintos contextos culturais e xeográficos. A Vida Consagrada rexorde con forza no Congo, Camerún, Kenia ou Tanzania, en Indonesia, Timor Oriental e Vietnam. Noutros lugares do mundo decrece, tal como acontece en Europa. Pero a pesar de todo aparecen, tamén por aquí, novas realidades tales como as Misioneiras da Caridade fundadas por Santa Teresa de Calcuta (en 2020 eran 5.167 relixiosas presentes xa en máis de 120 países); e en España, por exemplo, “Iesu Communio” Instituto fundado por Sor Verónica en decembro de 2010. Na actualidade son máis de 200 irmás repartidas nos conventos de Burgos e Valencia. Todos, uns e outros, brillan coma lumieiras no medio do mundo mostrando unha razón para vivir.

 J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral e Deán da S. I. Catedral