O CORREO DOS LECTORES | REFLEXIÓN SOBRE O ANO QUE REMATA

As cousas boas do 2020

diciembre 26, 2020 · 17:10 0

Quen nos ía dicir ao comezo de ano que ía ser así? Este ano quedará lembranza como o ano do coronavirus, do confinamento, das máscaras, rúas baleiras, caras tristes, tendas pechadas, medo, incerteza, carencias e… da morte.

Rematamos un ano atípico e inesperado, unha experiencia sen precedentes que foi dura para todos e todas, uns por sufrir a enfermidade, outros por perder a familiares e seres queridos, outros moitos por se veren afectados pola crise económica, desbordados polo confinamento ….

Sen dúbida será un ano histórico, será recordado polas xeracións futuras coma o ano que quedamos confinados na casa, que tivemos que deixar de ver, abrazar e bicar a nosa familia, aos nosos amigos, aos nosos seres queridos; que tivemos que deixar de viaxar; e, sobre todo, deixar ir a familiares sen poder despedirnos deles. Esas tristes imaxes que ollamos en tódolos xornais non as imos esquecer endexamais.

E non quere dicir que o ano que vén vaia ser mellor, esperamos e desexamos que si, pero ao menos non nos collerá de sorpresa coma este, a piques xa de rematar.

Mais, non todo foi malo, tamén vivimos algo bo, pasamos máis tempo cos fillos, coa familia, cos da casa; tivemos a oportunidade de conversar longa e intensamente do presente e do futuro e do que está por chegar, de gozar do silencio e da soidade, de descubrir a importancia que ten a espera dunha chamada ou a resposta dun whatsapp, de descubrir o valor de poder dar un paseo polo campo e sentirse libre; en definitiva, tivemos a oportunidade de valorar máis o que temos.

Estamos en débeda de gratitude cos profesionais sanitarios que se enfrontaron e seguen enfrontándose diariamente co coronavirus, en moitas ocasións sen materiais de protección, médicos, enfermeiros, farmacéuticos… e outros profesionais da sanidade; tamén o persoal non sanitario fixo e está a facer unha magnifica labor: celadores, administrativos, traballadores de ambulancias, limpadores… Todos e todas deron e están dando o mellor de si mesmos, incluso a súa saúde e, nalgúns casos, a súa vida.

Outros esquecidos, os traballadores dos supermercados, todo o ano aí o pé do canón para que non nos faltara de nada, tamén expostos ao que viñese.

Agradecemento tamén nos merecen os párrocos, a súa labor nas distintas parroquias e lugares de culto, rezando por todos e todas e chamando por teléfono ás persoas, sobre todo ás maiores, que estiveron soas durante o confinamento, visitándoas para preocuparse por elas ou simplemente para charlar ou administrar algún sacramento a quen así o solicitaba. Outros celebrando a eucaristía e transmitíndoa en directo vía internet para que todos e todas puideramos participar desas celebracións.

E, por suposto, moitas grazas tamén a esta familia de “Falando baixiño” que nos fixo compañía nas nosas casas durante o ano, especialmente durante o confinamento. Entre as celebracións e as Reflexións ao abeiro da fe, sentímonos un pouco máis cerca do Señor e un pouco máis sosegados, que falta nos facía e nos sigue facendo. Moitas grazas Miguel A. Álvarez Pérez!!

Moitas grazas tamén aos voluntarios e voluntarias que traballaron arreo durante este ano tan complicado, sen esperar nada a cambio, axudando sobre todo á xente maior, xa fose coa compra ou aportando recursos a quen os necesitaba por quedaren sen eles, ao desamparo. Que Deus volo pague a todos e todas!!

Así pois, a punto de rematar este 2020, damos a benvida ao 2021, que esperemos sexa bastante mellor, o que non será moi difícil se chegan as tan esperadas vacinas. Que así sexa!!

Aínda sendo un Nadal diferente ao doutros anos, non por iso imos deixar de celebralo. Temos que aceptar o que estamos a vivir como sociedade e adaptarnos ás circunstancias.

E para rematar, pedímoslle ao Neno Deus, que nace en Belén, que renaza en cada un de nós e encha os nosos corazóns de Fe, Amor e Paz e que día a día do ano novo a bendición do Señor nos garde a todos, en especial a esta familia de Falando Baixiño!!!

Unha membro da familia do Falando Baixiño

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]