ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO

Crer na ciencia !?

julio 2, 2022 · 17:01 0

Nestes tempos de pandemia Covid apareceu moitas veces nos medios de comunicación a expresión “creo na ciencia”, frase que escoitamos a periodistas, persoas da rúa e mesmo a profesores. Pero, a ciencia é obxecto de fe, de crenza? Ou máis ben, é o campo da experimentación, demostración, comprobación cunha metodoloxía científica, revisión por outros…? A ciencia móvese neste segundo nivel e por iso un descubrimento científico modifica con frecuencia teorías científicas anteriores.

A fe, por outra banda, pertence ao campo das interrelacións humanas, tanto das relacións entre as persoas como mesmo á relación delas con Deus, é dicir, ao campo da relixión e da convivencia social, da religazón a Deus e ao seu pobo. De feito, quen non escoitou moitas veces “eu, si te creo”?

Na vida sociocultural abunda a premisa de que as crenzas poden ser verdadeiras ou falsas, o que si é verdade, pero a aceptada premisa contraria de que o saber científico sempre é verdadeiro, non é certa. Se alguén ten dúbidas ao respecto, chegaría para disipalas unha breve pasada pola historia das ciencias. Tampouco debemos esquecer que os ditadores e opresores instrumentalizaron e manipularon as relixións, e non é menos certo que fixeron o mesmo coas ciencias e a filosofía.

A ciencia responde fundamentalmente á pregunta do COMO? Como suceden os fenómenos e como cambian se facemos intervir outras variables, aínda que ás veces atopemos moitos porqués, que en realidade son cómo. Para validar a ciencia usaremos criterios verificacionistas, probabilísticos, falsacionistas (K. Popper afirma que non é posible demostrar a verdade dos enunciados e teorías científicas, pero si a súa falsidade)… e na maior parte dos casos cun grao de probabilidade, que nunca é o 100%.  A ciencia avanza co método do ensaio-erro-rectificación, como expresaba nunha entrevista o científico Robert Langer: “Durante dous anos todos os deseños que levei a cabo fracasaron. Ata que un día, por motivos que eu entón descoñecía, atopei un que funcionou” (El Mundo 12-VI-2022).

Hai outras preguntas fundamentais dos humanos a facer: Por que hai algo e non nada? Por que a orde emerxe da desorde? Por que isto é bo e/ou xusto? Por que o outro é malo e/ou inxusto? É bo existir? Para que existir? Merece a pena vivir? Cal é o significado do proceso vital que vivimos? Ten a historia algunha finalidade? … Estas son preguntas para teólogos, filósofos…

Si, é verdade que se pode ter fe, confianza, nos científicos. Certamente nuns máis que noutros. As persoas cremos, pois se non se crese en ninguén sería imposible vivir en sociedade. Cremos normalmente nas persoas e no que fan, incluída a actividade científica, do  contrario: comeriamos nun restaurante? Iriamos ao médico? Conduciriamos un coche pola estrada?… Así se entende a importancia da confianza no médico e os efectos “placebo” e “nocebo” amplamente documentados.

Thomas Khun no seu libro, “Estrutura das revolucións científicas”, explica como ás veces as teorías científicas se impoñen por consideracións estéticas, pola novidade dun novo paradigma fronte ao antigo, polas técnicas da argumentación persuasiva…. e Saint-Exupery en “O Principiño” exprésao de xeito fermoso:

Teño razóns ben serias para crer que o planeta de onde viña o Principiño é o asteroide B 612. Este aste­roide non foi visto máis que unha vez coa axuda do telescopio, por un astrónomo turco, no ano 1909. O dito astrónomo fixera entón unha gran demostración do seu descubrimen­to nun Congreso Internacional de Astro­nomía. Pero ninguén o creu por culpa do seu vestido. As persoas maiores son así. Felizmente para o asteroide B 612, un ditador turco impuxo ó seu pobo, bai­xo pena de morte, a obriga de se vestir á europea. O astrónomo informou de novo sobre o seu descubrimento no ano 1920. Ía vestido dun xeito moi ele­gante e todo o mundo aceptou a súa demostración

Non ter Fe en Deus abre paso a calquera superstición, dixo Chesterton. Como exemplo, alguén que na súa tese de doutoramento nunha facultade de ciencias salta da conclusión 12 á 14, suprime a 13, e comentaba un profesor amigo meu “habería que suspendelo por acientífico”. Un que se examinaba do MIR (médicos internos residentes) no telexornal de Antena 3 respondía ao periodista: “Si, levaba os meus amuletos coma todo o mundo”¿?

Sorprende, aínda que pareza irreal, este texto en “The religions book” (Penguin Random House, London): “Jewish Sciencie acknowledges modern medicine and, unlike Christian Sciencie, permits conventional medical treatment (p.333)” (A ciencia xudía recoñece a medicina moderna e, a diferenza da ciencia cristiá, permite o tratamento médico convencional). É evidente que a Igrexa ten hospitais e facultades de medicina… que falsos estereotipos terán no subconsciente para escribir tal cousa!!!

A ciencia non é obxecto de fe, senón que é unha actividade humana que se somete a criterios de análise, comprobación, experimentación… e a fe pertence ao mundo da relación con Deus e coas persoas.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Delegado de Cáritas Diocesana de Lugo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]