Antón Negro | El Progreso 10 de decembro de 2017

Aprendendo do feito Catalán

diciembre 9, 2017 · 23:45 0

O ser humano caracterízase porque pode aprender do que lle pasa. Todo acontecemento vivido, tamén o sucedido en Cataluña, pode ser fonte de múltiples ensinanzas para acollelas e facer con elas experiencia de vida; é máis, co paso do tempo aínda unha persoa pode seguir sacando novas ensinanzas para a vida persoal e a vida social nas súas diversas expresións. A pesar de que algúns din que hai que ter vivido certas realidades para poder falar delas, é certo que se pode escarmentar en cabeza allea, é dicir, que se pode aprender do que vemos que lles pasa a outras persoas, tamén a través dos libros e de outros medios de información e formación.

Nesta reflexión só se van a destacar de maneira moi resumida as seguintes ensinanzas:

1.-Na vida persoal e asociada OS SENTIMENTOS E EMOCIÓNS NON DEBEN SER O CRITERIO ÚLTIMO PARA TOMAR DECISIÓNS. É verdade que na prensa rosa e nos programas de corazón e cotilleo suxírese que se debe actuar por sentimentos e emocións. É máis, os sociólogos e profesionais dos estudios de Opinión Pública coas súas investigacións sobre “se me sinto só catalán, máis catalán ca español, igual catalán ca español, etc.” tamén colaboran a esa maneira de tomar decisións en base á emocionalidade.

Nembargantes non me cabe dúbida que o criterio fundamental para tomar decisións persoais e comunitarias ten que ser O QUE ESTÁ BEN, O QUE É XUSTO, O QUE É VERDADEIRO, O QUE É MÁIS SOLIDARIO… As emocións e sentimentos hai que saber gobernalos e dirixilos cara o ben… Un pode sentir moitas cousas, pero debe actuar con Xustiza e Ética.

2.-É de gran importancia NON CONFUNDIR A UTOPÍA COA REALIDADE, os soños coas realidades. Na vida necesitamos Utopía, Metas a acadar, Ideal de vida… unha gran Esperanza que nos alente nos traballos cotiáns e nos dea forzas para afrontar os obstáculos e dificultades da vida, que ademais teñen que superar o exame da Ética e da Xustiza. Pero igualmente necesitamos ter unha boa análise e coñecemento da realidade, se non queremos estrelarnos, e coñecer, tamén, o que outros decidirán ante os diversos acontecementos que se poñan en marcha.

3.-Ninguén debe ignorar que OS COMPORTAMENTOS TEÑEN CONSECUENCIAS. Cando falo con algúns profesores de Ensino Secundario coméntanme a dificultade de facerlles entender ós adolescentes que as accións humanas teñen consecuencias, e que teñen que prevelas con anterioridade. No caso dos adultos, que non o saiban ou non o entendan, é aínda máis grave.

4.-Debemos ser conscientes de que TODOS OS POBOS SON PLURAIS. Dicir que os cataláns, galegos, andaluces… queren “isto” ou “aquilo” nunca adoita ser certo, pois a experiencia móstranos que queren cousas distintas e mesmo contraditorias. Ademais esa pluralidade dáse nas diversas institucións sociais, incluída a familia e o matrimonio. As decisións humanas (políticas, económicas, culturais…) deben promover o Ben Común e non o interese egoísta e corporativo.

5.-En diversas nacións do planeta AS REXIÓNS QUE RECLAMAN CON MÁIS FORZA A INDEPENDENCIA SON AS MÁIS RICAS, tal como dicía a vella canción española: “Todos queremos más, y más y mucho más…”. Non deixa de ser curioso como a oligarquía económica catalá alentou e financiou o independentismo coa finalidade de sacar eles máis vantaxes dentro de España… pero ó ver que a independencia pode ser real, a fuxida de empresas e capitais faise case estampida.

En contraposición alégrame que haxa unha institución que propoña continuamente camiñar cara a pobreza e nela hai bastantes que intentan vivir o Voto de Pobreza con máis ou menos dificultades. A virtude da Pobreza manifesta que Deus é o Noso Pai e que debemos vivir en Fraternidade.

6.-Un cristián debe entender, con máis razón se desempeña cargos de responsabilidade, que A SALVACIÓN NON VÉN polos nacionalismos-independentismos, nin por levantar fronteiras e muros, SENÓN POR derrubar muros, tender pontes... e sobre isto o Papa Francisco realizou moitas accións. Tamén a Opción Preferente polos Pobres e o Destino Universal dos Bens teñen esixencias claras nestas cuestións.

Tamén sería boa ocasión para aprender algo de Constitucionalismo e Constitución, Estado de Dereito e Xerarquía Normativa, Tratados Internacionais e Dereito Internacional. Igualmente sobre outras temáticas como A Nación e a Política vividas como secta Relixioso-Mística, o Poder da Ideoloxía e da Economía, entender como Grupos Políticos irreconciliables entre si poden unirse contra outros cos que teñen moitas máis cousas en común… pero excede as posibilidades deste artigo.

Antón Negro

Sacerdote e sociólogo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]