Parece que aínda foi onte cando era alumno meu, entre outros formadores mellores ca min, no Seminario de Mondoñedo Alfonso Carrasco, o sobriño de quen xa fora antes meu profesor, Don Antonio, pero sobre todo, o fillo varón de Dona Visita, mestra, cunha vitalidade desbordante.
Mirade que ó xeito se me puxo poder presumir de que o Reverendísimo Señor actual Bispo de Lugo foi alumno meu. Claro que eu quedei en bacharel e el é doutor. Normal, que non se di en ningures que un alumno non poida ter mellores calidades, actitudes e aptitudes ca os seus mestres; e se o mestre non se aleda dos trunfos dos alumnos, non vale pra mestre.
Así e todo, cando souben da súa elección pra Bispo chameino por teléfono e feliciteino dicíndolle: “Noraboa e felicítome a min tamén, porque hoxe creo máis no Espírito Santo”. Houbo un pequeno silencio antes de falar el porque, segundo me tén dito en confianza, aínda que me vai coñecendo, nunca se sabe ben se vou saír cunha fresca ou cunha caricia. Non había razón prá fresca nin me sorprendeu o nomeamento, porque sendo alumno facilitounos poder coñecelo bastante ben, xa que era aberto e nada retranqueiro, ademais de moi intelixente e cordial; de maneira que os que o tivemos de alumno sabemos que non necesitaba especial “padriño”, como malevolamente se dixo, pra que se fixasen nel.
Como non son cura da querida Diocese de Lugo non aspiro a que o Bispo, en concordancia co consello de Consultores, -porque os nomeamentos non os fai el só nin sequera son obra súa e do Vigairo-, me dean algunha desas boas parroquias que me manteña ben, ou me faga cóengo. Por iso podo, non botarlle flores, senón dicir verdades coma se estivese diante.
Cando preguntou: “¿Porque cres máis no Espírito Santo?”, a resposta xa estaba preparada e foi esta: “Home, porque pra seres bispo a pesar de ser alumno meu, moito tivo que facer El”. Creo que non son un renegado. Ó sumo un chisquiño “anticlerical” no sentido de rebaixar clericalismos e recoñecer a dignidade dos laicos, cos dereitos e deberes que arrincan do seu Bautismo.
Antes de despedirnos aínda lle dixen: “Repito a noraboa, pero non che arrendo a comenencia”. É verdade nunca envexei o cargo de bispo, e despois do visto nestes días menos, por mor duns traslados, menos. Son moitas as razóns, entre as que están estas: Non pode ser doado predicar valores duradeiros e de sempre nun mundo en vertixinoso cambio que define a verdade e a mentira o ético e o infame por mutables estatísticos e non por principios humanísticos e humanitarios. Tampouco poder ser doado ostentar unha certa autoridade fuxindo de autoritarismos no medio deste “cambio climático” no que en nome dunha democracia á carta se pode facer ostentación de mala educación e insultar e aldraxar impunemente a quen non pensa coma min ou non fai o que a min me dá a gana. Non debe ser doado baixar do pedestal en que historicamente se viñeron situando os bispos, cando a sociedade, e moitos curas tamén, queren velos lonxe e na peaña pra miralos arredor sen compaixón e xulgalos sen atenuantes nin misericordia. Non debe ser doado pra un bispo cumprir coa súa tripla misión de evanxelizar, santificar e gobernar cando os medios de evanxelización e santificación son tan escasos como na actualidade os sacerdotes, inmediatos colaboradores. Claro que algúns non necesitan un sacerdote. Piden un asistente social que, se se dá o caso, tamén diga algunha misa.
Por iso, querido ex-alumno, pero non ex-amigo, Sr. Bispo, neste aniversario quero agasallalo cunha sentida e sincera oración pedíndolle ó Espírito luz e forza.
Xosé Manuel Carballo,
Crego da diocese de Mondoñedo-Ferrol
Foto: Cathopic.com
Opina sobre esta entrada: