Antón Negro Expósito | Sacerdote e sociólogo |Delegado de Cáritas Diocesana de Lugo

Atravesando montes e mares

septiembre 25, 2021 · 19:58 X

A Igrexa Católica desde os comezos do século pasado, 1914, dedica unha xornada (xa a 107ª) aos migrantes e refuxiados coa finalidade de orar, reflexionar e poñer en marcha accións para apoiar, defender e acompañar ás persoas que por diversos motivos saen do seu país ou vense forzadas a fuxir por causa de conflitos, represións, guerras e falta de medios de subsistencia.

Cada pouco tempo os medios de comunicación móstrannos imaxes de refuxiados e migrantes que poñen en perigo as súas vidas para buscar un lugar seguro para vivir. Nestes momentos ocupan o primeiro plano os de Afganistán por causas ben coñecidas.

Ante a cuestión dos migrantes e refuxiados a Doutrina da Igrexa afirma claramente dous dereitos: o dereito a emigrar e o dereito a permanecer no propio país, pois é consciente que a humanidade ten que ser unha soa familia humana, xa que cando reza a oración que ensinou Xesús (Mt 6, 9) dise NOSO PAI en calquera aldea, rexión, país ou continente.

Desde esta realidade é lóxica a actitude que o Papa Francisco pide poñer en práctica a tódalas persoas e países e que resume nestes catro verbos: ACOLLER, PROTEXER, PROMOVER e INTEGRAR, pois somos membros dunha única humanidade, da única raza humana ou dito nunha linguaxe especificamente cristiá: Somos Irmáns en Cristo e Fillos de Deus Noso Pai.

Pero nas nosas sociedades isto non sucede así como denuncia o Papa na súa mensaxe titulada, “Cara a un ‘nós’ cada vez máis grande”, para este día 26 de setembro na que escribe:

O tempo presente móstranos que o ‘nós’ querido por Deus está roto e fragmentado, ferido e desfigurado. E iso ten lugar especialmente nos momentos de maior crise, como agora pola pandemia. Os nacionalismos pechados e agresivos e o individualismo radical esnaquizan ou dividen o ‘nós’, tanto no mundo como dentro da Igrexa. E o prezo máis elevado págano os que máis facilmente poden converterse nos ‘outros’: os estranxeiros, os migrantes, os marxinados, que habitan as periferias existenciais”.

Nos estudios sociolóxicos e históricos serios vese claramente que a mestura de persoas e pobos é unha constante na historia da humanidade, sendo por exemplo moitos os pobos que se asentaron na península Ibérica ou a atravesaron cara o Norte ou Sur, o Leste ou Oeste. O mesmo pasa nos outros países do mundo. Nos mapas da evolución e expansión dos seres humanos polo planeta, vemos que a humanidade apareceu no centro-leste de África e, partindo de aí, esténdese por toda a terra. Por tanto non hai etnias claramente distintas, aínda que si rexións máis afastadas ou máis vinculadas coas diversas mobilizacións humanas na historia.

Esta conciencia de ser unha única familia humana que recibiu un planeta para vivir nel está moi arraigada nos Padres da Igrexa, e sacan consecuencias para a vida social. Como mostra chega con esta breve pasaxe de S. Ambrosio: “A natureza produciu tódalas cousas en común para todos. Pois Deus ordenou que todo se enxendrase de maneira que o sustento fose común a todos e a terra unha especie de posesión colectiva de todos. A natureza enxendrou un dereito común e a usurpación creou o dereito privado”.

Desde o punto de vista socioeconómico os inmigrantes son un empobrecemento para o seu país de orixe e unha riqueza para o de acollida. No libro de Bricker e Ibbitson, El Planeta vacío (p. 106), afírmase que criar un neno de clase media ata os 19 anos custa 250.000 $ e logo veñen os estudios superiores. Tendo só en conta os custos ata os 19 anos cabería preguntar: ¿Canta sería a débeda contraída, e nin sequera recoñecida, que se ten polos inmigrantes adultos chegados a un país nun período de tempo concreto?

A mensaxe antes citada do Papa clama: “Estamos chamados a comprometernos para que non haxa máis muros que nos separen, que non haxa máis ‘outros’, senón só un ‘nós’, grande como toda a humanidade. (…) Todo bautizado, onde queira que se atope, é membro de pleno dereito da comunidade eclesial local, membro da única Igrexa, residente na única casa, compoñente da única familia. (…) O encontro cos migrantes e refuxiados de outras confesións e relixións é un terreo fértil para o desenvolvemento dun diálogo ecuménico e interrelixioso sincero e enriquecedor

Así que ante calquera persoa a nosa responsabilidade e tarefa debe ser esforzarse por ser irmán de tódalas persoas.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo.

Delegado de Cáritas Diocesana de Lugo