FESTAS PATRONAIS 2025

Santa María, a Patroa da Fonsagrada

septiembre 6, 2025 · 23:06 X

Coincidindo coas tradicionais “Feiras de Setembro” na Fonsagrada tamén celebramos, o día oito, a festa na honra de Santa María, a Patroa, como dicimos aquí.

Falando con propiedade, hai que dicir que a Patroa, e a Virxe do Rosario, á que se lle dedicou a construción da nobre capela lateral da igrexa parroquial, ao pé da localización orixinal da “fonte sagrada”, que da nome á Vila. Por motivos que descoñezo, en vez de celebrar a festa o día propio desta advocación, que sería o sete de outubro, mes do Rosario, trasladouse para o día oito de setembro, festa da Natividade da Virxe María.

Pero o importante, máis alá de datas, é que na Fonsagrada, no cumio da Montaña, se garda a memoria da Virxe María vinculada ás súas orixes, cunha imaxe dela tamén na fonte, que, segundo algúns historiadores, deu lugar a un pequeno santuario mariano, en torno ao cal foi medrando unha vila.

No plano relixioso das nosas festas hai que comentar outra peculiaridade. Sendo a Patroa, Santa María, celébrase moito máis o Corpus Christi. Pero tamén disto sacamos unha ensinanza: A Virxe María quere que miremos ao Fillo, presente na Eucaristía, pasando ela a un segundo lugar, como fan todas as nais.

Estamos en festas, e un ano máis eu quero poñer baixo o manto da nosa Nai a este pobo e a todo o concello da Fonsagrada, ás súas xentes, aos que nos visitan e aos que veñen traballar aquí, que ela, a Patroa, interceda por todos nos e, de modo particular, polos enfermos, os que están sos e os que teñen algún problema na súa casa ou no seu traballo.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de A Fonsagrada