ANTÓN NEGRO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO | DELEGADO DE CÁRITAS

O ser humano, bastante máis que bioquímica

marzo 2, 2024 · 18:26 0

 Segue sendo de máxima importancia facerse a pregunta: que é o ser humano? Cando Viktor Frankl tiña 13 anos a súa profesora de Historia Natural en secundaria explicáballes a teoría de que os seres vivos, incluído o home, non son máis que un proceso de oxidación e combustión. Ante iso Frankl preguntou con decisión. “Que sentido ten, entón, a vida humana?”.

Lendo o libro “Vejez biológica y vejez biográfica” (2015) de Fernando Bandrés Moya atopo que a principios de 2000 dicíase que o ser humano tería uns 100.000 xenes, que posteriormente baixaron ata situarse entre 21.000 e 23.000, mentres que a uva ten descritos 30.434, a pulga de auga 31.000 e o millo 40.000 e conclúe: “Ao marxe da perplexidade inicial que estes datos nos producen, o que o cartografiado do noso xenoma e o reconto de xenes pon de manifesto é unha situación moito máis complexa, a saber, que o baixo reconto de xenes humanos comparado con outras especies é un sinal de complexidade, pois os nosos xenes teñen unha gran versatilidade”.

Con ter moitos máis xenes o millo non ten pensamento abstracto e simbólico, nin camiña, nin ten un proceso histórico que lle permita ir acumulando saber e cultura transmisibles aos seus descendentes. Isto leva a reflexionar sobre materia e vida, estrutura e experiencia, e a preguntarnos, que é a vida? A vida humana non se explica coa bioloxía, por iso, cando a Gregorio Marañón lle preguntaron polo mellor instrumento médico a empregar na consulta para diagnosticar a enfermidade dun paciente, contestou que era a “CADEIRA”, porque como afirma Rof Carballo: “O home natural non existe, é dicir, non pode existir un ser sen o próximo… non hai home sen o encontro interhumano”.

Non esquezamos que a vida humana ten catro dimensións: A biolóxica cos seus elementos bioquímicos que condicionan, pero non determinan a nosa vida. A psicolóxica con toda a súa riqueza de emocións, (auto) percepcións, estímulos-respostas, comunicación. A sociolóxica que nos fai membros de sociedades e culturas coa súa realidade institucional e estrutural. A espiritual, a máis decisiva na vida persoal, onde radica a liberdade e a conciencia, pois a persoa é máis que animal, que instintos, que a súa xenética… Todo nos configura como un ser unitario, harmónico e único; unha persoa coa súa radical dignidade, á que lle debemos respectar a súa conciencia (por iso existe a obxección de conciencia).

Viktor Frankl no seu libro “O home á procura de sentido” (axiña publicado en galego) refire que a primeiros de marzo do 45 un preso do campo de concentración contoulle cheo de esperanza un soño que tivera en febreiro: que serían liberados o 30 de marzo pero, ao non albiscarse a liberación, o 29 de marzo enferma, o 30 delira e perde o coñecemento e o 31 morreu de tifo, en realidade por decepción, perda da súa fe no futuro e vontade de vivir, o que diminuíu a resistencia do seu corpo á infección.

No campo de concentración constata Frankl que: “En canto xurdía o sentimento relixioso dos prisioneiros, este era o máis sincero que se poida imaxinar. E con frecuencia, o recén chegado quedaba sorprendido e conmovido pola profundidade e a forza das crenzas relixiosas”. Subliña que alí era posible desenvolver unha profunda vida espiritual, co que persoas de constitución feble eran capaces de afondar na vida interior e na liberdade espiritual; isto explica que prisioneiros de constitución menos resistente soportasen mellor a vida do campo que os de natureza robusta. Unha boa síntese deste feito é o seguinte dito de Nietzsche, «Quen ten un porqué vivir pode soportar case calquera como».

Frankl lembra que en calquera situación atopamos persoas de ben como as que nos campos de concentración ían polos barracóns reconfortando aos demais e dándolles o seu último anaco de pan, que aínda que eran poucos “ofrecen probas suficientes de que todo se lle pode quitar ao home, menos unha cousa: a última das liberdades humanas, elixir que actitude tomar ante calquera circunstancia, elixir o seu propio camiño”.

A vida das persoas máis humanas non ten suficiente explicación nas respostas materialistas e bioloxistas, pois o médico Rof Carballo recórdanos que sen a experiencia do sagrado o home non pode considerarse home. Para rematar voltamos ao tamén médico Fernando Bandrés: “Cego será quen non vexa que o ideal da etapa futura da nosa civilización será o retorno dos valores eternos e, por ser eternos, antigos e modernos; á supremacía do deber sobre o dereito; á revalorización da dor como enerxía creadora; ao desdén pola excesiva fruición dos sentidos; ao culto da alma sobre o corpo; en suma, por unha ou outra vía, á volta cara a Deus.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Delegado de Cáritas Lugo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]