Antón Negro Expósito | Sacerdote e sociólogo

Parroquias

febrero 26, 2022 · 20:49 X

Desde a época dos Suevos ata o día de hoxe a parroquia é a realidade que vertebra, delimita e configura a xeografía galaica na súa estrutura organizativa e institucional. Ven a conto lembrar que a Igrexa Católica está organizada en dioceses, e estas están constituídas por parroquias. Aínda que tamén hai dioceses, grupos e movementos que non se definen pola demarcación territorial, pero que non son o tema desta reflexión.

Cando tódalas persoas que viven nun ámbito territorial determinado son membros da Igrexa Católica non hai posibilidade de conflito entre os membros da Igrexa e outras persoas que vivan nesa demarcación, nesa parroquia, porque todos son católicos, aínda que si pode haber conflitos entre diversos grupos da Igrexa. Así, loxicamente, o que é da Igrexa sería de todos (xa que todos son católicos) ou dun grupo concreto deses católicos segundo as leis eclesiásticas ou civís.

Pero cando os que viven nunha demarcación territorial non todos son católicos, o dos católicos é deles, e o de todos é para os que viven nesa demarcación. Tamén haberá bens de cada agrupación relixiosa, política, sindical, cultural… que existan nese territorio.

Por iso é necesario saber distinguir entre parroquia -comunidade de seguidores de Xesús na Igrexa Católica- e parroquia -conxunto de persoas que viven nun lugar territorial concreto-, e facer a distinción con verdade, xustiza e boa vontade. Na práctica non está resultando fácil a distinción, pero é necesaria porque a liberdade relixiosa é un dereito fundamental da persoa. Así, o mesmo Bieito XVI, despois de defender a práctica relixiosa pública e privada, individual e comunitaria e o dereito a difundir a propia fe, engade: “Non debería haber obstáculos se quixera adherirse eventualmente a outra relixión, ou non profesar ningunha” (Mensaxe da paz 2011, nº 5).

En todo caso non se esqueza que na demarcación territorial parroquial civil tamén hai católicos, que teñen os mesmos dereitos cás outras persoas que viven aí, e que os veciños se poden agrupar por diversos motivos e finalidades lexítimas, incluídas as relixiosas.

A xente dunha parroquia ás veces pregunta se determinados bens (cemiterios, fincas…) son do bispado ou dos veciños. Esa pregunta está mal formulada porque os bens poden pertencer á Igrexa Católica (Pobo de Deus cos seus ministerios), ao Concello, ao Estado, á comunidade de veciños ou á unha asociación de veciños (que non son o mesmo), aos musulmáns, aos xudeus, a unha asociación deportiva…

Hai certos bens que, por lóxica, está claro que son da Igrexa Católica, como son os templos e cemiterios anexos, as casas reitorais e propiedades que están dedicadas a unha Obra de Caridade ou ao sostemento do clero, os directamente adquiridos pola Igrexa ou expresamente doados a ela… pero noutros habería que indagar a súa orixe, doazón ou uso histórico, como pode ser o campo da festa, bens de uso colectivo… neste caso con boa vontade e sentido común poderían resolverse moitos dos conflitos que poden xurdir con frecuencia. Parecidas cuestións danse cando na sociedade se pasa dun Estado Confesional a outro Aconfesional ou Laico.

A liberdade relixiosa defendida pola Igrexa no Concilio Vaticano II leva consigo que desapareceran os Estados Confesionais Católicos (aínda hoxe na UE, tras o Brexit, permanecen tres Estados Confesionais de outras igrexas cristiás). Por iso é necesario que todos teñan clara a distinción entre parroquia católica e parroquia civil, entre Igrexa e Estado, para ben de todos. Esta tarefa non resulta fácil para moitos polo peso duns 1500 anos de historia. A pluralidade política e relixiosa das nosas sociedades esixe que con boa vontade e sabedoría se vaia distinguindo estes temas para mellorar a convivencia e evitar discriminacións.

Por outra banda non debemos esquecer que a Igrexa entende a súa misión como Sacramento de Salvación para o mundo, non pechada en si mesma, e que quere estar no servizo colaborativo en verdade e xustiza para o ben común de toda a sociedade, especialmente dos pobres que deben ser os preferidos. Así que os bens da Igrexa teñen que estar ao servizo da súa misión.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo