ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO. DELEGADO DE CÁRITAS-LUGO

Unha formación política ao pobo

enero 15, 2023 · 11:56 0

Resulta significativo que non haxa formación política para o pobo na nosa sociedade. É máis, nin sequera os partidos políticos dan unha formación mínima antes de darlle o carné de afiliado aos que se incorporan ao partido. Claro que iso lle permite ao “líder” dicir que é concordante coa ideoloxía do partido tanto defender unha  postura como a contraria segundo lle conveña. Se non dan formación aos membros (non me atrevo a chamarlles “militantes”), como imos esperar que a dean ao pobo para a súa promoción!

Neste contexto aledoume que me chegara un programa sinxelo de formación política para o pobo de nove leccións breves, das que vou mencionar o título e algunhas liñas:

  1. Respecto pola dignidade humana. Moitos males atentan contra a dignidade humana, como a fame e as desigualdades prácticas no acceso a oportunidades, como á educación e ao emprego. O Proceso Electoral, en todos os seus aspectos, debe respectar a dignidade humana e crear todas as condicións para a súa continua promoción.
  2. Varios pobos nunha única nación. Como calquera outro, somos un pobo de pobos. Polo que, así como non temos como desfacernos da nosa unidade, igualmente non temos como desfacernos da nosa diversidade. Conseguintemente, isto esíxenos unha vixilancia e unha loita constantes contra as asimetrías de todo tipo, o egocentrismo de grupos e a tendencia ao tipo de éxito que deixa os outros atrás na miseria.
  3. Unha cidadanía participativa. O noso Estado debe respectar e defender os nosos dereitos, así como crear, manter e mellorar sempre as condicións para realizar cada vez máis plenamente eses dereitos. Ao mesmo tempo, como cidadáns, temos deberes e obrigacións a cumprir.
  4. O cidadán perante a lei. Aínda que sexan limitadas e imperfectas, as normas, regras e leis son importantes. Por iso, deben ser renovadas, para seren cada vez máis xustas… Pero esas leis deben ser cumpridas, ao mesmo tempo que os seus aspectos defectuosos deben ser denunciados e corrixidos. Ninguén está encima da lei.
  5. As institucións públicas ao servizo dos cidadáns. As institucións públicas do Estado son do pobo, e, consecuentemente, dos cidadáns. Elas existen para a realización do interese público…
  6. Servidores públicos rectos, honestos e transparentes. …que eviten destrucións e apropiacións do que está destinado a todos… no executivo, nos tribunais e no parlamento.
  7. Por eleccións transparentes, libres e xustas. Elas deben ser marcadas pola verdade e, por tanto, ser transparentes; garantir a expresión da opción dos candidatos e electores e, por tanto, ser libres; así como proporcionar igualdade de trato e de oportunidades e, por tanto, ser xustas.
  8. Para unha democracia que leve ao desenvolvemento social e ao fin da pobreza. ‘O desenvolvemento é o novo nome da paz’ e, entre outros aspectos, iso significa ‘o paso de condicións menos humanas a condicións máis humanas’.
  9. Por unha sociedade democrática, inclusiva e próspera. Os cidadáns aspiran, si, a unha sociedade democrática, inclusiva e próspera. Trátase dun clima cultural, social, político e económico plenamente xusto para todos os cidadáns, en beneficio do cal todos se sintan desafiados e resulte en prosperidade proporcional aos moitos recursos do país.

Así que é procedente preguntarse, quen organizou esta formación e en que contexto? Certamente que nese país sempre gobernou o mesmo partido desde a súa independencia. Son nove temas, un novenario de reflexión e oración ante as eleccións xerais dun país africano. Cada día da novena ten un texto bíblico, a reflexión, as preces específicas para cada día coa súa correspondente pregaria. Todos os días remata co rezo do Magnificat da Virxe María (Lc.2), moi oportuno nese contexto e unha pregaria final polas eleccións.

A novena non foi elaborada por unha soa persoa, nin por un grupo, nin por un bispo co seu equipo de pastoral social, senón por unha Conferencia Episcopal africana. Os bispos angolanos móstrannos a creatividade da fe, como ser sacramento de salvación nunha sociedade concreta. Dannos un exemplo do que podemos aprender, de como os pobres contribúen ao progreso científico e social da humanidade dun xeito especial e abrindo camiños. Eles son os protagonistas da historia e da súa liberación. Non precisan colonizadores, pero si son benvidos irmáns na loita!

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Delegado de Cáritas-Lugo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]