ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO

Onde foi nacer Deus!

diciembre 28, 2024 · 13:37 0

Unha das afirmacións máis coñecidas de Rabindranath Tagore é: “Cada neno ao nacer tráenos a mensaxe de que Deus non perdeu aínda a esperanza nos homes!”. É comprensible que o Papa Xoán Paulo II a citase na súa viaxe apostólica á India (1986) como un recoñecemento á cultura espiritual do país e tamén polo amplo sentido que ten.

Nestes días os cristiáns celebramos o Nadal de Xesús de Nazaret, que supón un berro moito máis atrevido e grandioso có de Tagore: Deus faise neno na cova de Belén!! O que ademais supón unha grandísima valoración de toda vida humana, unha valoración radical das vidas que o capitalismo e a sociedade de consumo desprezan ou condenan de varios xeitos.

A carta de Paulo aos Filipenses danos o significado profundo de que Deus naza neno na cova de Belén entre os animais, xunto con que a súa nai, por non ter berce, o deite nunha manxadoira (Lc. 2,7). Nacendo así Deus faise humano e próximo a todos, en especial aos máis empobrecidos, por iso Paulo chámanos a ter a mesma actitude de Cristo Xesús pois “El, con ser de condición divina, non se agarrou cobizosamente a súa categoría de Deus; senón que se espiu do seu rango, asumiu a condición de escravo, fíxose un home normal e presentouse como tal; abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata a morte…” (Flp. 2, 5-11).

Os cristiáns cremos nun Deus que camiña connosco na historia como ben dicía o lema da Xornada Mundial dos Migrantes e Refuxiados de 2024, “Deus camiña co seu pobo”. Este Deus así presente na historia humana achégase ás persoas con insistencia, pero nunca asoballa e respecta a nosa liberdade como ben se expresa no libro da Apocalipse (3, 20): “Mira que hai tempo que estou a petar na túa porta. Se alguén escoita a miña voz e abre a porta, eu entrarei cabo del e cearía con el e el comigo”. É oportuno lembrar o que escribiron Miguel de Cervantes e Bartolomé de Las Casas: “A liberdade é o don máis precioso que os ceos deron aos homes”.

A actitude máis frecuente na historia da humanidade é afastar a Deus da vida cotiá e poñelo no cumio de montes ou lugares especiais apartados da vida diaria das persoas. Pero isto, por lóxico e humano que poida ser, non responde ao que celebramos nestes días e apártanos da radical novidade e Boa Noticia que para a humanidade supón que Deus naza na cova de Belén, porque non había sitio para eles na pousada. Deus faise solidario coa humanidade e especialmente cós máis excluídos como se relata en numerosos textos evanxélicos.

Téndese a facer o mesmo coa súa nai, María, muller sinxela da pequena aldea de Nazaret, a quen afastamos da vida cotiá adornándoa con roupas fastuosas e coroas máis grandes cás das raíñas e das emperatrices deste mundo. Pódese entender esta actitude porque María aporta moitisima máis ledicia, esperanza e fortaleza á humanidade ca esas persoas da historia. Pero María no evanxeo aparece servindo tanto nas vodas de Caná como despois da Anunciación cando vai axudar a súa curmá Isabel que lle di: “quen son eu para que me visite a nai do meu Señor?”. O Señor Xesús veu servir e non a ser servido.

Afirmar que o neno nacido na cova de Belén tamén é Deus e que a súa nai é igualmente Nai de Deus non debe levar a representalos a semellanza dos poderosos deste mundo. Ao revestilos coma os poderosos, ocultamos a radical solidariedade de Deus coas persoas, especialmente cos que máis padecen, e mesmo nos sería difícil entender o Magníficat cando di, “…alégrase o meu espírito en Deus o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña… Derruba do seu trono aos poderosos e fai subir aos humildes; aos famentos éncheos de bens e aos ricos despídeos baleiros” (Lc. 1, 46-55). Xesús non naceu nun palacio nin María era unha princesa ou potentada.

Celebrar a Deus tan mesturado coa vida humana cotiá para soster, alentar e salvar a cada persoa, fainos camiñantes esperanzados pola vida e comprometidos na fraternidade cos que camiñan connosco, camiñaron antes ou camiñarán despois cara á patria definitiva. Deus está tan presente na vida cotiá que Santa Tareixa de Xesús, a santa que seguramente máis influíu na vida espiritual española nos últimos 400 anos, escribe que “Deus anda entre os pucheiros”. Iso é tan certa como que estaba na cova de Belén e máis tarde camiñaba cara ao exilio en Exipto con María e Xosé (Mt. 2, 13-18)

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]